Cabazas para o conselleiro de Educación para simbolizar o seu suspenso por aplicar as reválidas

A PGDEP fai un chamamento aos centros para que o 20 de outubro se concentren no recreo contra a LOMCE e as probas

A Coruña -

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público realizou este xoves 13 de outubro, no Rexistro da Xunta, en Santiago un acto simbólico de entrega de cabazas ao conselleiro de Educación para simbolizar e visualizar o gran suspenso da Consellaría de Educación por aplicar a reválidas. Este acto forma parte da campaña “Nin reválidas nin LOMCE” que leva adiante a PGDEP e que continuará o próximo 20 de outubro cunha chamada aos centros para que o profesorado e o alumnado fagan concentracións durante o recreo.

Anxo Louzao, en representación da PGDEP, lamentou que o conselleiro de Educación continúe “empeñado e obsesionado con levar adiante as reválidas malia que a inmensa maioría da comunidade escolar está en contra”. Neste sentido insistiu en que “máis do 80 por cento das familias decidiu non enviar os seus fillos e fillas a facer as probas o curso pasado”.

Louzao lamentou que o Goberno manteña o calendario de aplicación da LOMCE, que supón a implantación agora das reválidas de 4º da ESO e de 2º de Bacharelato. LembroU que neste curso a de 2º de Bacharelato vai ser fundamental para o acceso á Universidade e que no o 2018 xa van ter valor académico. “A Consellaría de Educación tense que por á fronte da sociedade galega que está rexeitando as reválidas. Non podemos consentir que se continúe con esta irresponsabilidade, con este desatino e con esta vasalaxe e submisión permanente ao Goberno central, cando a maioría da sociedade e das familias están en contra”, insistiu Anxo Louzao que tamén subliñou que neste momento a maioría das administracións educativas xa tomaron posición en contra destas probas, mentres que conselleiro de Educación o único que fixo foi, en campaña electoral, solicitarlle ao Ministerio que as reválidas de 4º da ESO sexan só de diagnóstico e que non teñan valor académico.

A PGDEP anunciou que continuará coas mobilizacións coa firme vontade de conseguir derrogar a LOMCE e as reválidas por tratarse dunha lei lesiva, “centralizadora e españolizadora do sistema educativo” que ademais “desvalorizadora do labor docente”.

Accións que se van realizar

A PGDEP continuará coa recollida de sinaturas contra a LOMCE e as reválidas e con charlas informativas nos centros. Xunto a isto, presentará mocións nos concellos e solicitará entrevistas cos grupos parlamentarios, ademais de accións concretas nas redes sociais.

O día 20 de outubro, a PGDEP convoca concentracións de alumnado e profesorado nos centros de ensino, durante a hora do recreo, para amosar o seu rexeitamento á LOMCE coincidindo coa celebración dun referendo convocado por ERGUER –que forma parte da PGDEP- ao que está chamado a participar o alumnado de diversos centros do país. Pedirase aos centros que penduren en lugares visíbeis pancartas co lema “Nin reválidas nin LOMCE” e o 26 a PGDEP apoiará o estudantado na seu paro contra a LOMCE.

Volver