Centos de persoas claman contra a represión sindical na empresa GRI Towers do Carballiño

Unha manifestación convocada pola CIG, CCOO e UGT percorreu as rúas da localidade ourensá en defensa do dereito de folga
O Carballiño - 26 Xan 2023

Varios centos de persoas participaron onte na manifestación celebrada onte no Carballiño en defensa do dereito de folga e contra a represión sindical na empresa GRI Towers, que denunciou pola vía penal a catro empregados aos que acusa de danos por valor de 138.000 euros.

A marcha, convocada polas federacións de Industria da CIG, CCOO e UGT, arrincou da estación de tren pasadas as 18:30 horas ao berro de “abuso patronal, resposta sindical” e “GRI Towers, escoita, estamos en loita” e rematou diante do Concello, onde unha representación das centrais sindicais e dos propios afectados foi recibida polo alcalde, que se comprometeu a mediar coa Subdelegación do Goberno e coa propia empresa.

O secretario comarcal da CIG-Industria de Ourense, Indalecio Gómez, agradeceu a solidariedade amosada polos traballadores/as que se desprazaron dende boa parte da xeografía galega para participar nunha mobilización na que tamén estiveron o secretario nacional da federación, Xoán Xosé Bouzas, e o máximo responsábel da CIG-Ourense, Anxo Pérez Carballo.

Gómez denunciou a campaña represiva posta en marcha por GRI Towers contra os empregados/as que participaron na recente folga para reclamar un convenio digno no sector do siderometal. “Como o persoal da empresa secundou masivamente o paro indefinido, a excepción dun pequeno grupo de esquirois, a dirección decidiu tomar a revancha ao verse obrigada a ter que subir os salarios”.

Neste contexto, a compañía denunciou pola vía penal a catro traballadores, aos que acusa de danos por valor de 138.000 euros nunhas torres eólicas que apareceron luxadas con pintura. Gómez considera desproporcionada a contía, “por non falar de que non está probado que estes compañeiros fosen os responsábeis dos feitos dos que se lles acusan”. Ao mesmo tempo, criticou que a empresa estea a impoñer dende o remate da folga distintas sancións contra outros/as operarios/as.

Campaña de criminalización

O responsábel sindical sostén que estas represalias da compañía contra os empregados/as que estiveron en primeira liña durante as mobilizacións responde á campaña de criminalización posta en marcha pola patronal, “á que se sumaron os poderes mediático e político porque sabían que a vitoria dos traballadores/as do siderometal sería un exemplo para outros sectores e que revitalizaría a negociación colectiva na provincia”.

Neste senso, lembra que a represión sindical constitúe unha vulneración de dereitos fundamentais, “malia o que nunca vemos que o poder político ordene actuacións contra o empresariado responsábel; o que si vemos son campañas mediáticas de criminalización mediática contra traballadores/as que simplemente defenden que se soben os prezos teñen que subir os salarios”.