Carril chama a aproveitar a conflitividade para concienciar na loita polos dereitos laborais, sociais e nacionais

Salientou a importancia "dun sindicato forte” para confrontar “a crise do capitalismo e o españolismo

Nacional -

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, salientou, na súa intervención no acto de clausura do VII Congreso da CIG-Ensino, a importancia de reforzar a organización. Considerou que neste reforzamento a CIG-Ensino xoga un importante papel e chamou a aproveitar cada conflito puntual para concienciar á clase traballadora na necesidade de loitar polos dereitos laborais, sociais e nacionais. “Sabemos a inmensa capacidade de mobilización que temos e estamos convencidos do que defendemos. Polo tanto somos imparábeis”.

Carril salientou a importante actualización que vén de facer a CIG-Ensino, neste Congreso que cualificou como “histórico” e a capacidade que ten esta federación para “irradiar e ser unha achega fundamental ao proxecto que representa a CIG na nosa nación”. Mais tamén o considerou histórico polo relevo que se produce á fronte da súa secretaría nacional.

A este respecto agradeceu a Anxo Louzao o seu labor ao longo destes 16 anos e asegurou que representa “o compromiso, a entrega, o sacrificio e un inmenso e incombustíbel traballo por construír e facer hexemónico, nas condicións máis adversas, o sindicalismo nacionalista no ensino”.

Non esqueceu, o secretario xeral, darlles os parabéns aos membros da nova Executiva federal e, nomeadamente a Suso Bermello, augurando que, polas súas capacidades “farán que esta extraordinaria obra do sindicalismo nacionalista no ensino siga avanzando”.

Combate contra as poilíticas españolizadoras e autoritarias

Carril salientou o combate da CIG en xeral e da CIG-Ensino en particular contra a LOMCE, contra as políticas de fomento do ensino privado en prexuízo do público, contra as políticas españolizadoras e autoritarias da Xunta de Galiza e contra os recortes aplicados. Recortes que, lembrou, provocaron destrución do emprego, rebaixas salariais e redución do profesorado.

Xunto a isto subliñou o combate “a todas as fórmulas descaradas e abertamente antigalegas de anulación e persecución ao noso idioma, a nosa lingua”, coa aprobación, entre outras, do decreto de Plurilingüismo. Loitas que considerou exemplos que constatan que “non nos resignamos, que somos os principais activos en organizar a resposta social, porque somos un sindicalismo combativo, firme, coherente e con capacidade de poñernos á fronte dos conflitos sociais”.

Facermos un sindicato forte

Por iso fixo un chamamento a “facermos un sindicato forte” para confrontar “a crise do capitalismo e  o españolismo” en toda a súa ampla e variada dimensión.

O secretario xeral asegurou que o VII Congreso da CIG supuxo unha “aposta clara e inequívoca” para a central sindical dotarse de organización, e ter así “máis capacidade de loita”, e ser un instrumento máis capaz e útil “para converter a conflitividade social en afiliación para avanzar na conquista dos dereitos e na transformación da sociedade galega”.

Salientou a traxectoria da CIG ao longo da súa historia. Unha traxectoria demostrada de “firmeza, coherencia, de ser un modelo sindical de contrapoder, de non integración no sistema e coa maior capacidade de mobilización social no noso país”.

Paulo Carril lembrou que a CIG é unha organización sociopolítica que fai parte do movemento nacionalista galego. Por iso asegurou que “temos que ter, en todo momento, no noso traballo a preocupación, mesmo a obsesión de sermos atrevidos/as e constantes para facer que cada loita concreta, que cada conflito puntual sexa unha oportunidade para avanzar na toma de consciencia por parte da clase traballadora galega da necesidade de conquistar os dereitos laborais e sociais, o dereito a un ensino en Galiza público, de calidade e en galego”. Unha loita que, asegurou “é inseparábel da conquista da soberanía nacional da nosa nación”.

Volver