Brasil: Outra vez a alternativa é entre “socialismo ou barbarie”

Carlos Aznárez - 09 Out 2018

Faise necesario comprender que os Bolsonaro, os Macri e outros similares son pezas dun plan de recolonización continental impulsada polo imperialismo estadounidense, que ambiciona xa non ficar co “patio traseiro” senón con todo o edificio e as riquezas que este garda

 O máis temido mais previsíbel á vez, xa ocorreu. Bolsonaro estivo a piques de obter a presidencia de Brasil en primeira volta e, grazas ao voto consecuente da xente pobre do Nordeste, quedou na porta. Saliento o o de consecuente xa que houbo infinidade de barrios periféricos das grandes cidades e pobos de diferentes Estados, onde non só viven os máis atrasados e espoliados do Brasil profundo senón tamén son amplos redutos afrodescendentes, que por esas cousas que facilita esta “democracia” se decantaron polo Hitler latinoamericano.

 Son múltiplos os aspectos e causas que influíron na conformación deste escenario, que aínda que non é definitivo (non o pode ser até que se conte o último sufraxio o próximo 28 de outubro) obriga a prender todas as luces vermellas posíbeis.

 En primeiro lugar, como vén ocorrendo noutros países do continente e do Terceiro Mundo, a razón principal segue sendo este enfermizo apego a soster “democracias” burguesas que só serven para emboscar e facer retroceder calquera posibilidade de construír unha alternativa liberadora. Estas falsas opcións coas que non se come, non se educa, non se cura e menos se medra nun marco de certa dignidade para os nosos pobos, son o corsé fundamental para nos “entreter” no mellor dos casos e dividirnos desde a esquerda, co fin de nos domesticar pola dereita.

 Cantas veces máis imos probar a fórmula que nos impón este sistema que lentamente se vai semellando ás dinastías opresoras da Idade Media? É precisamente neste marco en que xorden primeiro como xogadores periféricos, e despois van institucionalizándose aos poucos, os expoñentes máis declaradamente fascistas ao estilo Jair Bolsonaro ou Donald Trump, tamén están os Macri ou os Piñera que non quedan atrás nos métodos que aplican, aínda que pretendan disimular o seu apego a unha dereita extrema. Os primeiros lanzan un discurso onde substitúen a palabra “cambio” por “orde”, e así convencen moi doadamente a sectores importantes da poboación que acreditan en que os problemas da inseguridade se resolven con máis policías ou expulsando os inmigrantes. Moitos deles e elas pensan que para se conservaren puros e impolutos cómpre lanzarse á caza (primeiro discursivamente, e logo nos feitos, como ocorreu con Marielle Franco) das disidencias sexuais, os e as afrobrasileiras ou todo aquel ou aquela que non comungue coas súas prácticas de clara raíz patriarcal. É por iso polo que tamén está no punto de mira dos seus odios o feminismo popular que se lles opón e os denuncia nas rúas.

 Obviamente, para que esta operación de envelenamento ideolóxico teña maior entidade, a maioría de quen comunga con prácticas autoritarias, foi cociñada a lume lento pola prédica dos medios hexemónicos.

 Así, da noite para o día, personaxes como Bolsonaro, que case sempre cando irrompen son subestimados pola esquerda, non teñen pelos na lingua para expresar calquera tipo de ameazantes propostas, e ser recibidas con fanática aceptación polos seus interlocutores. Insisto, non toda a audiencia de Bolsonaro son homes brancos e de clase media alta.

 Desta forma vaise perfilando o primeiro elo de construción do fascismo nun corpo social enfermo e convenientemente desilusionado pola “política”. En realidade, non é distinto ao ocorrido na Alemaña pre-hitleriana ou na Italia pre-mussoliniana, e xa se sabe en que terminou aquela historia.

 Necesario é comprender ademais que os Bolsonaro, os Macri e outros similares son pezas dun plan de recolonización continental impulsada polo imperialismo estadounidense, que ambiciona xa non ficar co “patio traseiro” senón con todo o edificio e as riquezas que este garda.

