"Temos que ser atrevidos/as nas nosas alternativas, para ter presenza nos centros de traballo e encabezar a mobilización social"

Entrevista a Paulo Carril Vázquez, secretario xeral da CIG

Nacional -

O VII Congreso Confederal elixiu a Paulo Carril Vázquez novo secretario xeral da CIG, relevando no cargo a Suso Seixo, quen representa a toda unha xeración de compañeiros/as que coa súa entrega e compromiso foron quen de erguer un proxecto sindical como a CIG. Carril recolle o testemuño deste importante legado, cun obxectivo no curto prazo: facer da central a primeira forza sindical de Galiza en representación nos centros de traballo.

Mais tamén, nesta nova etapa a CIG afronta  o reto de rachar coa resignación que parece instalada en amplas capas da clase obreira, fortalecer a organización e liderar a mobilización colectiva, ofrecendo alternativas e respostas á ofensiva do capital.

Cales son os retos mais inmediatos que enfronta a CIG?

O principal reto que temos na CIG é levar a cabo todas as liñas de actuación acordadas neste congreso, na idea de facer a CIG máis forte. Isto pasa por acadar a primeira posición nas eleccións sindicais, consolidar o incremento afiliativo e continuar coa campaña pola recuperación dos dereitos, intensificándoa máis aínda. Tamén estar á fronte da negociación colectiva, sendo capaces de recuperala como instrumento principal da acción sindical e da recuperación dos dereitos.

Así mesmo, temos que ser capaces de reforzar a nosa presenza nos centros de traballo de maneira máis directa e intensa para poder organizar mellor a clase traballadora. E nesta liña, queremos ser un maior e mais útil referente na acción feminista da clase obreira galega  e termos máis capacidade de combate aos ataques sobre os dereitos das mulleres.

Na túa intervención na clausura do VII Congreso, falas precisamente de todas estas cuestións. Por que é tan necesario nestes momentos reforzar a organización?

A mobilización ten unha inmensa forza, non hai que esquecer isto. A idea que temos de reforzar a presenza nos centros de traballo e nas rúas, de transformar a resignación en acción sindical, nunha aposta por dotármonos de forza e capacidade de loita contra a explotación e o empobrecemento. Temos que ser un instrumento reivindicativo, útil e capaz. A CIG ten capacidade e alternativas e debemos ter unha presenza maior e máis directa nos centros de traballo para transformar a resignación e a pasividade, en afiliación, organización, participación sindical e acción colectiva organizada, como mellor defensa dos nosos intereses de clase.

Debemos ter unha presenza maior e máis directa nos centros de traballo para transformar a resignación e a pasividade, en afiliación, organización, participación sindical e acción colectiva organizada"

Tamén te referías á que a CIG seguirá pulando pola convocatoria dunha folga xeral? Que obxectivos tería esta convocatoria?

Nós facemos un chamado á folga xeral por entender que se dan as condicións obxectivas e porque é necesario dar unha alternativa a través da que demostrar a disposición da clase traballadora á loita pola recuperación dos dereitos roubados ao longo destes anos da crise. Pero tamén porque calquera futuro baseado na continuidade destas lesivas reformas (laborais, negociación colectiva, pensións, servizos públicos, etc.) significa o asentamento dun modelo de sobrexplotación e empobrecemento xeneralizado. Nese sentido lanzamos un chamamento ao conxunto das organizacións sindicais porque entendemos que a través da mobilización é como poderemos conseguir reverter esta situación. Nestes momentos, a pesar do PP perder a maioría absoluta, non teñen capacidade para conformar as maiorías necesarias no Congreso para derrogar esas reformas, nin tampouco se lograrán cambios coa desmobilización que a través do pacto social se pretende facer.

Búscase incorporar as demais organizacións sindicais a esta convocatoria?

Dende a CIG levamos semanas facendo un chamamento neste sentido ao conxunto das organizacións sindicais, en especial a UGT e CCOO pola súa maior representatividade. Confiamos en que, ao igual que en marzo 2012 aqueles chamamentos que partiron da CIG serviron para concretar a convocatoria dunha folga xeral, agardamos que nesta ocasión tamén se poida conseguir. 

