CIG-Banca convoca unha mobilización nacional en demanda da implantación do rexistro de xornada no sector

A manifestación sairá ás 12:00 h da Alameda compostelá o vindeiro sábado día 22 de xuño
Nacional - 17 Xun 2019

A CIG-Banca fai un chamamento a todos os traballadores e traballadoras de banca de Galiza a unir forzas en demanda de que se implante efectivamente o rexistro de xornada. Con ese motivo convoca, para o vindeiro sábado día 22 de xuño, ás 12:00 horas, unha manifestación que sairá da Alameda compostelá para deixar claro que “o noso traballo hai que pagalo”.

CIG-Banca denuncia que as entidades bancarias seguen sen pór en marcha o rexistro de xornada. “Queren gañar a batalla cultural, facernos ver que todo seguirá igual e nos meteron nun proceso no que buscan fórmulas para deixar sen efecto os rexistros de xornada. Non podemos consentilo, é agora o nunca”, claman.

Aseguran que o persoal está farto de asumir cada vez unha maior carga de traballo a consecuencia das reducións de cadros de persoal; duns obxectivos crecentes e das agresivas políticas comerciais para forzar ás traballadoras e traballadores a conseguilos; de traballar honradamente pero vivir con medio o que leva a facer horas extraordinarias que os bancos non pagan, non compensan e non cotizan á Seguridade Social.

“Hai malos empresarios que fan asinar nóminas e logo pagan menos. Os bancos actúan igual, non pagándonos as horas extras. Unhas horas que non queremos facer, pero que se se fan, deben ser retribuídas ou compensadas”, aseguran.

Por iso advirten de que “individualmente pode que nos venzan e non se rexistren as horas por medo. Só se actuamos colectivamente conseguiremos un rexistro fiable e unha carga de traballo asumible dentro da xornada laboral e, por fin, poderemos ter unha vida fóra do banco”.