Centos de traballadores e traballadoras de ambulancias reclaman en Compostela un convenio digno

Nacional - 12 Xul 2023

Centos de traballadores e traballadoras do transporte sanitario urxente e non urxente de Galiza manifestáronse este mércores polas rúas de Santiago de Compostela para reclamar un convenio con condicións laborais e salariais dignas, un reforzo do persoal e do número de ambulancias para facer fronte á elevada carga de traballo, e unha mellora deste servizo público.

A protesta enmárcase no calendario de mobilizacións que comezou a pasada semana con dúas exitosas xornadas de folga e continuará, se non hai avances na negociación, con tres días máis de paro xeral a vindeira semana. Precisamente, ao remate da manifestación na céntrica Praza de Cervantes, o responsábel de transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, informaba que a patronal viña de solicitar unha mediación, polo que este venres haberá xuntanza entre as partes.

Sobre os motivos da folga e das mobilizacións, Pastoriza lembrou que son basicamente tres: a paralización do convenio pola postura intransixente da patronal, a excesiva carga de traballo e a actitude de absoluto "pasotismo" da Xunta de Galiza con este sector.

"O Goberno galego ten a este sector como o irmá pobre da sanidade. Segundo nos trasladou a propia Consellaría na reunión que mantivemos onte, o orzamento para sanidade no ano 2023 pasa dos cinco mil novecentos millóns de euros, pero para ambulancias dedícanse 174 millóns, é dicir o 0,0036%", subliñou.

Sanidade confirmou que a suba prevista dos contratos na partida destinada a persoal non pasará do 4%, por todos os conceptos, "o que está lonxe do que nós reivindicamos, e a esta suba é ao que a patronal se limita, sen ofrecer nada máis", criticou.

Neste senso, engadiu que os traballadores e traballadoras, ademais dun incremento salarial digno, reivindican unha cláusula de revisión conforme ao IPC anual para garantir así o mantemento do poder adquisitivo, melloras no pago da nocturnidade, festivos e domingos etc. Xunto a isto, demándanse melloras nas coberturas das IT e dos permisos retribuídos e unha redución da xornada anual.

Infradotación dos contratos

Doutra banda, na reunión de onte con Sanidade, a parte social tamén se interesou polos novos contratos, xa que a infradotación económica dos anteriores concursos derivou na actual precariedade do sector. Porén, a administración galega non aclarou "nin cando comezará o proceso, nin a dotación orzamentaria que terán, non nos dixeron absolutamente nada".

A este respecto, Pastoriza denunciou o incremento brutal do número de servizos rexistrado sobre todo dende a pandemia, "cando estamos co mesmo número de vehículos e de persoal que hai dez anos. Isto supón que os traballadores e traballadoras teñen que asumir unha carga de traballo insoportábel", valorou.

Pero ademais, no sector aínda hai empresas nas que o persoal fai horas extras todos os meses sen cobralas ou mal pagadas, nas que non se cumpren cos descansos e vacacións regulamentarias, e incluso algunhas compañías nin sequera se fan cargo da desinfección dos uniformes. Por iso, conclúe o sindicalista, a loita do persoal deste sector non é só unha loita pola mellora das condicións sociolaborais, senón tamén a loita por un servizo público de calidade e con todas as garantías para as persoas usuarias.