Avanzan as negociacións coa Consellaría, pero mantéñense as xornadas de paro no transporte

Os contratos reflectirán o persoal necesario para cubrir o servizo e a obriga de subrogalo

Nacional -

A xuntanza deste venres entre as centrais sindicais e a Consellaría de Infraestruturas deixa avances nas cuestións referidas ao persoal, mais dende a representación social xa se advertiu que o plan de transportes da Xunta segue estando en cuestión, polo que se manteñen as dúas xornadas de folga convocadas no sector para o martes e mércores da vindeira semana.

Na reunión celebrada esta mañá, que tal e como se acordara no encontro tripartito da tarde do xoves foi entre a representación sindical e a Consellaría, rexistráronse avances en materia de persoal, no sentido de que nos contratos aparecerá reflectido o número de traballadores/as necesarios para cubrir o servizo e a obrigación de subrogalos/as.  Ademais, explica o responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, establécese a obriga expresa de respectar na súa totalidade os dereitos do persoal subrogado, incluídos os pactos de empresa que están por enriba de convenio.

O incumprimento destas dúas cuestións pode levar aparellado a rescisión do contrato e a perda do mesmo conlevará para a compañía non poder acceder a ningún contrato da Xunta nun prazo de 10 anos.

Tamén se acordou establecer a obriga de pór disco tacógrafo en todos os destinos, incluídas as rutas de menos de 50 km. Para a CIG, este é un importante avance xa que a central sindical leva anos demandando que se poña o tacógrafo en todas as rutas, para garantir así o control da xornada laboral efectiva e mellorar a seguridade. Xunto isto, a administración comprometeuse a estabelecer un control da xornada para as  persoas acompañantes.

A pesar destes avances, apunta Pastoriza, as centrais sindicais manteñen a convocatoria de folga para a vindeira semana e o rexeitamento ao plan de transporte formulado pola Xunta, "en concreto ao feito de que a obriga de subrogación non alcanza a todos os traballadores e traballadoras, xa que o persoal necesario para cubrir os novos contratos é inferior ao que estaba traballando nas antigas rutas".

Xunto a isto, subliña, a dotación económica dos contratos non chega para pagar os salarios do persoal "e polo  tanto, moito menos para pagalos nestes novas condicións". Neste punto, a Consellaría amosouse disposta a revisar a dotación económica e a incrementala para garantir o respecto ás condicións salariais.

Ao remate da xuntanza, a Consellaría de Infraestruturas comprometeuse a recoller todas as cuestións abordadas hoxe nun documento que remitirá ás centrais sindicais, para o seu estudo polo miúdo. As conversas continuará o vindeiro luns nunha xuntanza ás 16 horas en Compostela.

Volver