A convocatoria de folga xeral non é unha arroutada que lle dea a CIG: hai que dar unha alternativa para saír desta situación de frustración colectiva e rachar coa idea instalada no poder de que poden seguir impondo reformas porque non vai haber contestación. Temos que demostrar a nosa disposición á resistencia, a loitar pola recuperación dos nosos dereitos, a evitar que se prolongue e estendan os efectos da reforma laboral e, en especial, á vista da inminente e regresiva reforma das pensións.

Aínda máis, con esta folga tamén hai que denunciar e esixir unha solución para que haxa políticas de desenvolvemento económico e social en Galiza que rematen coa emigración, a crise demográfica, a desindustrialización, a perda de capacidade produtiva, etc. É dicir demandar políticas para rescatar os nosos sectores produtivos básicos, crear emprego digno e pór o desenvolvemento da economía ao servizo da maioría social.

Unha das materias na que se pon especial énfase no relatorio de acción sindical aprobado neste congreso refírese á recuperación da negociación colectiva. Cales son as principais liñas de acción a seguir a este respecto?

Para nós a negociación colectiva é un instrumento fundamental da acción sindical e do modelo asembleario, participativo e combativo que practica a CIG, conscientes de que a transformación nos centros traballo pasa pola loita e o conflito concreto.

A negociación colectiva é un instrumento fundamental de solidariedade obreira nun momento como o actual de crecente precarización do mercado laboral e estratificación da clase traballadora"

Neste VII Congreso fixemos unha actualización nesta materia, tanto no que ten a ver coas táboas reivindicativas e as definicións das condicións laborais que se substancian na negociación colectiva, como, sobre todo, porque é a través da conflitividade da negociación colectiva como creamos as bases de concienciación da clase traballadora. A negociación colectiva é un instrumento fundamental de solidariedade obreira nun momento como o actual de crecente precarización do mercado laboral e estratificación da clase traballadora, reflectida no que se deu en chamar precariado. Neste senso, a través da negociación colectiva temos que dar resposta eficaz aos abusos da patronal aos novos sectores da clase obreira.

Por iso, no relatorio de acción sindical aprobamos unha actualización nos métodos e na filosofía da negociación colectiva como mecanismo para crear organización, consciencia, para a dignificación das condicións laborais e para a recuperación dos salarios.

É posíbel un marco galego de relacións laborais cando o propio goberno de Feijoo ten renunciado a moitas das súas competencias para acatar as ordes de Madrid e cando vivimos un acelerado proceso de recentralización e españolización?

É certo que a crise económica e o proceso de concentración e acumulación de riqueza conlevan unha centralización e unha españolización maior da que xa vivimos en Galiza. No ámbito das relacións laborais, a creación do marco galego atópase con máis dificultades pero ao tempo ten máis posibilidades, na medida en que na ofensiva actual, a creación de marcos de negociación colectiva máis inmediatos e a necesidade de dotármonos de competencias para ter capacidade de decisión sobre o noso faise imprescindíbel. Hai un reforzo do capitalismo, pero esa mesma situación abre un camiño para a rebelión.

Outra cousa é que a creación do marco galego de relacións laborais máis que nunca vai depender da capacidade de mobilización e da construción pola base, que do acompañamento institucional; pois probabelmente o PP vai ser o primeiro en non colaborar e posicionarse en contra.

Non obstante, non cómpre esquecer que estamos en vésperas de culminar un proceso impulsado pola CIG, no marco do Consello Galego de Relacións Laborais, para acadar un Acordo Interprofesional Galego sobre a estrutura da negociación colectiva, no que, entre outros aspectos, quede recollida a prevalencia na aplicación dos convenios asinados en Galiza respecto dos asinados a nivel estatal.

Estamos nun proceso de progresiva precarización do mercado laboral, no que se cuestiona o papel das centrais sindicais e no que, logo de anos de intensa contestación, parece terse instalado a resignación e a desmobilización. Que resposta ten que dar a CIG neste contexto? Que cambios hai que facer para lograr que esa resposta sexa máis efectiva e eficiente ante as novas realidades?

