Chamamento da CIG ante a celebración do Día da Patria Galega

25 de xullo de 2016

Compostela -

A CIG chama ás traballadoras e aos traballadores galegos a participar nos actos que o nacionalismo galego celebre en Santiago de Compostela, e por Galiza adiante, o dia 25 de xullo, para conmemorar o Día da Patria Galega.

A celebración do Día da Patria Galega supón para a clase traballadora galega unha data de reivindicación, conxuntamente co resto das clases populares galegas, do dereito que temos os galegos e galegas a decidir por nós mesmos o noso futuro como nación, a autogobernarnos e a poder vivir e traballar na nosa terra nunhas condicións dignas.

A celebración deste 25 de xullo coincide -ao amparo e coa xustificación de combater a crise económica- co afondamento no modelo de capitalismo neoliberal a través da imposición de todo un conxunto de políticas de recorte de dereitos, de salarios, do investimento e do gasto público e tamén das liberdades públicas; do incremento da precariedade laboral e do debilitamento da negociación colectiva; de redución de impostos ao capital mentres se incrementan á clase traballadora. En definitiva, de  debilitamento da clase traballadora no económico, no político e no organizativo. 

Ao tempo que se empobrece á clase traballadora, as grandes corporacións económicas, o capital financeiro, seguen incrementando os seus beneficios e concentrando un maior poder económico e político. O capital controla e pon ao seu servizo aquelas institucións financeiras e políticas (Comisión Europea, Banco Central Europeo, Fondo Monetario Internacional, …), que funcionan á marxe da opinión e do control da cidadanía, e que  son as que ditan as políticas económicas, sociais e laborais a aplicar por parte dos gobernos e dos parlamentos, na grande maioría dos casos en mans das forzas políticas maioritarias da dereita (PP) e da socialdemocracia (PSOE) comprometidas co sistema neoliberal.

Altos niveis de desemprego, avellentamento e perda de poboación activa, emigración da xente moza, deterioro dos nosos sectores produtivos (leite, pesca, naval,…), apropiación do noso aforro e da enerxía que producimos, alleamento do noso sector financeiro, deterioro dos servizos públicos, perda de galego falantes, incremento da españolización da sociedade galega con menosprezo e infravaloración do propio, empezando polo noso idioma e seguindo polas nosas potencialidades económicas e humanas.

Todo isto enfróntanos a unha situación que levamos moito tempo a padecer e que dificulta o noso desenvolvemento pleno como pobo no económico, no social, no cultural, no idiomático e no político. A iso contribúe sen dúbida algunha, neste momento, a  incompetencia manifesta da Xunta de Galiza e do seu presidente o sr. Feijoo, incapaces de ofrecer alternativas e saídas pensadas nos intereses das clases populares galegas, pero tamén inflúe de forma determinante a falta de soberanía política de Galiza e o papel que tradicionalmente xogamos, no contexto do Estado e da Unión Europea, de nación colonizada espoliada, subministradora de man de obra, materias primas e aforro.

Neste contexto, cobra aínda máis forza a necesidade de termos soberanía política para poder estabelecer os mecanismos adecuados para unha mellor defensa dos nosos sectores produtivos básicos, para modernizar as nosas infraestruturas e os servizos sociais, para levar adiante unha política de emprego propia, para potenciar unha economía autocentrada ao servizo e en beneficio da maioría social. A dependencia favorece as desigualdades sociais, discrimina a nosa cultura e lingua, debilita o noso proxecto colectivo, hipoteca o noso futuro individual e social.

Por todas estas razóns as traballadoras e os traballadores galegos somos os primeiros interesados en participar activamente nos actos conmemorativos e reivindicativos do Día da Patria Galega, pondo o noso esforzo ao servizo da conquista dunha sociedade galega máis xusta, máis igualitaria, máis solidaria e máis soberana.

Volver