Cara a un novo espazo neofascista global

Juan Hernández Zubizarreta e Pedro Ramiro - 26 Nov 2019

O neofascismo actual diferénciase do fascismo clásico en que pode convivir, polo menos polo momento, coas institucións representativas do modelo liberal e coas institucións xurídicas do Estado de Dereito. Iso si, baleiradas de contido e reenviadas á esfera estritamente formal

 A globalización precarizou a grupos sociais que se viron brutalmente excluídos, xerando o bloqueo da mobilidade ascendente e a descualificación de estrato social. Ante o colapso das sociedades occidentais baseadas no consumo a crédito e no mito das clases medias, no transcurso dunha crise civilizatoria que desarticula as mediacións político-institucionais, estase producindo un avance do neofascismo a escala global. Un novo réxime vinculado á fonda crise que padecemos e que Boaventura de Sousa cualificou como fascismo social. Así tenta sosterse a arquitectura político-económica xerada desde o poder corporativo, co Estado xogando un papel que abala entre a compracencia e a complicidade.

Desposesión e neofascismo

 Nas últimas décadas, ante as dificultades para impulsar outro ciclo longo de crecemento económico, as grandes corporacións puxeron en marcha unha ambiciosa estratexia de redución de custos e expansión a novos sectores e nichos de negocio. Dado que o sistema económico corre risco de colapsar se non medra de forma continua e que as grandes empresas, no marco da competencia nos mercados capitalistas, necesitan aumentar os beneficios ano tras ano para non crebaren ou seren absorbidas por outras, resulta fundamental incorporar constantemente novas áreas de negocio á lóxica mercantil, o cal se leva a termo mediante a expropiación ás maiorías sociais dos seus dereitos, do acceso aos recursos e dos seus medios de vida. Prioridade ao valor de cambio fronte ao valor de uso.

  No neoliberalismo, a mercantilización, a privatización e a financeirización convertéronse nos eixes centrais da acumulación por desposesión. Lonxe dos preceptos dos teóricos neoliberais que preconizan o laissez-faire, aplicouse de forma rigorosa a doutrina de privatizar os beneficios e socializar as perdas.

 A escala europea, Grecia e o Estado español constitúen exemplos de manual. En ambos os casos, despois do enorme transvasamento de fondos desde as arcas do Estado ás entidades financeiras para evitar a súa bancarrota, viñeron as receitas neoliberais e os programas de “austeridade” para facer viábel o pagamento das débedas. A crise económica converteuse nunha escusa perfecta para avanzar sen apenas freos sociais nin xurídicos na privatización de servizos públicos que até daquela parecían vedados para o capital. Co patrocinio da Unión Europea e as institucións económico-financeiras internacionais, as empresas transnacionais e os fondos de investimento aproveitaron a reapertura de portas en sectores como a auga, as pensións, os transportes, as infraestruturas, a educación, a sanidade.

 A receita foi tan efectiva como pouco innovadora; de feito, apenas mudou desde os inicios do neoliberalismo. É un guión que se veu repetindo ao longo dos últimos corenta anos: flexibilización laboral, privatizacións de compañías públicas, descenso do tipo efectivo do imposto de sociedades e da presión fiscal para as grandes fortunas, diminución do gasto social. En resumo, unha xigantesca transferencia de recursos desde as maiorías sociais ás elites político-empresariais.

 Neste marco, as persoas convertéronse nunha mercadoría máis. Volvéronse prescindíbeis os que non participen da sociedade de consumo ou non acheguen valorización ao proceso de reprodución do capital. Nun “capitalismo que parece que se esfarela sen atopar solución ás súas crises sucesivas, e que fai de homes, mulleres e nenos simple material de refugallo”, como lembra Emmanuel Rodríguez, a violencia utilízase para distinguir quen pode ser substituíbel e quen non. Unha sorte de guerra social que non pretende lograr unha vitoria definitiva, senón que se asenta como un período de longa duración. Non se trata dunha ameaza futura, é a condición sistémica do modelo capitalista e patriarcal do presente.

