Carrefour quere recortar un 30% os incentivos polas vendas que percibe o persoal de Electrodomésticos

Argallou un sistema trampa para subtraer estes cartos, que son abonados polas marcas
Lugo - 27 Nov 2020

A representación da CIG rexeita a decisión de Carrefour de recortar os salarios das traballadoras e traballadores da sección de Electrodomésticos, rebaixándolles até un 30% os incentivos que perciben polas vendas de certos artigos. Estes incentivos, matizan, non son pagados pola empresa senón que son abonados polas distintas marcas coa fin de incrementar as ventas do seus produtos. "E con estes cartos é cos que se quere quedar Carrefour", alertan.

"Resulta insultante que nos pretendan roubar os nosos salarios, despois dos espectaculares datos económicos presentados por Alexander Bompar, presidente e director xeral, informando de que Carrefour España facturou 7217 millóns de euros entre xaneiro e setembro de 2020, o que supón un aumento do 7,5% en comparación co mesmo período do ano anterior", valora a sección sindical.

Para xustificar este recorte, a empresa asociou a venda de artigos coa venda de produtos financeiros e pólizas de seguros, impondo un obxectivos cada vez máis elevados e imposíbeis de acadar. "É unha trampa, porque aínda que durante todo o mes vendas moitos artigos da túa sección, se non logras os obxectivos nos produtos financeiros e asociados vanche recortar os incentivos", advirten as delegadas e delegados da CIG.

Este tipo de produtos son moi rendíbeis para a empresa porque non teñen custe e Carrefour está presionando salvaxemente os vendedores e vendedoras para que acosen á clientela coa colocación destes produtos "que en moitos casos son de escasa utilidade para quen os adquire".

Pero esta mesquindade, sinala a representación da CIG, tamén ten cómplices, pois a medida conta co beneplácito do comité intercentros onde CCOO e FETICO teñen a maioría.

A CIG solicita a supresión inmediata desta medida, xa que Carrefour "estase quedando cuns cartos que son dos e das vendedoras e que pagan as marcas. Xa está ben de engordar as contas dos directivos e dos accionistas a conta de quitarlle diñeiro aos traballadores e traballadoras que xa teñen salarios reducidos".