CIG-A Coruña anima a participar na manifestación en defensa da Ría do Burgo

O próximo domingo 14 de maio, ás 12 horas, dende a Casa do Mar

A Coruña -

A Unión Comarcal da CIG da Coruña apoia e chama a participar na manifestación que a Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo ten convocada o vindeiro domingo, 14 de maio, con saída ás 12 horas dende a Casa do Mar. A CIG forma parte desta plataforma desde a súa constitución e sempre apoiou decididamente todas as actuacións e mobilizacións propostas pola mesma.

A Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo leva anos reivindicando solucións ante o grave deterioro da ría e as consecuencias negativas que isto supón para o medio ambiente, a economía, o marisqueo e o turismo. Porén, en todo este tempo, un ano tras outro as urxentes actuacións para a rexeneración, recuperación e saneamento integral da ría teñen quedado relegados nos Orzamentos Xerais do Estado, onde só aparecen consignadas partidas insuficientes, que nin se sequera se chegan a executar.

Esta desidia veuse agravada pola irresponsabilidade e a incompetencia dos gobernos centrais e da Xunta, incapaces durante anos de sentar a negociar e aprobar o Proxecto Definitivo de Dragado da Ría, co seu correspondente calendario de actuacións, debidamente orzamentado, e publicado no BOE e no DOG. Actuacións coas que poñer en marcha dunha vez o inaprazábel e urxente Plano de Rexeneración da Ría, dragado, tratamento, limpeza e reiterada dos lodos.

E cando por fin parece que hai acordo para iniciar o dragado, este permanece estancado nos trámites administrativos, sen que exista certeza sobre o seu financiamento, nin se teña contestado ás alegacións formuladas pola Plataforma, a Confraría ou os concellos. Ao tempo,  a Xunta de Galiza (vía Consellaría do Mar ou Medio Ambiente) segue negando calquera alternativa e solución ao sector marisqueiro, que cada vez se ve máis empobrecido por unha Ría en constante degradación e que cada ano reduce máis a súa capacidade produtiva.

A este respecto, a CIG ten subliñado a importancia de recuperar este espazo, non só como necesidade ambiental, senón tamén como unha aposta pala economía produtiva, dado o potencial da ría como motor da reactivación económica da comarca da Coruña e pola súa capacidade xeradora de emprego.

Por iso, a central sindical fai un chamamento a participar na manifestación deste domingo para esixir esixirmos do Goberno do Estado e da Xunta as actuacións e investimentos públicos para a aprobación inmediata do Proxecto Definitivo de Dragado da Ría e a posta en marcha do Plano de Rexeneración Medio Ambiental, de limpeza integral da Ría do Burgo para o gozo e lecer cidadán, e a recuperación dos bancos de marisco con liñas de axuda ao cultivo e a produción. Así como demandar un programa de axudas ao marisqueo mentres non se poida desenvolver con plena normalidade esta actividade.   

RECUPEREMOS A RÍA DO BURGO!
VIVIMOS NELA, VIVIMOS DELA. DEFENDAMOS A NOSA RÍA!

Volver