As centrais chaman os traballadores/as do do metal coruñés a seguir na loita por un convenio provincial digno

Emiten un manifesto conxunto no que detallan as súas demandas para mellorar as condicións laborais

Nacional -

Os tres sindicatos con representación na mesa de negociación do convenio do metal da provincia da Coruña, CIG, CCOO e UGT veñen de emitir un manifesto no que avalían o estado actual das negociacións, detallan as súas reivindicacións e chaman a todas as traballadoras e traballadores a loitar por conseguilo.

MANIFESTO

A plataforma reivindicativa que presentamos á patronal, tivo, desde o comezo das reunións, un claro carácter de recuperación de dereitos, así como de reforzar aquelas posicións ou situacións que durante estes anos pasados se revelaron como especialmente fráxiles, e que foron obxecto de abusos por parte das empresas. Este ánimo levounos a introducir aspectos como:

  • Un incremento salarial na vía da recuperación do poder adquisitivo perdido durante os anos da crise, con un sistema de revisión anual que garanta que a inflación non se coma os nosos salarios, así como un reparto da riqueza máis aproximado aos estándares do entorno que nos rodea (UE).
  • Esixir un complemento salarial para os traballadores desprazados, e que sirva para evitar a moi extendida práctica do "pacto por horas" que os traballadores se ven na obriga de aceptar cando pactan as súas condicións individualmente co seu xefe; así como para os traballadores que se atopan en situación de retén ou garda e que están disponibles telefonicamente.
  • Esixir a limitación das ETT´s eliminando a posibilidade recollida en convenio de que presten servizos en "periodos punta", e que sirve de porta de entrada para unha fraude masiva neste tipo de contratación.
  • Garantir o emprego e as condicións dos traballadores das contratas de mantemento a través da subrogación, igual que teñen no convenio da limpeza, da seguridade privada, e outros moitos convenios provinciais do metal; o mesmo direito que pactaron os estivadores, e que tamén está na oferta que a Xunta ven de presentar para solucionar o conflito do transporte.
  • Esiximos tamén que os representantes dos traballadores teñamos a última palabra no que se refire ás Mutuas. Ou pode ser de outro xeito? ou somos animais de compañía que os donos "amorosamente" levan ao que eles consideran o mellor veterinario? Algo teremos nós que dicir a este respeito!!
  • Do mesmo xeito queremos regular os salarios da industria auxiliar de Navantia na ría de Ferrol, un colectivo que pode chegar ás 2.500 persoas, marcado polas duras condicións de traballo, polos elevados índices de eventualidade, e máis polos longos periodos que ciclicamente pasan no paro.
  • Do mesmo xeito actualizar uns permisos e licenzas retribuídos conforme aos criterios da lei de conciliación familiar.

Todos estes aspectos da negociación collidos por separado poden non parecernos importantes, ou se cadra, pode parecernos que non son os problemas que nos afectan na nosa empresa. Mais o convenio colectivo é de todos e para todos os profisionais do metal, que hoxe estamos nunha empresa ou nun sector en concreto e mañá estaremos en outro. A negociación e a reivindicación colectiva é único xeito de negociar con forza, e de ir acadando melloras para todo o sector. Fagámonos valer. Loitemos por un convenio digno para todos, para nós, para hoxe e para mañá. Non hai outra batalla que pague máis a pena, ningunha da que vaiamos quitar máis rendimento.

Volver