“Caos” no HULA: 20 doentes agardan por unha cama mentres a Xerencia mantén 120 pechadas

CIG-Saúde denuncia a situación “extrema” que se viviu en Urxencias
Lugo - 17 Set 2019

Tras varios días de colapso no servizo de Urxencias do HULA por falta de camas -que continúan a estar pechadas-, a CIG-Saúde de Lugo denuncia que este luns, día 16 de setembro, a situación “foi extrema” e que continúa no día de hoxe.

Segundo explican, hai en Urxencias 9 doentes en espera de cama para ingresar en planta e 5 máis para ingresar en Observación. Á súa vez Observación ten 6 doentes á espera de cama en planta.

“Porén, a día de hoxe segue a haber 102 camas pechadas que non están dispoñíbeis malia a Xerencia dicir que se fose preciso as abrirían”, lembran. Por iso acusan á Xerencia de mentir, á vista de que “hoxe hai 20 doentes nas urxencias agardando por unha cama, mentres manteñen esas 102 pechadas”.

Reforzos escasos e precarios

A CIG-Saúde de Lugo denuncia tamén que os reforzos “son escasos e precarios”. Neste sentido sinalan que esta noite “reforzouse o servizo de urxencias cunha DUE de 00:00 horas a 07:00 da mañá aínda sendo necesario para a quenda completa (22:00 – 08:00) para non pagar os incentivos que tería unha quenda de noite completa, afondando así na precariedade laboral, ademais da asistencial.