CIG-Autonómica pide dotar do persoal necesario o Arquivo Histórico Provincial de Lugo

Lugo - 07 Feb 2018

Dende hai meses no Arquivo Histórico Provincial de Lugo estase a producir unha importante sobrecarga de traballo e unha redución continuada dos recursos humanos para facerlle fronte á esta situación. Segundo explican dende a CIG-Administración Autonómica de Lugo, non se cobren as prazas que quedan vacantes tanto na biblioteca Nodal coma no Arquivo Histórico, "coa conseguinte carga de traballo do persoal que ten que facer fronte a unha política de recursos humanos nefasta por parte da Xunta de Galiza".

Engaden que dende hai xa varios anos permanecen sen ocupar dúas prazas de persoal da Agrupación Profesional de Persoal Subalterno na biblioteca e outra de persoal administrativo do arquivo desde hai uns meses. "Entre xubilacións que non se repoñen e prazas que son amortizadas, a situación é cada vez máis precaria tanto para o persoal como para todos os usuarios e usuarias destes lugares públicos", denuncian.

Digna Lorenzo, delegada de persoal da CIG, explica que estas carencias fóronse suplindo até o momento "coa boa vontade do persoal" pero, a día de hoxe, "os traballadores e traballadoras están cansos/as de sacar as castañas do lume".

Sen persoal para cobrar as compulsas

O exemplo máis claro, apunta, está no caso da saída dunha administrativa do Arquivo Histórico, autorizada pola Xunta para ocupar outro posto. Dende principios do mes de decembro esta ausencia foi paliada redobrando esforzos por parte do persoal que traballa no arquivo para que non se resentise o traballo deste órgano, "pero chegado este momento sen que a administración cubra esa praza, as traballadoras e traballadores temos a firme a decisión de non seguir realizando este traballo que non é competencia nosa".

O labor deste posto consiste, principalmente, en compulsar, facer certificacións, rexistro de entrada e saída, atención telefónica e cobro de taxas e compulsas, así como cobro de fotocopias e todo o traballo administrativo.

"Desde o día 1 de febreiro as compañeiras e compañeiros do arquivo, sempre pensando en non deixar sen servizo a todas as cidadás e cidadáns que acoden acotío, seguimos realizando fotocopias pero non estamos a cobrar o prezo que para esta prestación estipula a Xunta. Polo tanto, e debido a que o noso labor non inclúe o manexo de moeda, seguiremos dándolle servizo a quen solicite unha fotocopia pero non se lle pedirá que aboen cantidade algunha pola mesma", advirten.

Dende a representación da CIG faise un chamamento á administración galega para que cobra con urxencia as prazas vacantes, tanto no Arquivo Histórico como na Biblioteca Nodal, "para que non nos sigamos atopando con estas lamentábeis situacións froito dunha nefasta política de persoal".