A CIG-Ensino considera insuficiente o incremento de prazas de Orientación para o concurso deste ano

A consellaría inclúe 9 prazas das 38 reclamadas pola central sindical na mesa sectorial
Nacional - 11 Dec 2018

A CIG-Ensino cualifica de insuficiente o aumento de 9 prazas na oferta do Concurso de Traslados Específicos de Orientación nos centros de Educación Primaria e Infantil que a consellaría acaba de adiantar remitindo a nova Orde do citado concurso.

Nesta escasa mellora a Consellaría segue a manter unha interpretación restritiva ao computar unicamente unidades de Educación Primaria, sen ter en conta as de Infantil, e amplía a compartición máis alá do que regula o Decreto 120/1998: ser centro incompleto e estar na mesma zona de escolarización.

A CIG-Ensino é contraria ao incremento da compartición de centros, máis aínda cando estes centros levan consigo centros adscritos. Esta compartición xa comezou neste ano coas prazas de PT e AL, cando é obvio que as necesidades na atención ao alumnado de NEAE non se atenden ampliando os centros compartidos, senón aumentando o profesorado.

O incremento total elévase a 16 prazas o que supón un incremento de máis de unha cuarta parte das inicialmente anunciadas. “Fica claro, unha vez máis, que en todo o que ten a ver coa orientación e a atención á diversidade falta planificación e rigor por parte da Inspección Educativa”, sinala.

Por iso volve instar á consellaría a abrir unha negociación global sobre o mapa da orientación galega, para fixar con carácter permanente os criterios para dotar dunha praza de orientación a tempo completo e compartida, en base a unidades, número de alumnado total e distancia entre centros. Distancia que se debería respectar nos cambios de compartición futuros e que neste momento quedan abertos.