O outro gran factor que posibilita estes rápidos ascensos de extrema dereita son os propios erros (ou horrores) que se cometeron no propio campo da esquerda progresista. No caso especial de Brasil, é obrigatorio nomear o Partido dos Trabalhadores, que gobernou durante tantos anos e que aínda que abriu un amplo abano de liberdades e impuxo importantes cambios sociais (moitos deles de corte unicamente asistencialista) non quixo romper o molde do capitalismo, e foi abandonando aos poucos a idea orixinal (coa que o propio Lula axitaba nas súas orixes aos traballadores metalúrxicos) da opción polo socialismo, ficando estancado só no “progresismo”. Aquí vén outro tema substancial e trátase de entender que esa matriz ideolóxica ten límites moi concretos, e co fin de chegar e logo sosterse nun goberno xera alianzas que despois lle custan a vida, eufemisticamente falando. Non é o mesmo aspirar a unha práctica progresista que ter unha forte aspiración de percorrer un rumbo revolucionario. Nese sentido tampouco é casualidade que do amplísimo mapa de gobernos de características populares que até hai pouco se mantiñan en pé no continente, só permanecen en pé Cuba (como sempre, un faro indispensábel), a Venezuela bolivariana e a Bolivia plurinacional de Evo Morales.

 O terceiro factor a ter en conta na difícil conxuntura brasileira é que, máis aló do esforzo e o sacrificio asumido nas rúas de todo o país por algúns dos máis importantes movementos sociais como son os Sem Terra e os Sem Teito, ambos aliñados en frontes que reivindican a esquerda popular e socialista, a mobilización das masas non estivo á altura das circunstancias en todos estes meses, e en especial desde a inxusta detención de Lula. Este feito, o encarceramento dun líder popular e o ex presidente que maiores posibilidades brindou aos máis humildes, debería desencadear unha importante revolta social, con centos de miles de persoas nas rúas. Isto non ocorreu así, e nese aspecto pesa outra vez a errada idea de que todos os problemas se resolven coa “democracia” e as urnas que esta ofrece como instrumento, cando é na loita nas rúas onde os pobos lograron historicamente as súas máis altas conquistas. Iso entendérono moi ben os militantes do MST e os seus liderados, cando ademais de se mobilizaren constantemente e mesmo manteren case en solitario o campamento fronte á cadea onde encarceraron a Lula, lanzaron unha mensaxe cara ao futuro, sinalando que se a esquerda representada por Haddad-Lula gañase as eleccións, o goberno que se derivase diso debería abandonar calquera tentativa de “conciliación de clases” e emprender mudanzas fondas nun viraxe radical cara á esquerda e o socialismo.

 Agora ben, conveñamos que o escenario que se abriu este pasado domingo é dunha notoria gravidade, e que o que ocorra o 28/Ou non só afectará a Brasil senón a toda a Patria Grande. Nese sentido, sabedores de que outra vez a sorte haberá que xogala no campo do inimigo, resulta indispensábel atopar os mecanismos para facer un esforzo descomunal a fin de frear o ascenso do fascismo representado por Bolsonaro. Por unha banda, imponse a unidade de toda a esquerda e o campo popular, que, abandonando nesta ocasión a linguaxe “politicamente correcta” e calquera tentativa de “boísmo” que adoita cala nalgúns sectores, se expresen e actúen radicalmente. É indispensábel que se xere confianza en que se Fernando Haddad obtén a vitoria (que non é para nada imposíbel) se van realizar e cumprir por fin con todas as demandas que o movemento popular vén esixindo desde hai anos, e que pasan por reforma agraria, nacionalización do comercio exterior, rematar coa ditadura dos “grandes medios” e outras reivindicacións de carácter revolucionario. Porque o fascismo non se derrota con discursos nin prácticas moderadas senón con toda a forza que impoñen as circunstancias de estar entre a vida e a morte. Iso é importante que se teña en conta á hora de facer unha campaña de poucos días onde haberá que enfrontar a todos os poderes fácticos, desde o aparello gobernamental-empresarial e eclesiástico (sobre todo o evanxélico Pentecostal) até a andanada descerebrante dos mass media.

 O discurso diferenciado entre un candidato e outro debe non ser simplemente unha expresión de linguaxe, senón o tentar convencer que como noutras ocasións da historia a alternativa é “socialismo ou barbarie”. E que se esta última triúnfa, os prexudicados, como sempre, serán os e as humildes e non poucos sectores da clase media brasileira. O desafío está aí, a consigna é tan coñecida como necesaria: “Non pasarán”.

 

[Artigo tirado do sitio web Resumen Latinoamericano, do 8 de outubro de 2018]