CIG-Compostela denuncia a actuación policial contra a mobilización en defensa do 'Escárnio e Maldizer'

Defende o dereito do centro a realizar a súa actividade social e cultural

Compostela -

A tarde do pasado sábado, día 10 de xuño, decorreu polas rúas de Compostela unha manifestación polo dereito á autoxestión dos espazos culturais e sociais e en contra do desaloxo do CSOA Escárnio e Maldizer. A CIG de Compostela denuncia a violenta actuación policial e defende o dereito deste centro a realizar a súa actividade social e cultural.

A CIG-Compostela lembra que durante toda a semana a Delegación do Goberno, sindicatos policiais e a dereita política e social da cidade viñan tentando criminalizar tanto ao centro social como á solidariedade coas súas actividades e contra o seu peche pola forza. Denuncia que ese clima de medo e manipulación está a ser ademais dimensionado e amplificado por medios de comunicación faltos de todo rigor e afirma que froito desa tensión a cidade foi tomada o sábado por varios centos de policias antidisturbios a quen se lles permitiu actuar con total impunidade nas rúas de Compostela.

Considera que nese contexto o PP e a Delegación do Goberno pretendían xustificar de novo a criminalización da solidariedade co centro social sobre o que puidera acontecer na manifestación deste sábado. Por iso denuncia “a violencia gratuíta e totalmente intencionada coa que se permitiu actuar á policia contra a mobilización”.

Subliña que existen ducias de imaxes de policias agredindo, arrastrando ou lanzando polo ar aos manifestantes e denuncia “o emprego de material antidisturbios como gases, pelotas de goma ou botes de fume disparados a escasa distancia, así como o uso de porras estensíbeis”. Considera que esta actuación “puxo en risco a vida e a integridade física das persoas que alí se atopaban, foran manifestantes, veciños do barrio, ou xornalistas. O resultado foron ducias de feridos e feridas por golpes e contusións”.

A CIG de Compostela manifestar “o noso apoio ao centro social desaloxado” e defende o seu dereito “á participación social, política e cultural nos parámetros que eles e elas mesmas decidan”.

Asegura que este centro social nos anos que permaneceu aberto desenvolveu  as súas actividades con total normalidade. Proba diso é a súa plena integración na vida do barrio a teor das mostras de solidariedade amosadas polo seu papel como dinamizador social e cultural. “E foi así até que unha decisión política nada inocente decidiu pechar de maneira agresiva un centro social con actividade pública, levantar muros de bloques nas portas e ventás e entregarllo a unha imobiliaria que ten débedas cos seus traballadores e traballadoras”, conclúe.

Volver