CIG-Banca alerta de que segue sen poñerse “couto aos escándalos do sector financeiro”

Denuncia que o goberno desaproveitou a oportunidade na transposición da MIFID á lexislación do Estado

Nacional -

O pasado 28 de setembro o Goberno do Estado aprobou o Real Decreto-Lei 14/2018 polo que se realiza a transposición da MIFID (Directiva UE 65/2014). “Unha oportunidade perdida para regular o sistema financeiro e controlar o modelo especulativo que deu lugar a escándalos” como o das preferentes, entre outros, segundo explicou esta mañá, en rolda de prensa, a secretaria nacional da CIG-Banca, Sefi Romero.

Romero lembrou que  despois deses escándalos comerciais protagonizados pola banca “desde a CIG viñamos demandando a adaptación desta normativa” -aprobada pola Comisión en 2014 e de obrigada transposición en todos dos estados membros- á lexislación española.

A secretaria nacional da CIG-Banca denunciou que porén, houbo que agardar a que a Comisión Europea interpuxese, o pasado mes de xullo, unha demanda contra o Reino de España no TXUE (Tribunal de Xustiza da Unión Europea), por non ter realizado a obrigatoria transposición desta norma, para que o novo Goberno, xa do PSOE, decidira aprobala a través dun Real Decreto. Un atraso do que responsabilizou ao PP, que gobernou até xuño deste ano.

Romero denunciou tamén que cando por fin se aprobou, o pasado mes de setembro, nin o PSOE, á fronte agora do goberno, nin ningún outro grupo do Congreso dos deputados presentou emendas que permitiran garantir que escándalos financeiros como os vividos, e que tan graves consecuencias tiveron para os aforros da clientela, non se volveran producir.

Lembrou ademais que xa en 2016 a CIG-Banca advertira que o mantemento duns tipos de xuros artificialmente baixos levaba a un estreitamento das marxes financeiras, polo que os bancos estaban levando adiante “agresivas políticas comerciais para derivar os aforros da clientela cara a produtos financeiros de investimentos que devirían en perdas para os aforradores e aforradoras, garantíndose os bancos o cobro de comisións”. Cuestión que se constata hoxe e que levou a que a federación alertara por activa e por pasiva desa situación mesmo dirixíndose aos grupos parlamentares do parlamento galego e do Congreso dos deputados en reiteradas ocasións.

Ante isto, a federación, que consideraba necesario “impulsar unha normativa que protexera á clientela e os cadros de persoal fronte ás agresivas políticas comerciais” entende hoxe que, polo seu contido, este RD “é unha oportunidade perdida”, tal e como se recolle no informe elaborado por Clodomiro Montero do que deron conta na rolda de prensa.

Políticas comerciais, a orixe dos escándalos no sector

Neste sentido, Montero lamentou que, “mentres en determinados sectores, como nas eléctricas, se debate a posible prohibición das agresivas políticas comerciais porta a porta, a transposición da MIFID non achega nada novo para poñer couto ás políticas que están na orixe de todos e cada un dos escándalos vividos nestes anos”.

En concreto sinalou que a Directiva Comunitaria 65/2014 prohibe, no seu artigo 24.10, que se establezan obxectivos de vendas que poidan ser un incentivo para colocar un determinado produto complexo, algo que, afirmou, “a banca incumpre todos os días e diante do que a CNMV (Comisión Nacional do Mercado de Valores)” non fai nada. De feito, mesmo denunciou que “o Goberno fixo un corta e pega deste artigo sen desenvolvelo, sen medidas que avancen na prohibición do modelo de traballo por obxectivos na banca”. Medidas sen as que “a MIFID carece de valor e credibilidade á hora de defender a clientela e os propios cadros de persoal”.

Si que aborda, segundo explicou, os modelos retributivos variables asociados ás vendas de produtos, pero “dun xeito que consideramos menos rigoroso que o propio regulamento da ESMA (Autoridade Europea de Valores e Mercados) que, nalgúns casos, permitiría prohibilos”.

Por iso subliñou que a CIG “demanda a prohibición das retribucións asociadas á colocación de produtos financeiros que a clientela non demanda”.

Neste mesmo sentido apuntou que a definición de “asesoramento independente” prevista no Real Decreto “beneficia claramente as entidades de crédito, malia que o persoal das redes comerciais que traballa por conta allea e depende xerarquicamente das entidades, coloca produtos seguindo instrucións da propia empresa”.

Produtos complexos, non complexos e o self-placement

O Real Decreto establece un decálogo dos produtos complexos e non complexos. A este respecto Montero asegurou que “en contra do afirmado polo Executivo, a normativa considera, con carácter xeral, non complexos os depósitos estruturados, agás en casos concretos. Isto cando xa a propia regulación actual numérica de niveis de risco realizada pola CNMV e que non se revisou no Real Decreto, semella inadecuada, como se demostra día a día”.

