Centos de persoas mobilízanse na folga do comercio de alimentación en Compostela e Ribeira

Na xornada de folga do martes, día 13 de outubro, está convocada na Coruña unha manifestación que sairá ás 12 horas da Praza de Lugo e rematará na Praza de San Agustín
Compostela - 10 Out 2026

A xornada de folga deste sábado no comercio de alimentación da provincia da Coruña tivo un importante seguimento en Ribeira e Santiago, onde centos de persoas sumáronse á manifestación convocada para reclamar un convenio colectivo provincial digno. Segundo valorou Lucía Freire, representante da CIG, a mobilización foi un éxito e evidenciou a disposición do persoal a continuar loitando por mellorar as súas condicións laborais e salariais.

Freire destacou que todos os supermercados Froiz permaneceron pechados durante a xornada, mentres que os establecementos de Gadis abriron con persoal mínimo. Neste sentido, denunciou as prácticas da empresa para reducir o impacto da folga: “Gadis dá orde, ou sempre o fai, de abrir, aínda que sexa cunha caixeira nada máis. Cambian quendas, substitúen persoal, interrompen vacacións: esquirolaxe pura e dura”.

A representante sindical tamén criticou a presenza da Policía Nacional nas entradas dos supermercados Gadis, nunha xornada na que o persoal secundou a convocatoria de folga e saíu á rúa para reclamar avances na negociación do convenio.

Convenio digno fronte bloqueo patronal

Esta nova xornada de paro enmárcase no conflito aberto pola negociación do convenio colectivo do comercio de alimentación da provincia da Coruña, que continúa bloqueada pola falta de avances nas conversas coa patronal, encabezada polas empresas Gadis e Froiz.

As organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e USO reclaman unha suba salarial que permita recuperar e manter o poder adquisitivo, unha redución da xornada laboral anual e melloras reais na conciliación da vida laboral e persoal, ademais de avances nas condicións económicas e sociais do sector.

A representación sindical denuncia que as propostas empresariais non responden ás principais demandas das traballadoras e traballadores, que soportan baixos salarios, sobrecarga de traballo e dificultades para conciliar a vida laboral e familiar. A situación contrasta cos beneficios millonarios e os elevados volumes de facturación das grandes cadeas do sector.

A folga continuará os días 11 e 13 de outubro, dentro dun calendario de mobilizacións co que o persoal pretende forzar avances na negociación e conseguir un convenio que garanta unhas condicións laborais e salariais dignas.

A CIG chama a manter a mobilización e reclama á patronal que abandone a súa posición de bloqueo e presente propostas que permitan dar unha saída ao conflito.