CCOO e UGT avalan as reformas laborais coa sinatura do IV Acordo de Negociación Colectiva

Os sindicatos estatais renuncian a loitar pola recuperación de dereitos laborais, salariais e sociais da clase traballadora
Nacional - 26 Xun 2018

Co IV Acordo Interconfederal de Negociación Colectiva “escríbese un novo capítulo do entreguismo sindical de CCOO e UGT aos intereses da patronal”. Así se constata no documento que veñen de asinar a través do que “lexitiman e consolidan a reforma laboral na súa peor versión”, vendendo como avances acordos en materias que xa estaban aprobadas no Congreso dos Deputados pero que quedaran paralizados polo PP, para facerlle o xogo ao PSOE; “perpetuando o empobrecemento xeneralizado e a precariedade” ao pactar unha suba de arredor do 2% cando a perda de poder adquisitivo desde 2009 foi dun 16%; “desligando os incrementos salariais do IPC” e mesmo introducindo medidas que teñen como obxectivo “garantirlle á patronal a paz social pola vía de limitar a capacidade de mobilización da clase  traballadora”.

Deste xeito o avalía o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, para quen este acordo “é moito máis condenábel se temos en conta a situación social que vivimos de empobrecemento xeneralizado e de explotación, a consecuencia das reformas laboral e da negociación colectiva”.

Carril denuncia que os supostos obxectivos deste acordo: creación de emprego, mellora da competitividade e loita contra a economía somerxida, nada teñen que ver co que logo se plasma no texto, no que “non se contempla nin unha soa medida real nesas materias”. Lonxe diso afirma que “se limita a recoller consideracións e declaracións de intencións que, en todo caso, o que fan é consolidar o emprego precario e os baixos salarios”.

Incremento salarial de “en torno” ao 2% cando a vida subiu o 16%

Nese sentido asegura que os incrementos salariais dos que se fala “aceitan a lóxica neoliberal que xa vimos no acordo de función pública, ao ligar salarios a produtividade e resultados do absentismo”. Cuestiona ademais que estes sindicatos avalen o sistema mixto de incremento salarial, segundo o que se prevé un incremento fixo dun 2% -que nin sequera está garantido, porque no propio texto se matiza que será de “en torno a” esa porcentaxe- e un 1% variable –ligado á produtividade-. E iso “cando xa o IPC do mes de maio é do 1,9%”.

Xunto a isto denuncia o “despropósito” de non se establecer garantía de revisión salarial vinculada ao IPC, “aceptando o que demandaba a patronal”, o que entende que “delata as súas intencións”, porque supón tamén aceptar o sistema que o goberno do PP introduciu na reforma das pensións de 2013 que tanto parecían cuestionar e que “vai impedir a recuperación do poder adquisitivo dos salarios”.

Lembra que un dos obxectivos da reforma laboral era provocar unha devaluación dos salarios e asegura que con este acordo iso dáse por bo, porque se impide a súa recuperación real. “Segundo os datos de facenda os salarios medios desde 2009 até 2016 non só non se incrementaron, senón que mesmo caeron un 1,5%. Isto supuxo que os salarios pasaran de ser, de media de 20.838 en 2009 a ser de 20.513 en 2016, nin máis nin menos que 325 euros menos”.

A isto engade que houbo unha suba do IPC, desde xaneiro de 2009 até a actualidade, dun 14,3% achegándose así a perda de poder adquisitivo ao 16%. “Por iso este acordo é unha vergoña”, afirma.

Canto a que se estableza de maneira progresiva un salario mínimo de 14.000 euros anuais critica que “é máis unha declaración de intencións que unha realidade” e que non se faga de forma automática, como defendeu a CIG, ao quedar ao arbitrio dos convenios e condicionado a un calendario temporal. “Iso alén de supor, unicamente, instar ao goberno a cumprir co acordo parlamentario que o PP non efectivizou, que suporía ter un SMI en 2020 de 950 euros”.

Diálogo social para desmobilizar a clase traballadora

En materia de negociación colectiva o acordo vai en consonancia ao discurso da Ministra de Traballo e do goberno do PSOE no seu conxunto, mantendo a regresiva reforma que desmantela a negociación colectiva, tocando unicamente aspectos sen apenas relevancia e limitándose a recoller un listado de declaracións de intencións sen ningunha consecuencia real, máis alá de consolidar o seu desmantelamento e centralización en Madrid.

