Charla-coloquio con Jorge Bermúdez sobre o sindicalismo nos procesos de transformación social en América Latina

O encontro co dirixente obreiro uruguaio, que organiza a Fundación Moncho Reboiras, terá lugar en Vigo este luns 12 ás 20:00 horas
Vigo - 08 Xun 2017

A Fundación Moncho Reboiras, constituída pola CIG para estudar e a divulgar a realidade social e sindical na Galiza, organiza este luns 12 en Vigo unha charla-coloquio co dirixente obreiro uruguaio Jorge Bermúdez baixo o título “Loita popular e procesos de transformación social. O papel do movemento sindical en América Latina”. O secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, será o encargado de presentar este acto aberto ao público que se celebrará no local do sindicato (rúa Gregorio Espino, 47) ás 20:00 horas.

O secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, será o encargado de presentar un encontro no que o secretario de Relacións Internacionais do PIT-CNT –a central sindical unitaria do Uruguai– e secretario xeral da Federación Uruguaia da Saúde (FUS) abordará o papel que está a desempeñar o movemento sindical e popular en América Latina, especialmente na Arxentina, no Brasil e no Uruguai, e os desafíos que confronta a clase traballadora neste novo contexto de ofensiva da dereita.

O dirixente sindical uruguaio falará sobre o estado actual da loita popular e dos procesos de transformación na súa rexión

A nova onda reaccionaria do imperialismo en América Latina, que se traduce en golpes de Estado como os do Brasil e do Paraguai, a violencia e a guerra económica como en Venezuela ou a vitoria electoral de Macri na Arxentina, produce un escenario ben complexo, no que están en cuestión os tímidos avances logrados cos chamados gobernos progresistas da etapa anterior.

O dirixente sindical uruguaio achegará unha visión de primeira man sobre o estado actual da loita popular e dos procesos de transformación en curso na súa rexión, onde se veñen desenvolvendo importantes mobilizacións de masas, coa participación de decenas de millóns de traballadores/as en combativas folgas xerais.