CIG-Ensino defende unha negociación global de mellora de condicións laborais e retributivas

Lembra que así o demandaron os 12.000 docentes que apoiaron a campaña de recuperación de dereitos

Nacional -

A CIG-Ensino censura que a Consellaría queira limitar a negociación que se abriu na Mesa Sectorial só á equiparación retributiva do profesorado galego co do resto do Estado e lembra que o profesorado reclama que lle sexan restituídos os dereitos roubados nos últimos anos e que se melloren as nosas condicións de traballo.

Respecto dunha posíbel suba salarial, o secretario nacional, Suso Bermello, indicou -na mesa sectorial celebrada o pasado mércores- que se debe ter en conta non só a situación actual senón tamén os recortes sufridos e a situación de apertura de negociacións noutras comunidades autónomas. Nestes intres o salario do profesorado galego ocupa o posto 12º no conxunto do Estado e sería preciso un incremento de arredor de 200 euros mensuais para pasar á parte alta da táboa. Así mesmo, reclamou que se inclúa un Fondo de Compensación que leve á recuperación dos arredor de 6.300 euros de media que lle foron recortados ao profesorado galego nas pagas extras durante o período 2013-2016.

A CIG-Ensino fixou a súa posición de partida na Mesa Sectorial convocada pola Consellaría para abrir unha negociación de homologación retributiva do profesorado galego co do resto do Estado. Na súa intervención, o secretario nacional, Suso Bermello, amosouse "profundamente preocupado porque a Consellaría se peche en banda a abrir a negociación a calquera outra demanda dos traballadores e traballadoras do ensino público", dixo e indicou que "mal empezamos se unha parte impón desde o comezo o que se pode negociar e o que non, porque entón isto non é unha negociación, é unha estafa”.

Con respecto ao apartado retributivo a CIG-Ensino entende que "é preciso contextualizar a situación da que vimos”. Por iso lembraron as cantidades directas, sen ter en conta a suba do IPC, que se perderon polos recortes nos últimos 8 anos, que van desde os 16.142 euros no caso dun mestre sen antigüidade até os 31.554 € dunha profesora de Secundaria con 30 anos de antigüidade.

Ademais, en Galiza desde 2013 os recortes nas pagas extras roldan os 6.300 euros de media, unha medida restritiva que non sufriu o persoal docente doutros territorios. Neste sentido tamén hai que ter presente que no resto de comunidades tamén se están a negociar melloras, non só de carácter salarial, polo que "calquera acordo que saia desta mesa ten que ter en conta que nuns meses a situación salarial do profesorado galego en relación á doutro profesorado do conxunto do Estado pode volver a un posto semellante ao que actualmente ocupa.

Unha negociación sen trampas nin esquecementos

Por iso a CIG-Ensino incidiu en que é preciso abordar un debate global e chegar a un acordo entre a Consellaría e as organización sindicais para fixar un calendario de cara a negociar outras melloras laborais, ademais das salariais, para o persoal docente galego.

Neste sentido lembraron que nos centros educativos “o profesorado está farto das condicións nas que desenvolvemos o noso traballo desde o inicio dos recortes, co incremento da xornada lectiva, aulas masificadas sobre todo nas cidades, exceso de carga burocrática que resta tempo á preparación de clases, falta de recursos para a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo e falta de transparencia no control das vacantes tanto no Concurso de Traslados como na adxudicación de destinos provisionais”.

Así pois, estas cuestións, xunto cun acordo retributivo completo, "non parcelado", a eliminación definitiva dos descontos por enfermar e outros temas que tamén son prioritarios para o conxunto do profesorado, como un acordo de estabilidade para o persoal interino e a derrogación do decreto do plurilingüísmo, deberían abrirse á súa negociación de forma secuencial nos próximos meses. En palabras de Bermello "se a Consellaría chega a esta Mesa impoñendo o que se pode ou non negociar, non estamos ante unha negociación senón ante outra cousa, polo que esiximos que o proceso se faga de forma aberta e sen trampas".

Nese sentido insistiu en que "queremos recuperar o que é noso, esa é a mensaxe que nos traslada o profesorado, que respaldou recentemente con 11.915 sinaturas as medidas urxentes presentadas pola CIG-Ensino para recuperar os nosos dereitos, polo que non facemos máis que traer ese mandato a esta Mesa".

