CIG-Alcoa: "Se a empresa ten verdadeira vontade para negociar, primeiro ten que retirar o ERE"

Considera unha chantaxe a proposta da empresa de ampliar o período de consultas 'se o piden os comités'
A Coruña - 15 Nov 2018

Diante das últimas noticias sobre a presunta disposición de Alcoa a ampliar o período de consultas se a representación social aceptar sentar na mesa e así llo solicita, a sección sindical da CIG retrúcalle á multinacional que retire o expediente de despedimento colectivo se realmente ten vontade de dialogar. "Se cumpre esa premisa, a retirada do ERE, nós estaríamos dispostos a sentar a negociar alternativas para a fábrica que garantan a continuidade dos empregos e da actividade produtiva", afirman.

Nin estamos de acordo cos argumentos da empresa para xustificar o ERE, nin coas súas formas. Esta fábrica é viábel e ten futuro e iso é polo que imos pelexar até o final"

 Polo que non pasa a sección sindical é por unha chantaxe de Alcoa "para obrigarnos a constituír a mesa de negociación -á que non damos validez legal por entender que o expediente debería ser abordado en cada centro de traballo- a cambio de ampliar o período de consultas. Nin estamos de acordo cos argumentos da empresa para xustificar o ERE, nin coas súas formas. Esta fábrica é viábel e ten futuro, e iso é polo que imos pelexar até o final", aseveran.

A demanda de retirada do ERE para abordar o futuro das instalacións cobra máis forza aínda ante o cambio de escenario producido coa publicación da convocatoria da poxa da interrompibilidade para o vindeiro mes de decembro. "Manter o expediente non ten sentido", reiteran.

En calquera caso, os delegados da CIG outorgan pouca credibilidade as afirmacións da empresa e  critican a negativa obstinada de Alcoa a negociar alternativas ao peche das fábricas.

Cautela ante os anuncios de posíbeis compradores

No tocante á posíbeis compradores, a representación da CIG amósase cautelosa ante a informacións da ministra de Industria, sobre todo á vista das declaracións contraditorias que se están emitindo estes días entre a administración e a empresa. "O importante agora é que se paralice o ERE, non termos esa presión enriba para poder buscar unha solución. A partir de aí, se Alcoa teima no peche, os gobernos deberán tomar as medidas necesarias, porque non se pode permitir a destrución de case 400 empregos directos nesta comarca e o desmantelamento dun sector estratéxico para Galiza como o do aluminio. E se non hai comprador, sería na SEPI o lugar axeitado onde esta empresa tería que reincorporarse".

Lembran ademais que, do Goberno do PSOE ter derrogado á reforma laboral do PP, tal e como prometía cando estaba na oposición, "agora a administración tería capacidade legal para desautorizar este expediente e non estaríamos á expensas do que quere Alcoa".  

Estatuto de empresas electrointensivas

Sobre a creación do estatuto de empresas electrointensivas no que parece estar traballando o Goberno español, a sección sindical lembra que hai unhas semanas a CIG remitiu ao Executivo español, a Xunta e á patronal do sector unha proposta para a creación dunha tarifa industrial estábel, con variacións predicíbeis, á que se poidan acoller este tipo de empresas baixo o cumprimento dunha serie de requisitos e que recoñeza o seu estatus específico.

"Resulta positivo que por fin se comece a falar desta cuestión, polo que lle pedimos ao Goberno que, ademais de dirixirse á Xunta, teña en conta a proposta da CIG para avanzar unha solución canto antes á problemática do custe da enerxía para estas industrias", subliñan. Dende a sección sindical recalcan a necesidade de contarmos cunha regulación máis xusta e equitativa que rache coa incerteza que provoca a poxa anual do actual sistema de interrompibilidade e que compromete o futuro e a viabilidade da nosa industria de base.

Continúan as mobilizacións contra o peche

Os traballadores e as traballadoras de Alcoa continúan co calendario de mobilizacións en rexeitamento ao peche da fábrica da Coruña. O martes levaron as súas reivindicacións até o centro comercial Marineda City, onde recibiron o apoio das persoas que estaban na área comercial en forma de calurosos aplausos. Na xornada de onte, mércores, fixeron unha marcha solidaria dende a fábrica para entregar produtos de primeira necesidade no Banco de Alimentos Rías Altas.

Para o próximo sábado, 17 de novembro, teñen convocada unha concentración na Praza de María Pita. A protesta desenvolverase baixo o lema "Alcoa, peche non" a partir das 12:00 horas e os traballadores e traballadoras animan a toda a cidadanía a participar na mesma.