CIG, CUT e STAJ convocan a Xunta para retomar as negociacións o vindeiro mércores, 2 de maio

Apelan aos demais sindicatos a recuperar a unidade de acción na base da última proposta do comité

Nacional -

Logo do resultado das votacións do pasado venres, AXG-CUT, STAJ e CIG lanzaron un chamamento á Xunta para comezar "unha negociación real que permita rematar de maneira definitiva" co conflito da xustiza galega, en folga dende hai 83 días. Atendendo o mandato das asembleas celebradas este luns en todas as cidades, as tres centrais sindicais convocaron a administración galega a unha xuntanza para o vindeiro mércores, 2 de maio, ás 10 horas, en Compostela. Mais, ao tempo, apelaron a USO, UGT, CSIF e CCOO a sumarse á loita polos dereitos das traballadores e traballadoras da xustiza, retomar a unidade sindical e defender a última oferta presentada en conxunto polo comité de folga, "pois esa é a proposta que se lle vale ao persoal".

"Queremos seguir negociando, e para iso entendemos que é necesaria a unidade de acción sindical, que foi a que nos levou a que a folga da xustiza sexa un éxito. Por iso hoxe facemos un chamamento a esas catro organizacións para que retomen esa unidade de acción", explicaba Óscar Freixedo, representante da CIG no comité de folga, durante rolda de prensa ofrecida polas tres CUT, STAJ e CIG na Coruña e que se fixeron de xeito simultáneo en diferentes cidades.

"Instamos a Xunta a que o mércores acuda a reunión e agardamos que as demais centrais tamén se sumen, dando resposta así ao sentido das votacións celebradas o pasado venres", nas que o persoal deu unha enorme lección de dignidade. Neste senso, salientou que o resultado supón un mandato para atopar unha saída ao conflito, baixo a premisa de defender o acordo presentado polo comité de folga o 18 de abril, con especial atención á cláusula de revisión e aos plan de recuperación de emprego, xa que "despois do enorme esforzo económico e persoal que están a facer os traballadores e traballadoras non se pode pechar o conflito en falso".

"Teñen que valorar e actuar en consecuencia, ao persoal non lle valeu o caramelo que querían darnos con ese preacordo. Manter esta farsa e querer deslexitimar o resultado da votación demostra unha vez máis o talante da Xunta e a súa forma de xestionar o conflito na xustiza galega", aseverou. Neste senso, Freixedo acusa a Xunta de ser a única responsábel dos prexuízos que a folga están a causar ao servizo público. 

Tentativas de deslexitimar os resultados

O representante da CIG desmentiu con rotundidade as acusacións lanzadas tanto pola Xunta de Galiza, como polos sindicatos SPJ-USO, UGT, CSIF e CCOO, sobre a presunta intimidación e coaccións a traballadores/as nas votacións do pasado venres. "Non existe ningunha acta nin ningún atestado levantado sobre eses extremos. O que houbo foron reproches por parte do persoal dirixidos aos catro sindicatos polos que se consideran traizoados/as", afirma.

Pola contra, matiza, "coaccionar é convocar unhas votacións sen explicarlle ao persoal que vai votar", en referencia á falta de coñecemento do contido do preacordo por parte dos traballadores e traballadoras, xa que as organizacións sindicais asinantes non convocaron asembleas previas para informar dos  termos do mesmo.

Sobre o anuncio de impugnación do resultado, Freixedo resaltou o sen sentido que iso suporía: as votacións foron convocadas por esas catro organizacións sindicais, que fixeron as papeletas, que puxeron o regulamento das votacións (tanto voto presencial como delegado), permitiron votar a calquera persoa que estaba nos censos -aos que nin CUT, STAJ e CIG tiveron acceso ao non ser membros da mesa- e levantaron acta do resultado. "Contra quen van recorrer cando non houbo máis partes que unha nesa votación", pregúntase.

En todo ese proceso, subliñou, a administración foi cooperadora, "porque había censos nas mesas aos que a representación social non ten acceso. É evidente que partiron da Xunta, que filtrou datos persoais".

Rueda debe buscar unha solución

Para AXG-CUT, STAJ e CIG, a solución ao conflito está enriba da mesa do vicepresidente da Xunta e conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda, que debe ser o que busque a solución, "xa que a negociación ás costas dos traballadores e traballadoras e do comité non lle funcionou", valoraron.

"Xa tivo xusto o que levaba pedindo dende hai tempo: unha votación sobre a proposta que foi pactada cos outros catro sindicatos, e sabendo o resultado, quédase sen un dos argumentos máis repetidos e utilizados para dicir que o persoal aceptaría deixar a folga e que eramos os sindicatos quen non a queríamos rematar".

Por iso, apelan a Rueda a que demostre, tal e como se farta de dicir nos medios, que realmente lle importan os/as traballadores/as, a cidadanía e os demais colectivos afectados pola folga, e acuda o 2 de maio a negociar coa representación social.

Concentración solidaria da CIG-Administración en Ferrol

A CIG Administración Pública da comarca de Ferrol realizou unha concentración esta mañá diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza nesta cidade en apoio e solidariedade cos compañeiros e compañeiras de xustiza, que están en folga indefinida dende o pasado 7 de febreiro.

"A súa resistencia e coraxe e a súa firmeza ante as presiónsfan necesario que lles fagamos chegar todo o noso apoio, que demandemos da Xunta de Galiza respecto diante da negociación e do resultado das votacións, e esixir que lle dea solución ás lexitimas reclamacións dos/as traballadores/as de xustiza", subliñan dende a CIG-Administración de Ferrol.

Volver