Augas de Galiza confirma que non se pode desvincular a actividade das centrais das fábricas de ferroaliaxes

Satisfacción no comité pola resolución que desestima o recurso de Ferroatlántica

Cee -

O comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas amosou a súa satisfacción pola resolución que vén de emitir Augas de Galiza desestimando o recurso de alzada presentado pola empresa. A resolución confirma os argumentos defendidos polos traballadores e traballadoras dende o inicio do conflito: que o interese xeral que ampara a vinculación de actividades non mudou e que o Plan Industrial de Ferroatlántica é unha farsa.

Esta mentira quedou ao descuberto cando, nada máis coñecer a resolución inicial da Xunta, a empresa, con total descaro, deixou sen efecto o plan industrial, a pesar de defender que o interese xeral que sostén a vinculación de ambas producións podía ser intercambiábel polo mencionado proxecto industrial.

Ao tempo, continuou adiante co proxecto FerroSolar, mais levándoo de Arteixo a Puertollano, a pesar das millonarias axudas públicas recibidas por parte da Xunta en I+D nos últimos anos e do sobrecuste que este traslado suporá tanto de construción como de produción, tendo en conta os consumos enerxéticos e o transporte, entre outros.

Neste senso, hai que lembrar que a materia prima fundamental para a elaboración do silicio solar de calidade fotovoltaica, é o cuarzo que a empresa extrae da mina de Serrabal, outra concesión administrativa da Xunta de Galiza a Ferroatlántica.

Que a finalidade da segregación e venda das centrais non era obter liquidez nin realizar inversións ou proxectos en Galiza tamén quedou patente tras a adquisición por parte de FerroGlobe (grupo no que se integra Ferroatlántica) de novas plantas de  aliaxes de manganeso en Francia e Noruega. Instalacións que son competencia directa das fábricas de Cee e Dumbría.

O comité agarda que Ferroatlántica desista definitivamente

Ante este novo revés, o comité agarda que a empresa cese nas súas pretensións, ao terse aclarado definitivamente que non existe marco legal para que Ferroatlántica poida levar adiante a segregación de actividades. Non obstante, á vista das actuacións do grupo empresarial tanto no plano laboral como na utilización retorcida da lexislación, o Comité estará vixilante a cada paso que dea a empresa e actuará en consecuencia para defender o futuro industrial e o emprego na comarca.

De igual xeito, demandan do Goberno galego que impida que Ferroatlántica continúe a desmantelar o tecido industrial que ten en Galiza, e que espolie e explote os nosos recursos naturais, mentres recibe millonarias axudas públicas para xerar riqueza e emprego fóra do noso país.

Volver