Bombeiros/as forestais exixen á Xunta a inmediata convocatoria da OPE para rematar coa precariedade

Entregaron as sinaturas recollidas entre o persoal en denuncia da enorme temporalidade que sofren

Nacional -

Traballadores/as do Servizo de Prevención e Extición de Incendios Forestais da Xunta de Galiza (SPDCIF) manifestáronse esta mañá diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza en San Caetano (Compostela) para denunciar a enorme temporalidade que padecen e reclamar a inmediata convocatoria da OPE como persoal laboral. Xunto a isto fixeron entrega no rexistro das sinaturas recollidas entre o persoal.

Segundo denunciaron, a temporalidade afecta ao 40% dos traballadores/as e non se convoca ningunha Oferta de Emprego Público (OPE) desde o ano 2003, malia as organizacións sindicais e a Xunta de Galiza ter asinado un acordo, en setembro do pasado ano, polo que a administración se comprometía a destinar o 20% das prazas de emprego público, do total das que se ofertaran nos seguintes catro anos, para o SPDCIF.

A pesar disto, das prazas convocadas para este ano ningunha é para o SPDCIF. Por iso o representante da CIG, Xesús Dorado Noia, denunciou o “grave incumprimento” por parte da Xunta dos seus compromisos.

Xunto a isto chamou a atención sobre o feito de que do total do persoal que conforma o SPDCIF, só 800 traballadores/as teñen contrato os doce meses do ano (e moitos deles tamén son interinos); 600 traballan 9 meses e un total de 436, só durante 3 meses, polo que non teñen dereito sequera a unha prestación por desemprego.Unha situación que, afirmou, provoca “unha enorme inseguridade laboral e desprotección”.

De aí que reiterara a exixencia do cumprimento dese acordo onde se recolle expresamente a redución da taxa de precariedade ou temporalidade, mediante as correspondentes ofertas públicas de emprego para prazas de persoal laboral, previo a calquera proceso de funcionarización que se puidera acometer neste ámbito. “Unha administración pública non pode permitir que parte do seu persoal estea nunha situación laboral como esta”, matizou Dorado.

Ademais, para o representante da CIG, contar con persoal suficiente no dispositivo ao longo de todo o ano permitiría reforzar os labores de prevención durante os meses previos á tempada de alto risco.

Volver