Centos de traballadoras e traballadores da sanidade privada maniféstanse na Coruña para exixir un convenio digno

A Coruña - 17 Nov 2023

Centros de traballadoras e traballadores da sanidade privada da provincia da Coruña mobilizáronse este venres para exixirlle á patronal que volva de inmediato á mesa de negociación e para reclamar condicións salariais e laborais dignas. A manifestación precede ás dúa xornadas de folga que CIG, CCOO e UGT teñen convocadas no sector para os días 30 de novembro e 14 de decembro, nas que se fixo un chamamento a participar masivamente.

O convenio da sanidade privada regula a máis de 4.000 persoas na provincia da Coruña e é un dos que peores condicións ten de todo o sector. Na manifestación, que saíu da Praza de Pontevedra e rematou no Obelisco, puidéronse escoitar consignas contra a precariedade, a xornada abusiva ou os baixos salarios que percibe o persoal, así como contra as pretensións da patronal de recortar dereitos xa recoñecidos no convenio como a contía dos trienios ou a cobertura do 100% das baixas.

A propia patronal, lembrou a CIG-Saúde, quéixase dos problemas que ten para atopar e reter profesionais, pero en lugar de reverter esta situación ofertando unhas condicións xustas e uns incrementos salariais dignos, intenta consolidar a pobreza dun convenio no que moitos salarios xa foron superados polo SMI, que contempla a xornada anual máis estensa, que non recoñece o pago do traballo en domingos e que nin sequera ten actualizados os permisos conforme a normativa vixente.

Por se non fora abondo, a última xogada da patronal foi suspender as negociacións baixo o pretexto dunha posíbel modificación lexislativa da xornada máxima legal e dun posíbel incremento do SMI. Materias que, subliña a CIG-Saúde, xa estaban enriba da mesa, polo que entenden que esta non é máis que outra escusa da patronal para dilatar sen fin as negociacións.

En resposta a esta agresión, as centrais sindicais convocaron dúas xornadas de folga co obxectivo de exixir que se retomen de inmediato as negociacións do convenio, que a patronal  retire os puntos innegociábeis (recortes nos trienos e na cobertura das baixas), que presente unha oferta económica que "realmente modifique á alza as táboas salariais" e permita recuperar o poder adquisitivo perdido, unha rebaixa da xornada anual máxima, e unha nova regulación dos permisos retribuídos. 

O responsábel de Negociación Colectiva da CIG-Saúde, Miguel Tizón critica a avaricia dos grandes grupos empresariais do sector (como HM, Quirón, Ribera Salud ou Adeslas) "que se fan ricos a conta dos millonarios concertos co SERGAS e os seguros privados mentres o persoal (na súa maioría mulleres) traballa en condicións de auténtica precariedade". Lanzou un chamamento a todo o persoal para que secunde masivamente as dúas xornadas de folga e as mobilizacións que se convoquen eses días para demostrarlle á patronal que o sector non está disposto a aturar tanta precariedade e pobreza.

Polo convenio da sanidade privada están regulados tanto os hospitais dos grandes grupos sanitarios (La Rosaleda, San Rafael, Santa Teresa, Juan Cardona, Modelo, etc.), como as clínicas dentais, de fisioterapia, centros estéticos ou laboratorios clínicos.