Bombeiros/as de todo o país mobilizaranse este luns en Ourense contra a xestión privada do servizo

A manifestación, convocada pola Mesa Intersindical, sae do parque municipal ás 12.00 horas
Vigo - 15 Abr 2016
O colectivo de bombeiros/as galegos/as percorrerá este luns 18 as principais rúas de Ourense para rexeitar a privatización do servizo e reclamar a xestión directa por parte das Administracións públicas. A manifestación, convocada pola Mesa Intersindical co apoio da Plataforma de Bombeiros Públicos e a Coordinadora Unitaria de Bombeiros Profesionais, arrincará ás 12.00 horas do parque municipal e rematará diante da sede da Deputación.

A mobilización, á que están chamados/as uns 900 profesionais tanto públicos como privados, foi acordada na xuntanza da Mesa Intersindical -da que fai parte a CIG- celebrada en Santiago o pasado 31 de marzo. A decisión adoptouse de xeito consensuado e por unanimidade tras comprobar a inquedanza que xera no sector a intención do Consorcio Provincial de Extinción de Incendios e Salvamento de Ourense de sacar a concurso a xestión dos parques de bombeiros/as do Carballiño, Verín, Xinzo e Valdeorras. “Os tres últimos xa se atopan dirixidos por empresas privadas, mentres que o primeiro, logo de seren construído e dotado de vehículos e material con cartos públicos, preténdese poñer en funcionamento baixo xestión privada”, denuncian.

Dende a Mesa Intersindical lembran que o órgano de goberno do Consorcio Provincial está composto de xeito paritario pola Xunta de Galiza e pola Deputación de Ourense e sinalan que se ben é certo que o presidente provincial, Manuel Baltar, xa deixou claro o seu interese por continuar coa xestión privada do servizo público de bombeiros/as, a Vicepresidencia da Xunta está a 'marear a perdiz'. “Por unha banda aseguran que non teñen inconvinte en valorar a proposta de rescate do servizo, e pola outra amosan claramente a súa postura en prol de deixar en mans privadas a xestión dos parques galegos”, critican.

Diante disto, decidiron de xeito consensuado e por unanimidade de todos/as os bombeiros/as asistentes convocar unha manifestación para amosar o seu rexeitamento a un modelo que supón a privatización dos parques. A marcha partirá do parque municipal ourensá ás 12.00 horas e rematará diante da sede da Deputación de Ourense.

A mobilización fai parte da campaña de protestas que o colectivo desenvolve baixo o lema “Rescátanos” para reclamar a xestión directa do servizo por parte das Administracións públicas, o que segundo os cálculos da Mesa Intersectorial permitiría un aforro de até un 30%. Na actualidade unicamente 1 de cada 3 parques está en mans públicas, o que supón que un total de 23 destas instalacións estean xestionadas por diferentes empresa privadas. Os arredor de 420 traballadores/as destes parques levan máis de dous anos en folga para denunciar esta situación.