Centos de persoas mobilízanse polo dereito a decidir e contra a represión

A plataforma 'Galiza con Catalunya' convoca unha manifestación solidaria co pobo catalán en Santiago o 30 de setembro

Nacional -

Centos de persoas mobilizáronse esta tarde nas sete cidades galegas en defensa do dereito a decidir dos pobos e contra a represión. As concentracións foron convocadas de urxencia pola plataforma Galiza con Catalunya (da que a CIG forma parte), diante da gravidade da situación que se está a vivir e das detencións que se produciron esta mesma mañá. Mais tamén por todos os acontecementos que se veñen producindo e que deixan en evidencia que “se está aplicando o artigo 155 da Constitución de maneira encuberta”.

A plataforma Galiza con Catalunya -constituída desde hai meses, en apoio ao proceso democrático iniciado en Catalunya, por organizacións sociais, culturais, políticas e sindicais galegas- anunciou esta mesma mañá, en rolda de prensa, a convocatoria dunha manifestación que terá lugar en Compostela o vindeiro sábado día 30 de setembro, con saída ás 12:00 horas da Alameda, “en apoio á democracia e ao dereito a decidir do pobo catalán”.

Ao remate das concentracións deste serán procedeuse á lectura dun manifesto que pasamos á reproducir:

MANIFESTO GALIZA CON CATALUNYA

A situación política en Catalunya é da máxima excepcionalidade. Os rexistros de imprentas e medios de comunicación en busca de urnas, a chamada a declarar en calidade de investigados/as de 712 alcaldes e alcaldesas dos 914 existentes en Catalunya, a censura de portais webs informativos, as ameazas a funcionarias de correos e de diferentes administracións que colaboren coa realización do referendo, importantes multas económica e sancións administrativas a membros do Govern e da Mesa do Parlament, e á ameaza permanente de suspensión da autonomía e intervención policial/militar, súmaselle, no día de hoxe o asalto de diversas institucións catalás e a detención de membros dun goberno catalán lexitimamente saído das urnas.

Todas esas accións profundamente reaccionarias e antidemocráticas están a ser respondidas con firmeza, valentía política e de xeito masivo e absolutamente pacífico polo pobo catalán que, ten dado de novo, mostras dunha vontade inquebrantábel de decidir libre e democraticamente o seu futuro.

Para os poderes españois, a posibilidade de que as nacións que non recoñecen envereden polo camiño da independencia e da soberanía non é unha opción. Mais tampouco o é calquera "encaixe" que non sexa o da súa progresiva españolización, en todas as ordes da vida.

A realidade, porén, é teimuda. E a imposibilidade de pór cancelas á vontade popular que desbordou hai tempo as marxes apunta de maneira clara cara á crise do modelo do "todo atado y bien atado", situando nas declaracións de independencia destas nacións a verdadeira panca que pode acabar de fracturalo por completo. De aí as ameazas e a violencia, reaccións primarias e antipolíticas de quen necesita perpetuar a dominación. Porque, para os poderes centrais, non é só unha cuestión territorial; está todo en xogo.

Son unha mostra máis dun réxime decrépito e entolecido que chama "referendum ilegal" á democracia e "desafío secesionista" ao dereito de autodeterminación.

O Estado, cego ante o seu propio ordenamento xurídico e cego tamén ante a lexislación internacional á que di acollerse, demóstrase incapaz de permitir calquera exercicio democrático real que vaia contra a unidade e a indivisibilidade que a ditadura fascista de Franco estebeleceu e a falsa Transición apuntalou. En Catalunya é evidente; mais tamén o é en Euskal Herria, onde España se nega a avanzar no proceso de paz malia todos os pasos dados pola sociedade basca e as súas organizacións políticas; e por suposto tamén en Galiza, onde a ilegalización de ideas e a violencia -máis branda ou máis dura- pretenden instalarse como norma.

Sabemos, por iso, que España é irreformábel. A experiencia do pobo catalán deixouno tamén claro. A única saída ao círculo vicioso é, polo tanto, a acumulación de forzas de ruptura. Cada pobo terá, para iso, a súa estratexia, mais non hai dúbida de que o referendo do día 1 de outubro é fillo dese traballo, da mobilización popular e dunha folla de ruta o suficientemente clara. Por iso hoxe, as organizacións que facemos  parte da Plataforma Galiza con Catalunya nos colocamos do lado de quen pula polo referendo. É a nosa maneira de nos colocar do lado da democracia.

A loita do pobo catalán e tamén a nosa loita. Por iso, hoxe desde Galiza querémoslle mandar ao pobo catalán unha mensaxe de solidariedade, de apoio e de ánimo. Desde Galiza dicimos, alto e claro, Si ao referendo, Si á Catalunya como Estado independente en forma de República e Si á democracia.

E tamén lle dicimos ao goberno español que non lles temos medo. Que galegas e galegos, saberemos estar á altura do momento que estamos a vivir. Porque non é só o problema de Catalunya. Tamén nos afecta a nós, aos nosos dereitos e liberdades democráticas, individuais e colectivas, ao dereito inalienábel do pobo galego a decidir libremente o seu futuro. Por Catalunya, por Galiza, e pola Democracia.

Volver