Centos de persoas saúdan a declaración da república catalá e rexeitan o "golpe de estado do 155"

As protestas desenvolvéronse baixo a consigna "Independencia, liberdade, democracia"

Nacional -

Centos de persoas saíron esta tarde ás rúas de Galiza para solidarizase co pobo catalán neste día histórico no que o Parlament declaraba a constitución dunha República catalá como estado independente, soberano, democrático e social. Ao tempo, o Senado aprobaba a aplicación do artigo 155 da constitución, negando así o dereito a decidir, e habilitando o goberno de Rajoy para perpetrar un verdadeiro golpe de estado á vontade do pobo catalán exercida nas urnas.

Coa aplicación do 155, o Goberno español endurece a súa aposta polo autoritarismo e a represión, destituíndo o lexítimo Goberno catalán, intervindo o Parlament, tomando o control dos Mossos e arrogándose o control financeiro da Generalitat. A CIG, membro da Plataforma Galiza con Catalunya convocante das concentracións desta tarde, exixe do Estado Español que cese no seu empeño por calar a voz de quen unicamente quere expresarse en liberdade e exercer o seu dereito a decidir.

MANIFESTO INDEPENDENCIA, LIBERDADE, DEMOCRACIA

Contra o golpe de estado do 155

A situación política en Catalunya é de máxima excepcionalidade.
O goberno español rexeitou, desde o primeiro momento, calquera posibilidade de busca dunha solución democrática, pacífica e baseada no respecto á vontade maioritaria do pobo catalán.  

Rexeitaron a petición explícita do goberno catalán de diálogo a través dunha intermediación internacional e optaron por unha resposta represiva en todos os ámbitos:  

- No xudicial, empregando o Tribunal Constitucional como un apéndice da dirección do Partido Popular, aplicando importantes sancións económicas e administrativas e chegando a aplicar medidas absolutamente desproporcionadas e incompatíbeis cun réxime democrático, como é o encadeamento de persoas polas súas ideas políticas, como veñen de facer cos líderes da Asemblea Nacional Catalana e Omnium cultural, Jordi Sánchez e Jordi Cuixart. Aos que hoxe, desde aquí queremos mandar unha forte aperta solidaria e esixir a súa inmediata liberación.

- No policial, cunha intervención absolutamente desproporcionada, fóra de lugar e cun despregue policial e militar sen precedentes desde o remate do franquismo, cun altísimo custe para as arcas públicas, que se saldou coas forzas e corpos de seguridade cargando brutalmente contra poboación civil pacífica, intervindo comunicación postais, perseguindo papeletas e propaganda electoral ou rexistrando sedes de partidos e medios de comunicación sen orde xudicial, etc.

- No mediático, cunha burda instrumentalización dos medios de comunicación públicos -e unha parte significativa dos privados-, que funcionan ao servizo exclusivo do relato do Goberno español incumprindo a súa función de servizo público que garanta unha información veraz, independente, plural e rigorosa.

- No político, coa aplicación formal do artigo 155 da constitución española, despois de telo xa posto en práctica pola vía dos feitos en moitos aspectos, converténdoo nun auténtico estado de excepción non declarado, para o que o Partido Popular contou e conta co apoio directo e explícito do PSOE e Ciudadanos.

Feito sen precedentes

No día de hoxe, o Senado, vén de formalizar o xa adiantado por Felipe VI: a eliminación do goberno catalán nun feito sen precedentes desde que en 1939 Francisco Franco disolvera a Generalitat de Catalunya.  

Coa aplicación do artigo 155 da Constitución española, o goberno español optou por unha vía autoritaria e represiva que terá importantes consecuencias políticas e que amosa, máis ás claras, a situación de involución democrática que estamos a atravesar nestes momentos e que non só afecta á negativa do Estado español de recoñecer o carácter nacional de Cataluña, Euskadi e Galiza e o seu lexítimo e inalienábel dereito á autodeterminación, senón que vai nunha clara dirección de retroceso, recentralización e perda de dereitos e liberdades básicas nunha democracia -merecente de tal nome- como o son a liberdade de expresión, a liberdade de reunión e manifestación, de conciencia ou de participación política.

Todas esas accións profundamente reaccionarias e antidemocráticas, propias dun réxime decrépito e entolecido, están a ser respondidas con firmeza, valentía política, de xeito masivo e absolutamente pacífico polo pobo catalán que, ten dado ao longo do tempo, mostras claras dunha vontade inquebrantábel de decidir libre e democraticamente o seu futuro.

En xogo o proxecto político e económico da oligarquía española

Para os poderes españois, a posibilidade de que as nacións que non recoñecen envereden polo camiño da súa independencia non é unha opción. Porén, a imposibilidade de pór cancelas á vontade popular que desbordou hai tempo as marxes apunta de maneira clara cara á crise do modelo do "todo atado y bien atado", situando nas declaracións de independencia destas nacións a verdadeira panca que pode acabar de fracturalo por completo. De aí as ameazas, a violencia e a represión física e política, reaccións primarias e antipolíticas de quen necesita perpetuar a dominación. Porque, para os poderes centrais, non é só unha cuestión territorial; está todo en xogo o proxecto político e económico da oligarquía española.

O Estado, cego ante o seu propio ordenamento xurídico e cego tamén ante a lexislación internacional á que di acollerse, demóstrase incapaz de permitir calquera exercicio democrático real que vaia contra a unidade e a indivisibilidade que a ditadura fascista de Franco estebeleceu e a Transición apuntalou. En Catalunya é evidente; mais tamén o é en Euskal Herria, onde España se nega a avanzar no proceso de paz e soberanía política malia todos os pasos dados pola sociedade vasca e as súas organizacións políticas; e por suposto tamén en Galiza, onde a ilegalización de ideas e a violencia — máis branda ou máis dura — pretenden instalarse como norma.

Acumulación de forzas de ruptura

Sabemos, por iso, que España é irreformábel. A experiencia do pobo catalán deixouno tamén claro. A única saída ao círculo vicioso é, polo tanto, a acumulación de forzas de ruptura. Cada pobo terá, para iso, a súa estratexia, mais non hai dúbida de que o referendo do día 1 de outubro é fillo dese traballo, da mobilización popular e dunha folla de ruta o suficientemente clara. Por iso hoxe, as organizacións que facemos parte da Plataforma Galiza con Catalunya colocámonos do lado de quen pula polo exercicio do dereito de autodeterminación mediante a aplicación do mandato popular emanado do referendo do pasado 1 de outubro. É a nosa maneira de nos colocar do lado da democracia.

A loita do pobo catalán e tamén a nosa loita. Por iso, hoxe desde Galiza querémoslle mandar ao pobo catalán unha mensaxe de solidariedade, de apoio e de ánimo. Desde Galiza dicimos, alto e claro, Si á Catalunya como Estado independente en forma de República e Si á democracia.

Dicímoslle aos inquisidores do século XXI, aos que chaman "referendum ilegal" á democracia, "desafío secesionista" ao dereito de autodeterminación e impoñen tricornios sobre urnas, que a non hai texto legal nin aparello coercitivo capaz de contar as ansias de liberdade e democracia dun pobo.

E tamén lle dicimos ao goberno español que non lles temos medo. Que galegas e galegos, saberemos estar á altura do momento que estamos a vivir. Porque non é só o problema de Catalunya. Tamén nos afecta a nós, aos nosos dereitos e liberdades democráticas, individuais e colectivas, ao dereito inalienábel do pobo galego a decidir libremente o seu futuro.

Por Catalunya, por Galiza, e pola Democracia.

Volver