Che, 50 anos despois

Emir Sader -

A esquerda latinoamericana volvería aparecer como forza determinante na nosa historia coa resistencia ao neoliberalismo e a construción de alternativas ao novo modelo hexemónico no capitalismo. Os seus novos líderes recoñécense nos líderes do período anterior, entre eles, sobre todo a Fidel e ao Che

Desde que Fidel anunciou que a nova era tristemente verdadeira, transcorreron 50 anos sen o Che. Para unha xeración que nacera á militancia política coa súa presenza moi próxima, as súas palabras, o seu exemplo, foi moi difícil asimilar esta.

 Como seguir loitando sen saber que, nalgún lugar do mundo, el estaría loitando. Sen contar cos seus azos, coa súa vontade, coa súa enérxica presenza, coa súa inquebrantábel gana de transformar revolucionariamente o mundo. Así e todo, Fidel chamábanos a sacar forza daquela perda.

 As súas últimas imaxes doíannos ben, sentiamos que o abandonamos, que el estivera só, cercado, sen posibilidade de romper o cerco tendido por forzas monstruosas. Pero habería que seguir adiante.

 Non foi fácil, non foi simple, a reacción inmediata era dar continuidade ao camiño aberto por el, por Fidel e os seus compañeiros. Era unha grave perda, pero parecía que nada apuntaba a que as condicións de loita cambiaran por iso.

 Porén, non foi soamente unha perdida personalmente durísima, era tamén a derrota dun proxecto de potenciar e coordinar desde Bolivia os núcleos guerrilleiros existentes e os que empezaban a se desenvolver. Tanto é así que, nunha reunión do seu Comité Central, o Partido Comunista de Cuba tiraba consecuencias daquela derrota de romper o illamento da Revolución, buscando alianzas doutra orde, que permitisen consolidar a vitoria de 1959. Pouco tempo despois, Cuba establecería lazos estratéxicos coa URSS e o campo socialista, que apuntarían á ruptura do aquel illamento, paralelamente á aposta na revolución latinoamericana. Mais os prazos alongábanse.

 Xurdiría a sorprendente experiencia socialista en Chile, por vías moi distintas. Allende tiña un libro que lle regalou o Che, cunha dedicatoria, en que dicía que os dous “pelexaban polo mesmo obxectivo, por camiños distintos”.

 O golpe en Chile fixo con que a “nova toupa latinoamericana” -como denominei ese fenómeno nun libro meu- retomaba o camiño anterior, coa vitoria da guerrilla en Nicaragua e o xurdimento de núcleos similares no Salvador e Guatemala. Podería semellar que a vía guerrilleira tomaba novo impulso.

 Pero un cambio maior, en escala mundial, faría con que os camiños da esquerda latinoamericana tivesen que pechar un capitulo. A fin da URSS pechaba un período histórico e traía a hexemonía imperial norteamericana como un fenómeno mundial, aparentemente sen fronteiras. Os movementos guerrilleiros salvadoreño e guatemalteco tiraron conclusións e trataron de facer unha reciclaxe cara á vida institucional. Máis recentemente, as guerrillas colombianas farían algo similar.

 A esquerda latinoamericana volvería aparecer como forza determinante na nosa historia coa resistencia ao neoliberalismo e a construción de alternativas ao novo modelo hexemónico no capitalismo. Os seus novos líderes recoñécense nos líderes do período anterior, entre eles, sobre todo a Fidel e ao Che, pero saben que as condicións de loitas cambiaron, volvéronse máis difíciles, con camiños máis complexos a tripar.

 A esquerda do século XXI é antineoliberal, loita pola profunda democratización do Estado, a idea mesma de revolución adquire outro sentido, como argumenta Álvaro García Linera. Caso de que algunha forza latinoamericana apelase ao enfrontamento armado, seguramente sería esmagada. O profundamento revolucionario da democracia, transformando o seu mesmo carácter, é a vía que transtia a esquerda latinoamericana do século XXI.

 O Che viviu fondamente a vía guerrilleira, como camiño de ruptura revolucionaria, do que a Revolución Cubana é a mellor expresión vitoriosa. Pero a súa imaxe segue moi vixente para a esquerda do século XXI.

 Antes de todo, o seu exemplo de dedicación militante, con todo o que un ser humano teña de mellor, á loita pola trasformación revolucionaria das nosas sociedades. Indisolubelmente vinculado a iso, o carácter profundamente ético da vida dun militante e do proxecto de transformación da sociedade. En terceiro lugar, a conciencia de que o obxectivo desas trasformacións é a ruptura co capitalismo e a construción do socialismo. Todo iso no marco do internacionalismo, da solidariedade coa loita de todos os pobos do mundo.

 Non por acaso a imaxe do Che, esa foto impresionante de cando el mira a desfeita da acción terrorista que fixo voar un barco de orixe belga no porto de Habana, que levaba armas para que Cuba puidese defenderse das agresións norteamericanas, é a foto máis vista no mundo. É a súa mirada, o vigor da súa forma de ver as cousas, ese imaxe que acompañou e segue acompañando a todos os que loitan e son solidarios con todos os que loitan por un mundo mellor, máis humano, máis á medida dos valores que o Che inculca co seu exemplo, coas súas palabras, coa súa vida, aínda 50 anos despois daquela dolorosa nova.

 

[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 6 de outubro de 2017]         

Volver