CIG e BNG denuncian a grave situación sociolaboral das traballadoras e traballadores galegos

Fixeron un chamamento conxunto á mobilización, no Primeiro de Maio, en demanda da derrogación das reformas laborais e da lei mordaza

Compostela -

Unha representación das executivas da CIG e do BNG, encabezadas polo secretario xeral, Suso Seixo e a portavoz nacional, Ana Pontón, reuníronse esta venres para realizar unha análise da situación sociolaboral en Galiza. Unha xuntanza tras da que Seixo demandou a inmediata derrogación das reformas laborais e da lei mordaza.

No encontro participaron, por parte da CIG, xunto con Seixo, a secretaria das Mulleres, Margarida Corral e o secretario confederal de Comunicación, Francisco Miranda, e por parte do BNG, acompañando a Pontón, Bieito Lobeira, Obdulia Diniz e Xosé Emilio Vicente.

En posterior rolda de prensa, o secretario xeral da CIG denunciou a grave situación do mercado laboral en Galiza, tal e como demostran as cifras da EPA publicadas onte e cualificou de “escandalosos” os niveis de desemprego que sofre o país.

Xunto a isto chamou a atención sobre o feito de que hoxe pódese ter emprego e, malia isto, estar ao borde da pobreza. Nese sentido sinalou que “hai preto de 180.000 galegos e galegas que non chegan aos 2.000 € ao ano” polo que considerou que estas traballadoras e traballadores, con estas condicións, non poden computar como empregados/as, e que deberían ter a consideración de desempregados.

Denunciou ademais a enorme fraude na contratación que se está a producir coas persoas con contratos a tempo parcial, que realmente están realizando xornadas completas, mais tamén coa figura de “autónomos dependentes”, que son en realidade traballadores/as por conta allea que, porén, vén limitados os seus dereitos á folga, á negociación colectiva ou a ter unhas vacacións, entre outros.

A este respecto, e a modo de exemplo, lembrou o que está a ocorrer en Frigolouro con Servicarne, onde están substituíndo o persoal propio por autónomos/as, como traballadores/as sen dereitos.

O secretario xeral da CIG denunciou tamén que seguen a emigrar miles de galegas e galegos “porque carecen dun posto de traballo ou non teñen garantidas unhas condicións laborais dignas”. Unha situación que está a provocar unha importante perda de poboación activa e que, alertou, “terá graves consecuencias de tipo económico e social” para o país.

Seixo esponsabilizou desta situación ás políticas do PP, mais tamén do PSOE, que impuxo, xa en 2010, unha reforma laboral que, posteriormente, foi aínda empeorada polos populares. Ademais afirmou que, “ante estes feitos, que o sr. Feijoo e a Xunta de Galiza aínda saian a dar mensaxes en positivo denota unha cousa, que é un goberno galego que está realmente secuestrado polas políticas que lles veñen a nivel de estado e dos grandes poderes económicos, que non teñen interese ningún en mudar esta realidade”.

De feito considerou que “a alguén a quen realmente lle preocupe isto e que lle interese construír para as galegas e galegos un futuro diferente non pode dar unha imaxe en positivo”.

Por iso sinalou que no decurso da xuntanza, tamén se trasladara aos representantes do BNG a demanda de que pidan, de forma inmediata, a derrogación tanto das reformas laborais como da lei mordaza, que “atenta contra a liberdade de expresión, a liberdade de manifestación e é un instrumento máis da policía e do goberno de turno para poder, de forma arbitraria e discrecional, para reprimir a quen nos mobilizamos contra a súas políticas antiobreiras e anti sociais”.

Para Seixo tamén é esencial  a defensa da soberanía para que realmente “teñamos futuro, para que a xente poida traballar na nosa terra, que non teña que emigrar, para que non nos espolien os nosos recursos naturais, os nosos aforros, a nosa enerxía, é fundamental que Galiza poda decidir por si mesma e que teñamos soberanía política”.

Pola súa banda a portavoz nacional do BNG asegurou que, á luz dos datos, “atopar traballo en Galiza é misión imposíbel” e denunciou que “a pesar dos niveis de emigración segue a medrar o paro en Galiza”.

Lamentou que as forzas do cambio non aproveitaran estes meses para derrogar a lei mordaza e as reformas laborais, salientou a necesidade de participar nas mobilizacións do Primeiro de Maio e augurou que nas próximas eleccións galegas se asinará a carta de despido, non só de Feijóo, senón tamén das súas políticas.

Volver