Constitución económica

 A democracia liberal-representativa e as súas institucións transitan por espazos cada vez máis afastados dos verdadeiros conflitos globais que se moven entre a vida e a morte. O capital e as empresas transnacionais lanzáronse á destrución de calquera dereito que impida a mercantilización a escala global. Se as elites queren manter e seguir aumentando os seus beneficios, as prácticas contra as persoas, as comunidades e a natureza vanse ir extremando. O capitalismo, que pasou de vez os límites biofísicos do planeta, transfórmase en puro espolio territorial. Á vez, o sistema financeiro especula coa propia existencia e dispón dun poder que lle permite expropiar o que xa existe.

 Como di Yayo Herrero, “a economía globalizada asenta o fascismo territorial a partir da enxeñaría social e a racionalidade económica que considera que as vidas e os territorios importan só en función do ‘valor engadido’ que produzan”. Iso implica situar a mercantilización da vida no vértice da xerarquía de valores, procedementos institucionais e normas xurídicas. E aí os dereitos humanos vanse baleirando como categoría substantiva ao perder espazo normativo. Esta tendencia desenvólvese e evoluciona de xeito diferente segundo os países, tempos, territorios e formas concretas de se levar a cabo. Pero, preguntámonos, é só unha simple desviación temporal e conxuntural do sistema democrático con sinais autoritarios? Ou, pola contra, estase apontoando un novo espazo neofascista cada vez máis institucionalizado e xeneralizado?

 Non hai dúbida de que este espazo non é o mesmo dos anos trinta ou corenta do século pasado, xa que agora se vincula coa crise civilizatoria que atravesamos. En 1933 o Partido Nazi alcanzou o poder pola vía electoral e en apenas dous meses construíu unha ditadura. Mussolini pasou dun sistema democrático a unha ditadura dun xeito máis lento, pero igual de rotunda desde o punto de vista da creación dun réxime autoritario. O neofascismo actual diferénciase do fascismo clásico en que pode convivir, polo menos polo momento, coas institucións representativas do modelo liberal e coas institucións xurídicas do Estado de Dereito. Iso si, baleiradas de contido e reenviadas á esfera estritamente formal. Non se necesita sacrificar as contendas electorais para ir construíndo unha arquitectura política sostida en ideas neofascistas, xa que se xera desde entes privados e desde o poder corporativo.

 É unha nova dimensión que convive cos chamados Estados democráticos liberais. Tras o crash de 2008 foise consolidando a tendencia pola que os gobernos deben acatar “normas inviolábeis” que subtraen as regras do mercado ao control da democracia representativa. Trátase de aprobar e constitucionalizar unha serie de límites non negociábeis pola soberanía popular. Deste xeito a democracia convértese nun procedemento de designación de gobernantes, cuxas decisións quedan constrinxidas por unha armadura xurídica infranqueábel á marxe da alternancia electoral. Son normas que permiten ao mercado actuar sen límites e garantir a acumulación de riqueza por parte das grandes corporacións transnacionais.

 Desde esta perspectiva, instaurouse unha “constitución económica” que se impuxo -na maioría das ocasións, sen apenas oposición por parte dos gobernos- aos poderes executivo e lexislativo, sometendo a vontade popular ao sistema económico capitalista. Pola súa banda, o poder xudicial queda vinculado á interpretación desta constitución e, á súa vez, vai transitando de garante dos dereitos da cidadanía a censor da soberanía popular. Malia iso, as institucións que emanan da democracia liberal xa non resultan funcionais aos intereses das elites, e iso abre novos espazos de poder e arquitecturas institucionais moi afastadas dos principios democráticos.

 A crise civilizatoria actual leva consigo un endurecemento no xeito de exercer o poder, mais non se pode cualificar automaticamente como fascismo. Son múltiples os exemplos de endurecemento dos modelos formalmente democráticos, como é o caso do Estado español con Catalunya ou co encarceramento dos veciños de Altsasu. En Estados Unidos, onde tamén son habituais os abusos autoritarios, destaca o millón de persoas migrantes detidas na fronteira sur no último ano, o que xera serias dúbidas sobre se estas detencións racistas e a persoas pobres son un simple exceso antidemocrático ou camiñan cara a algo moito máis complexo.

