CCOO e UGT impiden que a CIG poida ter representación na mesa de negociación do ERE de Nestlé

Unhas 1500 persoas participaron na manifestación celebrada este sábado en Pontecesures para rexeitar os 27 despidos
Pontecesures - 18 Mai 2026

Os sindicatos estatais CCOO e UGT votaron este venres en contra da proposta de Nestlé de constituír a mesa de negociación do ERE a nivel estatal con 14 representantes para impedir a presenza da CIG a pesar de que a central preside o comité de empresa da fábrica de Pontecesures. No marco do conflito laboral aberto tras anunciar a compañía a súa intención de executar 27 despidos, unhas 1500 persoas percorreron as rúas da localidade este sábado para rexeitar unha decisión que consideran totalmente inxustificada.

Segundo explican dende a FGAMT-CIG de Pontevedra, o pasado venres tivo lugar unha xuntanza da mesa negociadora en Barcelona, na que a empresa propuxo a posibilidade de que o contase con 14 membros para permitir a participación da CIG, ao que CCOO e UGT se negaron a pesar de que a central nacionalista preside o comité de empresa do centro de traballo de Pontecesures. Si votaron a favor as centrais minoritarias CSIF, USO e CGT.

“Os sindicatos estatais pretendían ben que a CGT renunciase a un dos seus dous representantes para que puidese entrar o noso, ben que tiveramos presenza pero sen voto nin de acceso á documentación”, denuncia a secretaria da FGAMT-CIG de Pontevedra, Cecilia Tarela. A central sindical rexeitou estas posibilidades e censurou a actitude de CCOO e UGT, xa que foi a propia dirección de Nestlé a que achegou a proposta de contar cunha mesa de 14 representantes.

A pesar disto a CIG seguirá a amosar o seu total rexeitamento ao ERE a través do que se pretende despedir a un total de 301 persoas no conxunto do Estado, 27 delas na planta que a compañía ten en Pontecesures. Esta é a única instalación que Nestlé ten en Galiza e a única factoría dedicada á produción de leite condensado do grupo. Porcentualmente este centro de traballo sería un dos máis prexudicados polo ERE, xa que as 27 rescisións de contrato supoñen o 14% do cadro de persoal total: unhas 200 persoas traballadoras.

Tarela explica que na planta de Pontecesures faise a produción de leite condensado para toda Europa, Oriente Medio e parte do Sahel, cunha media de 60.000 toneladas ao ano, e que neste momento está nun pico de máxima produción. “Soster esta produción con 27 persoas traballadoras menos non é posíbel”, asevera. E reitera que a CIG non vai aceptar un só despedimento nesta fábrica.

A representante sindical rebate que existan causas económicas, organizativas ou produtivas que xustifiquen este ERE, menos aínda tendo en conta que o ano pasado o grupo Nestlé acadou unha facturación récord, cun montante de 2984 millóns de euros.

Calendario de mobilizacións

Precisamente para amosar o seu rexeitamento aos despidos, o cadro de persoal vén de iniciar un calendario de mobilizacións que comezou o pasado xoves 14 de maio cunha concentración diante da empresa que se repetiu o venres. Mentres que este sábado tivo lugar unha manifestación en Pontecesures que arrincou da Praza de Pontevedra ás 12:00 horas e que rematou ás portas da compañía.

Hoxe mesmo celébrase unha nova xuntanza do comité de empresa na que se abordará a posibilidade de promover novas protestas, cuestión que deberá ser ratificada pola asemblea de persoas traballadoras que se celebra mañá.