• 2016-10-19-Coeficientes-Mar-Aguarda-00.jpg
  • 2016-10-19-Coeficientes-Mar-Aguarda-01.jpg

Cautela no sector do mar ante a posíbel rectificación no recorte ás xubilacións

CIG-Mar agardará a coñecer o listado completo de barcos

Galiza -

A CIG-Mar, como parte da comisión de afectados/as pola modificación dos coeficientes redutores para a idade de xubilación a mariñeiros, vén de reunirse esta mañá en Madrid con representantes do Instituto Social da Mariña, Dirección Xeral da Mariña Mercante e Secretaría Xeral de Pesca. Na xuntanza o instituto afirmou que corrixirá o que calificou de “erro interno”, sen aportar de momento a lista definitiva de barcos afectados.

Despois de varias semanas dunha intensa mobilización por parte da comisión de afectados, a modificación que Xabier Aboi calificou do “maior recorte social na historia da pesca galega”, podería contar cunha rectificación, cando menos parcial.

Así se conclúe trala xuntanza mantida esta mañá en Madrid entre representantes gobernamentais e representantes do sector do mar, na cal o Instituto Social da Mariña recoñece un “erro interno” no cruzamento de dados “que corrixirá”, voltando á situación previa á modificación dos coeficientes redutores da idade de xubilación para a tripulación “de máis de 50 barcos”.

No entanto, a CIG-Mar fica á espera de recibir a listaxe definitiva dos barcos atinxidos, a maioría galegos, para valorar en que medida se subsana ou non o conflito. Existen importantes dúbidas, aínda así, sobre a exclusión dun amplo grupo de palangreiros.

Alén diso, a valoración que se realiza desde a central é “positiva”, ao ser a primeira ocasión na que os organismos públicos competentes se reúnen con afectados para tratar a modificacións dos coeficientes. Unha opinión que muda radicalmente no tocante ao recente posicionamento público da Xunta, que para a CIG-Mar “contén profundas inexactitudes”, co agravante da falta de interlocución por parte dun goberno autonómico que “aínda non se puxo en contacto cos afectados”.

Mañá, venres 21, terán lugar xuntanzas informativas para mariñeiros afectados en Marín, ás 11 da mañá na biblioteca, e na Guarda, ás 19h no salón de actos do centro cultural.

(Imaxes da asemblea realizada na Guarda o pasado día 18 de outubro)

Volver