 O que resulta relevante é relacionar e contextualizar, no marco dunha nova dinámica global, feitos que o poder político-económico cualifica como supostamente illados e excepcionais. A política de exterminio do Estado de Israel contra o pobo palestino. O xenocidio contra o pobo rohingya a mans do exército e a policía birmana. A “estratexia de integración social” que o goberno búlgaro quere aprobar para limitar os embarazos das mulleres xitanas e cambiar a denominación das persoas romanís por europeas non nativas. A destrución social que en México provocou a morte de 400.000 persoas, entre 1997 e 2018, a raíz da violencia que compromete ao crime organizado coa complicidade do goberno. A existencia de graves vulneracións de dereitos humanos levadas a cabo no centro de detención de Guantánamo, nun ámbito institucional. As periferias urbanas que chegan a converterse en verdadeiros campos de concentración, onde non existe ningún servizo público, nin tan sequera auga, onde as persoas armadas forman parte da paisaxe cotiá. As violacións dos dereitos das nenas e nenos indocumentados nos centros de detención de EEUU. As 35.000 persoas mortas e desaparecidas no Mediterráneo nos últimos 25 anos -outras fontes falan do dobre- e o cemiterio clandestino de persoas migrantes no deserto do Sáhara de dimensións incalculábeis. Non son feitos illados, crúzanse e responden a unha lóxica global que se configura como un novo espazo neofascista, que destaca pola súa institucionalidade e a súa construción aos poucos e cada vez máis articulada.

Necrocapitalismo

 Neste marco, tolerar o eticamente intolerábel pasa a formar parte dos núcleos centrais da práctica política. Á vez que a soberanía popular se esvae ante a armadura institucional, o necrocapitalismo -situar a morte no centro da xestión económica e política, non exclusivamente nos seus efectos- aparece como categoría global que o xustifica.

 Nunha versión clásica do fascismo estariamos falando dunha supresión total dos dereitos e liberdades, e dun ataque xeneralizado á disidencia. Estariamos falando de guerra civil contra a clase traballadora e as liberdades democráticas. E da industria da morte, as cámaras de gas, os campos de exterminio, etc. Nestes momentos non estamos nese escenario, pero non resulta estraño soster que o autoritarismo extremo está dando paso a un novo espazo neofascista onde determinadas prácticas se converten en regra e non en excepción.

 Algunhas prácticas afectan á propia configuración dos dereitos humanos, como a necropolítica: deixar morrer a miles de persoas racializadas e pobres. Tamén a fragmentación de dereitos segundo as categorías de persoas, as prácticas racistas e heteropatriarcais, os tratamentos excepcionais a determinados colectivos, as políticas migratorias co seu muros e fronteiras, a trata de seres humanos, as deportacións en masa, a criminalización da solidariedade e da desobediencia civil, a división da sociedade entre asimilábeis e exterminábeis.

 Outras destrúen en bloque os dereitos das persoas, os pobos e a natureza. É o caso da crise climática e a destrución dos ecosistemas, os feminicidios de mulleres e disidentes de xénero, A fame de millóns de persoas, os novos campos de concentración de pobos, a persecución e eliminación da disidencia, o endurecemento de usos coloniais e guerras de destrución masiva.

 Están, para rematar, as que afectan ao núcleo central dos dereitos colectivos. Como a apropiación dos bens comúns, a explotación laboral, a consolidación da precariedade no núcleo constituínte das relacións laborais, o traballo infantil e o traballo escravo, a reorganización neoliberal da produción e a reprodución, as expropiacións colectivas por medio do pagamento da débeda externa, as expulsións de millóns de persoas dos seus territorios porque as grandes corporacións aprópianse das súas terras e bens naturais.

 As elites, os gobernos e as institucións económico-financeiras non só están eliminando e suspendendo dereitos, tamén están reconfigurando quen son suxeitos de dereito e quen fica fóra da categoría de seres humanos. Estamos ante unha nova etapa na destrución do sistema internacional dos dereitos humanos e na propia definición da democracia. Unha confluencia entre a necropolítica e as prácticas totalitarias, que van transitando cara a un novo modelo neofascista. Isto vai máis aló da consolidación da extrema dereita en termos electorais, xa que a feudalización das relacións económicas, políticas e xurídicas está colonizando a arquitectura institucional das democracias representativas. E, o que é máis preocupante, chegou para quedar.

 

[Artigo tirado do sitio web OMAL, do 17 de novembro de 2019]