Cadea humana arredor da Torre de Hércules para rexeitar o "fraudulento" ERE en Extel

Traballadoras e traballadores da Coruña secundan este martes unha nova xornada de folga contra os 205 despedimentos
A Coruña - 18 Out 2016
Traballadoras e traballadores de Extel realizaron este martes, coincidindo cunha nova xornada de folga, unha cadea humana arredor da Torre de Hércules para manifestar o rotundo rexeitamento ao ERE que a empresa pretende aplicar. O persoal, que sorprendeu coa súa acción ás e aos visitantes, aproveitou tamén para desenvolver unha pequena manifestación rodeando o emblemático faro ao berro de "Este ERE ímolo parar".

Esta nova xornada de folga en Extel -cun amplo seguimento- conclúe o calendario de mobilizacións aprobado até agora en contra do expediente de regulación de emprego e que na plataforma da Coruña afectaría a 205 traballadoras e traballadores. 

Porén, tal e como sinalaba Yolanda Martínez, delegada da CIG, "seguimos na loita porque non hai causa que xustifiquen estes despedimentos. Vimos á Torre a berralo ben alto para ver se Extel, Movistar e Adecco se enteran de que non imos aceptar este ERE", aseveraba ao pé do monumento Patrimonio da Humanidade.

Martínez adiantou que as vindeiras mobilizacións virán marcadas polo propio período de consultas, pois para esta mesma semana están programadas dúas novas reunións, mais segundo a empresa, o prazo de negociación remata xa o día20. Unha data que a representación social descarta "posto que a documentación do ERE foi entregada con posterioridade".

A delegada da CIG reiterou que "continuamos a demandar a presenza de Telefónica nas mesas de negociación porque é a máxima responsábel desta situación". Aínda que dende Extel se asegura que convidou a multinacional a participar na mesas, "até o momento non houbo resposta".

De igual xeito, a Sección Sindical da CIG demanda información sobre a suposto descenso de carga de traballo e para onde vai ir ese servizo: "insistimos, as chamadas non desaparecen, a clientela segue chamando".

En canto á repercusión das xornadas de folga no servizo de atención telefónica, sinalou que nas chamadas ao 1004 "o servizo informa que por problemas 'técnicos' non poden atender as chamadas e remiten á tenda, á páxina web, nalgún caso desvían a outras plataformas, ...pero polo xeral, ao longo dos días de folga é practicamente imposíbel poder falar cunha teleoperadora ou teleoperador".