Neste congreso fixemos un chamamento á necesidade de organización, loita e compromiso constante para facer fronte á grave situación que vive a clase traballadora neste momento; chamamos a mellorar os nosos métodos de actuación social e a traballar por ser un instrumento útil e capaz, que ten alternativas e solucións e que somos capaces de converter toda a conflitividade social en afiliación, organización, en poder popular. Por iso, temos que ser atrevidos e atrevidas á hora de lanzar as nosas alternativas, para ter presenza nos centros de traballo e encabezar a conflitividade social. Xa o propio lema do congreso ("Coa CIG somos máis fortes") é un chamamento neste sentido.

A razón de ser do sindicalismo é a loita. Nun momento como o actual, onde está tan viva a loita de clases e a ofensiva do capital é de tal magnitude e hai un abuso tan descarado da patronal, a necesidade da mobilización é fundamental como unha reacción á defensiva da clase traballadora. Na CIG temos que estar a altura das circunstancias e dar esa resposta necesaria. Polo tanto, temos que ser capaces de trasladar a idea de que a organización é a que nos vai permitir á clase traballadora enfrontar esta situación.

Pensar nun sindicalismo que non teña esta carácter reivindicativo, capacidade de mobilización, asembleario, de base, é renunciar a ser un sindicato de clase, renunciar á razón de ser do sindicalismo como defensa dos intereses das traballadoras e traballadores.

Ante o que está suceder hai dúas alternativas: o enfrontamento con todos os mecanismos que temos a nosa disposición; ou a resignación e o entreguismo sindical, que no pacto social busca a maneira de prolongar estas políticas agónicas para a clase traballadora. Que teñamos capacidade de que sexa máis ou menos intensa a mobilización que buscamos dependerá da capacidade de convencer os diferentes sectores da clase traballadora, pero non da utilidade da mobilización en si propia como mecanismo de defensa.

A nivel interno, logo do VII Congreso Confederal continuará o proceso de renovación de cargos e membros de organismos nas asembleas comarcais e congresos federais. Nesta ocasión, ademais, vaise producir un relevo xeracional moi importante, como afectará este cambio á CIG?

Afectará, en primeiro lugar, á preocupación de sermos capaces de estar a altura das circunstancias ante un relevo tan grande, para continuar e reforzar o modelo sindical que esta xeración representou e que fixo posíbel. Collemos o relevo de persoas que representan á xeración que cun enorme sacrificio persoal, honradez, entrega, compromiso e lealdade foron quen de erguer un proxecto como a CIG, nunhas condicións moi adversas. Nesa xeración, Suso Seixo xoga un papel clave como secretario xeral e como persoa que durante todos estes anos representa a esencia do sindicalismo nacionalista e de clase, erixíndose como referente incuestionábel do movemento obreiro galego, e mesmo do nacionalismo.

A CIG é unha organización cunha demostrada traxectoria histórica de firmeza, coherencia, contrapoder, non integración no sistema e coa maior capacidade de mobilización social deste país"

Pero, por outra banda, temos plena confianza en que os resultados obtidos até agora confirman que esa é a liña que temos que seguir, actualizando e reforzando ese modelo sindical para continuar o proceso de acumulación de forzas, e avanzar na expansión, organización, e incremento da afiliación ao proxecto colectivo que é a CIG.

Neste senso, hai que destacar o grao de cohesión interna e de respecto e capacidade de convivencia das diferentes correntes que integran a central,  que máis alá dos efectos positivos que ten na avaliación interna, multiplica as forzas que a CIG ten á hora de actuar nos centros de traballo.

Xa para rematar, que cres que debe representar a CIG para a sociedade galega?

A CIG somos unha organización cunha demostrada traxectoria histórica de firmeza, coherencia, contrapoder, non integración no sistema e coa maior capacidade de mobilización social deste país. Definímonos como unha organización socio-política, cun papel clave na auto-organización da clase traballadora galega. Somos parte do movemento nacionalista galego e somos a expresión da auto-organización da clase traballadora galega que ten firme vontade de continuar o proceso de acumulación de forzas coas que rachar o poder do capital e do imperialismo e avanzar na construción dunha Galiza ceibe en sen explotación.

Volver