Bolivia: Da derrota táctica á vitoria estratéxica

Katu Arkonada - 11 Mar 2016

O pobo boliviano votou Non á repostulación, pero iso non implica un Si ao retorno do neoliberalismo, sobre todo logo das ensinanzas que se extraen da experiencia arxentina. Cómpre impedir que a dereita se apropie, e resignifique a idea do cambio

 135.154 votos, esa é a diferenza entre os votos a favor do Non e do Si no referendo pola repostulación do Presidente Evo Morales.

 Pero máis aló da imaxe que queren presentar algúns “analistas” dun país dividido, o único que demostra esa escasa diferenza é unha campaña electoral de alta intensidade na que os votos do Non carecen de paternidade política, non hai ningún líder ou partido político que poida atribuílos para si, mentres que os votos do Si se poden contar como un apoio incondicional ao goberno de cambio que encabeza Evo.

 Unha vez coñecidos os resultados finais e sobre todo debido á estreita marxe entre unha e outra opción, é necesario reflexionar con detemento sobre os resultados e a campaña electoral, onde atopamos algúns méritos da dereita e o imperialismo, e algúns erros do oficialismo, que serán chave analizar para encarar a Bolivia 2016-2019. É nos próximos 3 anos onde a derrota táctica sufrida neste referendo pode servir como impulso para lograr unha vitoria estratéxica en 2019.

Factores da derrota táctica

 Podemos sintetizar en 5 os factores que motivaron a vitoria do Non no referendo:

As clases medias. Esta batalla era difícil de gañar, nunca se puido revereir a idea instalada nas clases medias que identifica democracia con alternancia. A hexemonía do neoliberalismo no ámbito cultural impide decatarse que a verdadeira democracia é que o pobo poida escoller o seu modelo económico e político, así como os líderes para levar adiante as transformacións que implican estes modelos.

 Mocidade. Outro dos novos actores do panorama electoral aos que o proceso de cambio non interpela como a outros pois non coñeceu o neoliberalismo nin a desaparición do Estado. Actor, a mocidade, que adopta posicións tremendamente individualistas (non hai máis que lembrar o hashtag #RespetenMiVoto) pero que non se pode obviar, pois xa quedou demostrado que as redes van ser un dos campos de batalla de cara a 2019. Así mesmo, desde estes sectores emerxeu un preocupante racismo, froito dun colonialismo interno, soterrado nos últimos anos pero que non desaparecera, que debe ser combatido de xeito intelixente.

Guerra sucia. A combinación de sicariato mediático co intento de construír unha “revolución de cores con características bolivianas”, todo iso co apoio de operadores da Embaixada de Estados Unidos en Bolivia, cando non do mesmo Encargado de Negocios Peter Brennan, é un factor que incidiu na campaña electoral. Non hai que esaxerar o seu rol na campaña, pero sería un erro aínda maior subestimalo.

Erros propios. A guerra sucia logrou impoñer unha axenda mediática (Fondioc, Zapata, El Alto) á que non se soubo responder oportunamente desde o oficialismo. Cunha estratexia comunicativa acaída quizais se conseguise rabuñar os votos suficientes como para dar a volta ás porcentaxes.

Eco rexional. O refluxo do cambio de época que vive América Latina tamén se deixou sentir en Bolivia. O impacto das vitorias da dereita en Arxentina e Venezuela non se conseguiu deter en Bolivia, agravando a crise do ciclo nacional-popular na rexión. Quen si o tiveron máis claro que as clases medias foron os traballadores migrantes bolivianos que votaron en Arxentina a favor do Si nunha porcentaxe do 82%.

Horizontes para a vitoria estratéxica en 2019

 Se 5 son as razóns da derrota do Si no referendo, 5 son tamén os horizontes que van permitir a vitoria e continuidade do proceso de cambio en 2019:

Suxeito do cambio social. Quedou demostrado quen está contra vento e marea co proceso de cambio, quen non abandona o proxecto que cristaliza na figura de Evo Morales nin na peor das circunstancias, e ese é o movemento indíxena orixinario campesiño e sectores arredores. A ese suxeito é a quen hai que dirixir as políticas sociais e beneficios do proceso de cambio durante os próximos 3 anos, deixándose de complexos coas clases medias.

Programa. Faise necesario definir un horizonte programático cos sectores e organizacións sociais. Combinar a até o de agora máis que boa xestión e a execución da Axenda Patriótica 2025 con políticas feitas xunto aos movementos sociais.

Normalidade revolucionaria. Pero dado que a xestión non é sexy, logo de 10 anos de proceso de cambio hai que pasar da excepcionalidade utópica á normalidade revolucionaria. Debemos seguir afondando no proceso de cambio e construír as bases para avanzar no proceso revolucionario, comezando pola formación política das maiorías sociais.

Revolución ética. E para afondar no proceso, é necesario desterrar calquera indicio de malas prácticas na xestión pública, e perseguir de xeito implacábel calquera nódoa de corrupción entre os servidores públicos ou dirixentes políticos do proceso.

Liderado. É imprescindíbel pechar filas detrás da figura de Evo Morales, líder insubstituíbel da revolución democrática e cultural boliviana. En 2018, a un ano das eleccións decidirase quen conforma o binomio e haberá que asegurar o apoio de todas e todos os militantes do proceso para garantir polo menos o 50% de voto duro que permita gañar as eleccións e por que non, preparar o terreo para o regreso de Evo como Presidente en 2025.

 É claro que se cometeron erros durante a campaña, erros que impediron gañar o referendo, pero o voto duro que non variou prácticamente desde o 54% que permitiu gañar as eleccións en decembro de 2005 e tras 10 anos de xestión de goberno, debería servir de pértega coa que superar todos os obstáculos que a dereita boliviana e o imperialismo vaian colocando ao proceso de cambio durante os 3 próximos anos. Algunhas conquistas do proceso de cambio son xa irreversíbeis; non hai máis que ver como a oposición racista e xenófoba que atacaba a Asemblea Constituínte golpeando e humillando as irmás e irmáns campesiños e indíxenas, converteuse na maior defensora dunha Constitución que consagra os dereitos sociais, políticos e económicos das maiorías sociais.

 O pobo boliviano votou Non á repostulación, pero iso non implica un Si ao retorno do neoliberalismo, sobre todo logo das ensinanzas que se extraen da experiencia arxentina. Cómpre impedir que a dereita se apropie, e resignifique a idea do cambio, é necesario priorizar as políticas sociais para o suxeito do cambio, e xerar políticas comunicacionativas para as clases medias e a mocidade. Se corriximos estes erros, o proceso de cambio irá a máis e os intentos da dereita, ás veces coa complicidade da esquerda lightberal, veranse frustrados definindo un horizonte que canto menos, se estende até 2025. En definitiva, e como escribiu Hugo Moldiz en Twitter o 24 de febreiro, con Evo converteremos a derrota táctica en vitoria estratéxica.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Alainet’, do 29 de febreiro de 2016]