Cara a unha «primavera latina»?

Thierry Meyssan - 18 Mai 2017

Os tres principais Estados latinoamericanos (Brasil, México e Venezuela) están a ser desestabilizados ao mesmo tempo. Semella que os neoconservadores estadounidenses, prevendo un posíbel restablecemento da paz en Siria, estivesen acelerando a aplicación dos seus plans en Latinoamérica

Vai en ascenso o desacougo en Latinoamérica, onde Estados Unidos e o Reino Unido están implementando unha «primavera» ao estilo das «primaveras árabes». Por suposto, como practicamente todos os latinoamericanos son cristiáns, non se tratará neste caso de sementar a guerra inimizando os pobos con argumentos relixiosos. Buscarase máis ben o xeito de recorrer a certos aspectos das identidades locais. Pero o obxectivo seguirá a ser o mesmo: non se trata de reemprazar un goberno por outro senón de destruír os Estados para eliminar así toda posibilidade de resistencia nacional fronte ao imperialismo.

 Co tempo, numerosos líderes políticos do mundo enteiro reinterpretaron as «primaveras árabes». O que ao principio parecía ser unha serie de revolucións espontáneas contra gobernos autoritarios vese hoxe en día como o que realmente é: un plan anglosaxón de desestabilización de toda unha rexión do mundo para poñer no poder a Irmandade Musulmá. O recordo da «revolta árabe de 1916», durante a cal Lawrence de Arabia sublevou a rexión en contra do Imperio Otomán facendo que os pobos soñasen coa liberdade para acabar someténdoos ao Imperio Británico, está aí para demostrarnos que Londres dispón da experiencia necesaria para iso.

 Os anglosaxóns están preparando seica unha nova vaga de pseudorrevolucións en Latinoamérica. Todo comezou cun decreto do daquela presidente Barack Obama, emitido o 9 de marzo de 2015, que declaraba un estado de urxencia ante a extraordinaria ameaza que a situación en Venezuela supostamente representaba para Estados Unidos. Ese documento xerou en todo o continente unha vaga de indignación que obrigou o presidente estadounidense a presentar escusas durante unha cimeira rexional. Obama escusouse… mais non anulou o decreto e os preparativos para unha nova guerra seguiron adiante.

 É importante observar que o texto de Obama sobre Venezuela non é unha lei, como a Syrian Accountabilty Act adoptada baixo a administración de George W. Bush, en 2003, senón un decreto presidencial. Iso implica que o poder executivo non está obrigado a render contas ao lexislativo sobre os preparativos que leva a cabo respecto diso.

 No mundo árabe en xeral, e no caso de Siria en particular, os anglosaxóns necesitaron 8 anos para iniciar as accións. Pero numerosos elementos fan pensar que necesitarán menos tempo para emprender un programa de destrución en Latinoamérica.

 En Brasil, xusto antes dos Xogos Olímpicos, producíronse unha serie de desordes contra o goberno da presidenta Dilma Rousseff. Esta última foi destituída como resultado dun procedemento parlamentario, legal pero totalmente en contradición co espírito da Constitución.

 O golpe parlamentario contra Dilma Rousseff foi desenvolvido, baixo o control do Banco Central -cuxo segundo ao mando ten dobre nacionalidade brasileira e israelí-, por un grupo de deputados hoxe metidos até o pescozo en graves escándalos de corrupción. Os servizos de seguridade brasileiros mantivéronse estrañamente pasivos durante o golpe. Como se explica iso? Con vista aos Xogos Olímpicos, estaban baixo a supervisión de expertos israelís. Actualmente, o novo presidente, Michel Temer -que ten dobre nacionalidade brasileira e libanesa-, é obxecto do máis amplo rexeitamento popular.

 A situación non é moito mellor en México, país xa de feito dividido en catro. O norte exhibe un forte crecemento mentres que o sur está en plena recesión. Os dirixentes políticos mexicanos venderon Pemex, a empresa petrolera nacional, e todas as súas reservas a Estados Unidos, que por conseguinte xa non necesita o petróleo do Medio Oriente. Só o exército parece crer aínda no concepto de patria.

 En Venezuela, a oposición logrou capitalizar algúns erros económicos do goberno para realizar unhas poucas grandes manifestacións pacíficas. Pero tamén organiza simultaneamente minúsculas concentracións extremadamente violentas durante as cales foron asasinados tanto policías como manifestantes. Creando a confusión, as axencias de prensa internacionais dan a impresión de que comezou unha revolución contra os chavistas, o cal non ten absolutamente nada que ver coa realidade.

 Ou sexa, os tres principais Estados latinoamericanos están a ser desestabilizados ao mesmo tempo. Semella que os neoconservadores estadounidenses, prevendo un posíbel restablecemento da paz en Siria, estivesen acelerando a aplicación dos seus plans en Latinoamérica.

 O venres, nunha alocución transmitida por televisión, o presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, puxo en garda ao pobo sobre o proxecto anglosaxón de «primavera latina». O presidente Maduro citou ampla e repetidamente os precedentes de Libia e Siria ante unha audiencia de intelectuais latinoamericanos, a quen tiven a oportunidade de me unir, como sirio de corazón.

 

[Artigo tirado do sitio web Rede Voltaire, do 16 de maio de 2017]