CIG e BNG piden derrogar as contrarreformas e chaman a mobilizarse en defensa do sistema público de pensións

A central ten convocada unha manifestación o sábado 28 dende a Alameda compostelá ás 12.00 horas
Nacional - 19 Xan 2017

Unha representación da Executiva da CIG reuniuse este xoves cunha representación da Executiva do BNG para analizar a situación sociolaboral en Galiza e o actual debate aberto arredor do sistema público de pensións. Os representantes de ambas as formacións coincidiron en demandar a derrogación destas reformas e fixeron un chamamento a participar na manifestación nacional, convocada pola CIG para o vindeiro día 28 de xaneiro, en defensa do sistema público de pensións.

Na rolda de prensa posterior á xuntanza, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, sinalou que a actual situación sociolaboral en Galiza vén provocada pola crise económica “mais tamén polas políticas que se levaron a cabo”.

Seixo lembrou que a CIG, xa no momento en que foron aprobadas, advertiu que todas as contrarreformas laborais que se estaban aplicando non tiñan carácter conxuntural, senón que viñan para quedarse. Denunciou a precariedade laboral que provocaron e a individualización das condicións laborais e que hoxe “a xente nova incorpórase ao mercado laboral en perores condicións que a xeración anterior, que os seus pais”.

O secretario xeral da CIG considerou que diante desta realidade, e tendo en conta que o PP non ten maioría absoluta no Congreso dos Deputados, “hai que aproveitar o momento” para obrigar ao goberno do Estado a dar pasos de cara a mudar esta situación.

Nese sentido sinalou que a CIG xa puxo en marcha unha campaña pola recuperación dos dereitos e en demanda da derrogación das reforma laborais, da negociación colectiva e da Lei mordaza “mecanismo represivo para controlar a mobilización social e impor todos estes recortes”. Mais tamén en demanda de cambios en profundidade nas políticas fiscais, entendendo que “non é que falten recursos. O problema é como se reparte esa riqueza”.

Por iso avogou por incidir nos impostos directos para que paguen máis as rendas altas e o capital fronte a actual situación, na que se rebaixou a carga impositiva a estes colectivos facendo recaer un maior peso nos impostos indirectos, que pagamos todos por igual.

Xunto a isto reclamou “que se tome máis en serio o combate contra a fraude fiscal” e contra os paraísos fiscais. Medidas todas estas imprescindíbeis para contar cos ingresos necesarios para garantir servizos públicos e un sistema de protección social de calidade.

Sistema público de pensións

A respecto do debate que se está dando arredor do sistema público de pensións, o secretario xeral da CIG denunciou que nin a CIG nin ELA, malia ter recoñecida a condición de sindicatos máis representativos, non foron convocados á Comisión para o seguimento do Pacto de Toledo, onde só lle deron audiencia a CCOO e UGT.

Advertiu que cada vez que se abre este debate “temémonos o peor porque sempre se utilizan para reducir e dificultar o acceso ás pensións públicas” co obxectivo de derivar cartos cara o sistema complementario, as pensións privadas.

Asegurou que o sistema público de pensións é moito máis garantista, porque non está condicionado polas subidas e baixadas do sistema financeiro e lembrou que a CIG ten convocada para o día 28 de xaneiro, en Compostela, unha manifestación nacional na súa defensa.

Para Seixo non cabe dúbida de que o PP “non ten vontade algunha de facer cambios porque todas as contrarreformas que se impuxeron responden ao seu modelo ideolóxico”. Por iso considerou que hai que presionar coa mobilización social.

Neste sentido avanzou que a CIG continuará con mobilizacións comarcais o 15 de febreiro e o 10 de marzo e advertiu que se non se dan pasos cara a introducir cambios de profundidade en materia sociolaboral non se descartar lanzar unha convocatoria de folga xeral a nivel de Estado falando co resto de organizacións sindicais.

Un país máis inxusto e desigual

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que xa anunciou o seu apoio á manifestación nacional convocada para o día 28 en Compostela, denunciou que malia os datos macroeconómicos positivos e o medre do PIB a recuperación non é real, porque non se está dando unha recuperación parella das condicións laborais e salariais das galegas e galegos. “É fraudulento falar de saída da crise cos niveis de pobreza paro e desigualdade que hai. Hoxe temos un país máis inxusto e desigual”, asegurou.

Pontón fixo un percorrido polos datos máis salientábeis que permiten constatar esta situación: máis de 200.000 galegos e galegas en paro; miles de persoas desempregadas de longa duración das que só unha de cada catro cobra algunha prestación; máis de 700.000 persoas en Galiza en risco de exclusión social e unha cada vez maior porcentaxe de traballadores e traballadoras que cobran menos de 1.000 euros.

Cifras que aínda así, advertiu, “están maquilladas”, porque máis de 100.000 persoas menores de 35 anos desapareceron do país. “Xente nova que se ve obrigada a marchar fóra” en busca dun posto de traballo.

Por iso asegurou que se, de verdade, estamos saíndo da crise hai que “derrogar todas as reformas laborais e de recorte de dereitos”.

Marco Galego de Relación Laborais

A portavoz nacional do BNG reclamou ademais un Marco Galego de Relacións Laborais considerando que “como país, temos dereito a decidir sobre o tipo de relacións laborais queremos” e a negocialas en Galiza.