CIG-Compostela denuncia censura previa e vulneración da liberdade sindical no Concello de Santiago

Requiriu que se comunicara a lenda da faixa e reduciu unilateralmente os días de megafonía
Compostela - 25 Abr 2022

Cada ano, polo Primeiro de Maio, a CIG pon en marcha unha campaña de divulgación para informar da campaña que arredor desa data desenvolve, así como do lugar e hora de saída da manifestación. Cumprindo a ordenanza de publicidade estática e o resto de ordenanzas do Concello de Santiago, a central sindical enviou a comunicación e a solicitude de autorización para colocar unha faixa na entrada da Alameda. Porén o Concello, por vez primeira, requiriu que se comunicara o contido da faixa, aplicando a censura previa; despois comunicou que tiña que se mudar a lenda, negando, de facto, o dereito á liberdade de expresión e reduciu unilateralmente os días de megafonía.

Así o explicou esta mañá, en rolda de prensa, o secretario de Organización da CIG-Compostela, Renato Núñez, quen asegurou que “nunca antes pediran a lenda da faixa”. Por iso desde o sindicato entenderon que “isto era unha vulneración da liberdade de expresión en base dunha censura previa”, sospeitando ademais “que se a lenda que nós puxeramos non lle gustaba ao concello, non a autorizaría”.

Bugallo busca censurar os movementos sociais

Núñez matizou que, en todo caso, a normativa de publicidade estática non prevé ese requirimento e sinalou que o que fixeron foi “pór unha lenda criticando xustamente isto”, que dicía ‘Bugallo busca censurar os movementos sociais’. Lenda que o concello non autorizou.

Para a CIG-Compostela “iso é unha medida gravísima que vulnera claramente o artigo 20 da Constitución que fala da liberdade de expresión e aplica a censura previa dunha forma flagrante”. Neste sentido, Núñez denunciou que o concello “está impedindo que se poidan utilizar lemas que prexudiquen ao alcalde ou á súa xestión”. Algo que considera “moi perigoso” pero que, advirte, “vense dando de forma habitual desde hai anos, noutros ámbitos relacionados coa liberdade de expresión e coa divulgación das actividades sociais”.

Neste sentido explicou que no seu día o concello pediu que se xustificara previamente que a megafonía para a que se solicitara permiso non superaba os decibelios permitidos e que foi nese caso o xulgado quen lle dixo que “as actividades sociais, as actividades en xeral, non poden ser prohibidas diante dunha sospeita; que o que tiña que facer o concello no caso de cometerse unha ilegalidade era tomar as medidas pertinentes e tombou esa medida municipal”.

Dilación das autorizacións

Canda isto, o representante da CIG denunciou que de forma continuada o concello vén facendo requirimentos deste tipo, retrasando o trámite administrativo e mesmo nalgúns casos, como no da colocación de faixas do Primeiro de Maio, impedir a realización efectiva dese dereito. “Inclúen nas solicitudes de complemento de información cuestións que non están recollidas na ordenanza, por exemplo, para megafonear polas rúas, que se diga previamente cal é o percorrido que van ter os coches e de que hora a que hora van saír”.

Renato Núñez subliñou que se eses requirimentos estiveran recollidos na ordenanza, aquelas asociacións que foran facer unha solicitude xa incluirían os datos pertinentes e se cumprirían os prazos previstos para poder exercer ese dereito. “Pero iso o concello non o pon”, afirma. E non o pon, segundo Núñez, “porque sabe que poderían ser impugnadas porque son medidas excesivas, pero así o que consigue é ir retrasando o expediente para que as asociacións non o poidan realizar”.

Permiso para pasar megafonía

Ante esta situación considerou que “hai unha clara intención de limitar a divulgación das actividades sociais, como pode ser o megafoneado”. Lembrou que no seu día chegóuse a solicitar permiso para pasar megafonía durante 15 días, “sen ter problemas para poder realizalo, cumprindo escrupulosamente o previsto na ordenanza” e denunciou que “o concello, nos últimos anos, vén reducindo unha e outra vez os días, sen base legal algunha”.

O secretario de Organización da CIG-Compostela indicou que para este Primeiro de Maio a CIG solicitou megafonear desde este mesmo luns até o venres, “apenas 5 días e non os 15 que temos chegado a solicitar”, mais que o concello, de forma unilateral, decidiu reducilos a catro, motivo polo que anunciou que “teremos que recorrer á vía xudicial para que sexa un xulgado, como noutras moitas ocasións, mediante medidas cautelarísimas ou sentenzas fagan ver ao concello que están abusando da súa capacidade”.

Espazos habilitados

O concello vulnera continuamente tamén, segundo Núñez, a súa propia ordenanza, porque esta recolle, entre outras cousas, que teñen que haber espazos habilitados para a colocación de carteis en distintas zonas de Compostela, de grande afluencia de cidadáns, pero “nunca os colocou”. Lembrou que no seu día puxéronse por mor dunha denuncia xudicial que presentou unha asociación do concello e desde entón, o concello de Santiago, con calquera escusa, “dedicouse a retiralos, habendo só de forma residual algúns nos exteriores”.

O secretario de Organización da CIG-Compostela apunta ademais que a ordenanza recolle que todos os peches de obra terán espazos habilitados para a colocación de cartaces, pero que non hai nin unha soa obra no concello de Compostela que teña ese espazo habilitado e mesmo hai obras que poñen expresamente “Prohibida a colocación de carteis” sen que o concello adopte medidas.

Por iso conclúe que o concello de Santiago “crea máis condicións para poder divulgar as súas actividades, mesmo aplicando a censura previa, como é o caso que denunciamos, pero porén, a parte que lle corresponde o concello, de sancionar aquelas obras das construtoras que non habiliten os espazos para a colocación de carteis o están incumpri8ndo de forma sistemática”.