A CIG-Ensino alerta de baremos diferentes do Ministerio e da Consellaría no concurso de traslados

“Esta falta de entendemento pode xudicializar de novo o proceso”
Nacional - 23 Xan 2017

A CIG-Ensino considera que é preocupante que a estas alturas do proceso do Concurso Xeral de Traslados (CXT), cando está a piques de saír a resolución provisional, non se coñeza como se vai resolver o conflito xerado como consecuencia de que o Ministerio de Educación aplique un baremo diferente ao aplicado pola Consellaría de Educación en Galiza, de acordo cos criterios firmes do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, atendendo á doutrina da Unión Europea.

A CIG-Ensino procurou que, tanto na Mesa Sectorial de Educación como na proposta dirixida ao Ministerio, se tomasen as medidas correspondentes para evitar de novo a xudicialización do CXT e para que non se produciran discriminacións. Isto sería factíbel se a Consellaría de Educación aplicase o baremo que está en vixencia en Galiza para todo o profesorado que concurse, o que o fai dende Galiza e o que procede de fóra de Galiza. Pola contra, ao profesorado galego que concurse a prazas de fóra de Galiza aplicaríaselle o baremo correspondente ao territorio ao que opte.

O grave da situación é que a estas alturas, malia que o CXT se convocou no mes de novembro , nin o Ministerio nin a Consellaría fixeron nada para resolver esta situación. Máis unha vez, constátase a submisión e o pouco peso político da actual Conselleiro a de Educación que se mostra impasíbel ante unha situación  incerta e prexudicial para as e os miles de docentes que procuran un novo destino a través do CXT. Estamos ante desconsideración máis co profesorado que o sitúa como albo do menosprezo dunha Consellaría que ten como pauta de actuación a irresponsabilidade.

A CIG-Ensino exixe que se xestione ante o MEC unha resolución do Concurso Xeral de Traslados que non resulte lesiva para o profesorado, xa que, como recoñece a mesma Consellaría de Educación, é posíbel tecnicamente e pasa por aplicar os mesmos criterios de baremación para todo o profesorado que concursa a prazas de Galiza.