Xunto a isto apuntou que o RD considera as accións como produtos non complexos, como ata o de agora, pero non regula o self-placement, que está na orixe de escándalos como o das preferentes e subordinadas, a saída a bolsa de Bankia ou a ampliación de capital do Banco Popular.

Así lembrou que xa no ano 2014 a EBA (Autoridade Bancaria Europea) e a ESMA emitiron o informe “Placement of financial instruments with depositors, retail investors and policy holders (“self Placement”) no que amosaban a súa preocupación polo self-placement, é dicir, cando as Entidades Financeiras, ante os novos requisitos de solvencia, teñen que ampliar capital e utilizan as súas propias redes comerciais para colocar eses produtos. O último caso sería a ampliación de capital do Banco Popular, pero anteriormente no Estado español vivíronse os casos das Preferentes e Subordinadas (colocadas en tramo minorista na rede comercial e que computaban como capital), a ampliación de capital de Bankia (colocada a través da rede comercial) ou as cotas participativas da CAM (colocadas a través da rede comercial co asesoramento de Luis de Guindos).

Este mesmo ano, a Comisión de Economía do Parlamento Europeo analizou esta cuestión nun informe denominado “Subordinated Debt and self-Placement, Mis-selling of financial Products”.

Por iso para a CIG-Banca “era necesario incluír na transposición un apartado específico que prohibise, ou cando menos regulase con maior rigor, a comercialización de produtos propios de capital a través das redes comerciais propias, dado o conflito de intereses e os precedentes dos bancos españois. Pero o Goberno ignorou esta posibilidade, malia as alertas europeas”, afirmou Montero quen chamou a preguntarse “se as reflexións contidas nos informes sobre self-placement non son tamén válidas para a colocación de produtos propios a través das redes propias, cando o estreitamento das marxes ten levado incluso a grandes bancos a ter perdas no Estado español e os beneficios dependen das comisións que cobran pola colocación deses produtos”.

Impacto laboral

Desde unha óptica laboral, a responsábel do sector financeiro da CIG-Banca, Rosa Conde, acusou ao Goberno de validar as actuacións realizadas ata este momento pola CNMV en conivencia coa banca. “Non atalla o modelo de organización de traballo por obxectivos que padece o persoal do sector, que o leva a colocar produtos que a clientela non demanda, seguindo instrucións e as presións desmedidas por parte das estruturas comerciais todo poderosas nos bancos”.

Conde explicou que será este Organismo quen decida as formacións esixibles ao persoal do sector, cando ten aprobado que elixan os propios bancos que formación consideran válidas, deixando fóra a propia CNMV as formacións públicas (os graos universitarios, a formación profesional, ou as acreditacións por experiencia). “O persoal vese obrigado a realizar formacións moi complexas, que nada lle achega no seu posto de traballo e que non engaden valor engadido á clientela. Estas formacións teñen como único obxectivo que os bancos poidan cobrar por “asesorar” a clientela. Formacións que ademais se fan fóra da xornada laboral, realizando horas extras non pagadas, nin cotizadas”.

Responsabilidades

Xunto a isto Montero considerou que o RD “non contempla a responsabilidade única das empresas no caso de mala praxe e colocación indebida colectiva de produtos financeiros. É dicir, cando non haxa unha actuación dolosa individual por parte dun traballador ou traballadora e esteamos ante escándalos colectivos como os vividos”.

En contra do criterio da CNMV (informe valores Santander), cando se trata de mala praxe estendida en numerosas oficinas por distintos puntos da xeografía, non estamos ante actuacións individuais porque “só a empresa ten a capacidade de organización e dirección imprescindibles para que unha mala praxe sexa colectiva. Malia que o artigo 1903 do Código Civil establece nitidamente a responsabilidade do empresario, as actuacións da CNMV fan que entenderamos que era necesaria unha maior concreción no Real Decreto-Lei 14/2018”.

Porén, a CIG-Banca salienta que é positivo, malia que tampouco pode considerarse unha novidade, que o Real Decreto regule a protección, incluso no ámbito laboral, para as persoas que denuncien irregularidades.

Por todo iso, para a CIG-Banca esta transposición, como a propia MIFID, “é unha norma claramente negativa que se centra en definir as actuacións que deben realizar as empresas, desde unha óptica da autorregulación, malia que este dogma liberal foi o que nos levou ao estoupido da crise financeira hai exactamente 10 anos”. Ademais, “permite á banca manter as súas cada vez máis agresivas políticas comerciais, caldo de cultivo para novos escándalos”.

Volver