A xurisprudencia actual sobre “Externalización de servizos e sucesión de empresas” a debate

Charla, organizada pola CIG, do profesor de Dereito do Traballo da UOC, Ignasi Beltrán

Nacional -

A CIG organizou esta mañá, en Compostela, unha charla sobre “Externalización de servizos e sucesión de empresas: xurisprudencia actual”, que correu a cargo do profesor de Dereito do Traballo e da Seguridade Social na Universitat Oberta de Catalunya (UOC), Ignasi Beltrán de Heredia Ruíz. O secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sio foi o encargado de presentalo e de introducir o tema subliñando que vivimos nun contexto de “contrarreforma laboral permanente” e dunha xurisprudencia “que non para de variar e mesmo contradicirse”.

González Sio lembrou a situación laboral en Galiza, onde un 37% dos contratos rexistrados son a tempo parcial; onde o 35% dos contratos duran menos dunha semana; onde as traballadoras/es con ingresos menores á metade do SMI son xa 184.000 e teñen uns ingresos anuais de 1.806 euros de media e onde uns 310.000 traballadores/as, o 30,7% do total, teñen uns salarios de “absoluta miseria”.

O secretario confederal de Negociación Colectiva atribuíu esta precarización das condicións laborais e de vida, en grande medida, aos diferentes xeitos de subcontratación e externalización de servizos e a un contexto onde hai maiores dificultades para “regular a contratación polo incremento da subcontratación nunha dimensión máis precaria, con empresas e servizos que afectan indistintamente a todos os sectores e con convenios máis baratos”.

Por iso apostou por “limitar a eficacia das distintas liñas de subcontratación, identificando nos convenios de empresa ou sector todas as actividades propias que non se poden subcontratar”. Xunto a isto asegurou que só a CIG, mediante a negociación colectiva “vai ser quen de controlar esta deriva pola precarización do mercado de traballo, a explotación laboral e o asentamento de forma permanente da precariedade no mundo do traballo, da creación de empregos esporádicos, a tempo parcial ou a través dunha cadea interminábel de subcontratación”.

Entre outras medidas a adoptar para parar o aumento acelerado da miseria e da pobreza laboral apuntou a eliminación das cadeas de subcontratas, só permitindo contratación de primeiro nivel; a prohibición das empresas multiservizos; garantir a subrogación dos traballadores/as cando haxa continuidade na empresa; eliminación do traballador/a autónomo economicamente dependente, que oculta fraudulentamente relacións laborais por conta allea e a reversión ao público dos servizos privatizados. Isto ademais de estender a responsabilidade das empresas principais en todos os casos.

Un novo paradigma

Pola súa banda Ignasi Beltrán arrincou a súa exposición advertindo que estamos nunha “situación de tránsito cara un novo paradigma das relacións laborais” e asegurando  que é imprescindíbel coñecelo e saber que ferramentas se poden usar para podelo mudar.

Considerou que cando se fala de subcontratas, estamos nun campo de batalla entre “o vello dereito do traballo”, fronte os que “tratan de fuxir del” e eludilo e subliñou que aquí é onde entra en xogo o artigo 44 do ET que protexe aos traballadores/as en casos de externalización que favorecen unha espiral de devaluación das condicións de traballo infinito porque estas subcontratas, atendendo ás regras do mercado rebaixan máis e máis as súas ofertas.

Con todo matizou que este artigo “está ateigado de conceptos xurídicos indeterminados” que permiten que a súa aplicación tamén dependa de quen o interprete e para demostralo foi facendo un percorrido pola xurisprudencia e explicando o contido de diferentes sentenzas referidas a casos concretos, tanto de administracións públicas que recuperaron servizos e tiveron que subrogar o persoal, como de empresas privadas ás que se lle obrigou a subrogalo ou que o quixeron facer e os traballadores/as non o querían.

Entre as/os asistentes estaba o persoal dos servizos xurídicos da central sindical, mais tamén sindicalistas de todas as comarcas do país, interesados/as en coñecer os recursos legais cos que contan para combater a precariedade derivada da cada vez máis recorrida externalización e subcontratación de obras e servizos, que deixa nunha situación de maior desprotección ás traballadoras e traballadores.

Volver