Lonxe disto, o secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, denuncia que se dan maiores facilidades para aplicar aspectos centrais da reforma laboral, como o relativo á ultraactividade, porque no canto de garantir que mentres non haxa un convenio novo se mantén o anterior, o texto di literalmente que “os negociadores débense comprometer a seguir o proceso de negociación a fin de propiciar o acordo determinando en que termos terá lugar o mantemento do convenio vencido durante a duración mutuamente acordada de dito proceso”. Ou sexa, “acordan pactar que é o que segue en vigor e que non”, denuncia.

Ese parágrafo do acordo engade ademais que “cada unha das partes poderá decidir que a negociación está esgotada e propor a mediación obrigatoria ou a arbitraxe voluntaria” co que “se perpetúa un modelo de diálogo social que alimenta a desmobilización da clase traballadora, facendo estas organizacións sindicais o papel de muros de contención para garantirlle á patronal a paz social, matando o lexítimo dereito a presionar e defender nas rúas os nosos dereitos”, denuncia.

Renuncia a exixir a derrogación da reforma laboral

Para a CIG tamén resulta “escandaloso” o nivel ao que chegan de “aceptación da reforma laboral, dos postulados patronais e da política neoliberal” en todo o anexo, que nun dos seus apartados fai referencia aos “acordos acadados no ámbito bipartito que deben ser desenvolvidos no ámbito tripartito co goberno”.

Isto é que “pactan unha axenda de temas a trasladarlle ao goberno de común acordo a patronal CCOO e UGT como despropósito do entreguismo” e como constatación de que cando se producen as declaracións da Ministra, no referido a reforma laboral, isto xa estaba falado e pactado coas organizacións sindicais. “Onde queda a demanda de que se derrogue a reforma se ti estás pactando coa patronal as materias que teñen que ser abordadas?”.

Descolgues patronais preservados

Para o secretario confederal de Negociación Colectiva tamén chama a atención que se lle dea “carta branca” e se acepte a externalización e a subcontratación ou se avale a lóxica perversa da reforma laboral mantendo a posibilidade de que as empresas aleguen causas económicas, técnicas ou produtivas, para aplicar reducións de xornada, para descolgarse dos convenios empeorando as condicións de traballo, para aplicar EREs temporais ou a flexibilidade.

Xunto a isto cualifica de “cinismo e hipocrisía” que pacte a creación dun Observatorio, asumindo o absentismo como o concibe a patronal, “como a presunción de que a xente cando está de baixa ou non vai traballar por algunha outra razón é porque non quere e ten que ser castigado”.

A este respecto lembra que a xornada laboral no estado español é moito máis elevada que no resto dos países do noso contorno. Tal é así que con respecto a Alemaña estariamos falando dun 15% máis de xornada co cal é normal que haxa un 15% máis de probabilidades de que teñas unha baixa.

No acordo fálase tamén de recuperar o contrato relevo “cando estes mesmos actores, na reforma das pensións do 2006 e do 2011, xa se preocuparon de recortalo” di González Sío quen engade que “é curioso, apelas a recuperar unha xubilación parcial que ti te cargaches”.

Dereito á igualdade?

Para a secretaria das Mulleres da CIG “é o colmo” que as únicas medidas recollidas para promover a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes se “limiten a un estudo sobre a discriminación salarial e a unha declaración de intencións sobre a necesidade de apostar por un desenvolvemento do sistema de atención á dependencia e á infancia ou a unha equiparación dos permisos de paternidade e maternidade que precisarían para o seu desenvolvemento partidas orzamentarias que non existen”.

Aínda máis “indignante” considera que “CCOO, UGT e patronal asuman con normalidade que a responsabilidade dos coidados recae exclusivamente sobre as mulleres e que limiten o impacto destas medidas ás traballadoras cunha actividade retribuída, dando por feito que é un labor do que os traballadores están excluídos e que as mulleres non asalariadas teñen a obriga de facelo de balde”.

E todo caso, o secretario xeral da CIG conclúe que tanto a medida estrela que se recolle no texto, referida á equiparación dos permisos de paternidade e maternidade, como a reforma do artigo 42 do ET, ou mesmo o establecemento dun salario mínimo, “teñen que ver con acordos parlamentarios parados polo PP, o que reafirman a nosa idea de que isto é só un lavado de cara para perpetuar a reforma laboral sen tocala, asumindo cuestións que xa están aprobadas no Parlamento español e que poden ter unha rápida aprobación”.