Cláusula de revisión salarial e fondo de compensación

No apartado sobre a homologación retributiva, a CIG-Ensino propuxo que hai que ter en conta dúas variábeis importantes e condicionou o seu apoio a un acordo no que ambas se vexan reflectidas. Por un lado, o estabelecemento dun fondo de compensación que permita recuperar o recortado nas pagas extras no salario docente desde 2013 e que rolda de media os 6.300 euros.

A este respecto, desde a CIG-Ensino enténdese que hai marxe para negociar a aplicación dun calendario para esta devolución. Estas contías non serían consolidábeis e rematarían unha vez satisfeita a débeda que a Xunta contraeu co seu persoal docente.

Por outra banda, e despois de que tanto o conselleiro de Educación como o propio presidente Feijoó recoñeceran recentemente que o profesorado galego é dos peores pagados do Estado, é necesario que o acordo ao que se pretenda chegar inclúa unha cláusula de revisión de cara a evitar que nos vindeiros meses o profesorado galego volva a estar de novo entre os peores pagados. “O resto de gobernos autonómicos xa están negociando melloras retributivas, coma Canarias que xa as ten aprobadas, e non hai que esquecer que o ano que vén hai eleccións autonómicas en todas as comunidades menos en Galiza, Catalunya e Euskadi”, apuntou o responsábel da CIG-Ensino. “Polo tanto, calquera suba acadada este ano en Galiza non pode quedar como unha foto fixa porque en poucos meses tamén haberá movementos á alza noutras comunidades”, indicou.

Nestes intres, e segundo os cálculos da CIG-Ensino, as retribucións do persoal docente galego ocupan o posto 12º no conxunto do Estado no corpo de mestres e no 13º no corpo de PES, con diferenzas moi significativas ao respecto da parte máis alta das táboas:

517€ (MESTRES) e 726€ (PES) por debaixo de CEUTA e MELILLA (MECD)

319€ (MESTRES) e 429€ (PES) por debaixo de EUSKADI

253€ (MESTRES) e 358€ (PES) por debaixo de NAVARRA

187€ (MESTRES) e 206€ (PES) por debaixo de BALEARES

152€ (MESTRES) e 159€ (PES) por debaixo de CANTABRIA

123€ (MESTRES) e 124€ (PES) por debaixo de CASTELA A MANCHA

(Nota: un dos aspectos nos que non houbo acordo na Mesa foi sobre as retribucións a ter en conta para os cálculos. Existe unha discrepancia cos datos proporcionados pola Consellaría e aceptados polas demais OO.SS. ao non ter en conta algúns complementos autonómicos. A CIG-Ensino só emprega para facer os cálculos retribucións brutas mínimas que percibe todo o profesorado de cada Comunidade Autónoma sen antigüidade.

 

Á vista destes datos, Suso Bermello indicou que para situarse na parte alta da táboa é preciso tomar en consideración unha cifra que rolde os 200 euros mensuais de suba, tendo en conta "o panorama de onde vimos, tras 10 anos de recortes, e do grande esforzo e sacrificio feito polo profesorado galego". "En calquera caso -salientou-, "o único punto no que de momento estamos de acordo co que avanzou a administración é a que esta suba sexa lineal para todos os corpos e a que se materialice na parte do complemento específico da nómina". “Outros aspectos fundamentais serán, ademais, os prazos e o tempo no que se faría efectivo este posíbel acordo”.

Na reunión producise un receso para ver a posibilidade de chegar a un punto de encontro entre as organizacións sindicais, o que foi totalmente imposíbel xa que os demais sindicatos non estaban dispostos a ir máis alá dunha proposta inicial de 130€ (inferior mesmo ao acordo de 2006, que chegou aos 150€). Ademais, asumindo o criterio da Consellaría, tampouco estaban en disposición de forzar unha fronte común para conseguir, cando menos, un acordo coa administración para fixar un calendario de negociación sobre condicións de traballo e recuperación dos recortes nas pagas extras desde 2013. Despois da falta de acordo entre as organizacións sindicais para fixar conxuntamente esta posición, os e as representantes da CIG-Ensino lamentaron que sexa a Consellaría a que fixe as regras de xogo, limitando o rango de negociación e sen nin sequera traer unha proposta á Mesa co beneplácito de CCOO, ANPE e UGT.

A preocupación e o malestar co que se iniciou a Mesa incrementouse ao remate desta, cando a Consellaría evidenciou que quere pechar o acordo sen que o profesorado poida estar ben informado, fixando a seguinte reunión xa para o próximo martes 22, “se é preciso pola mañá e pola tarde”,  sen ter en conta a proposta da CIG de trasladala ao final da semana e interpelando os sindicatos estatais a que trouxeran preparada unha contraproposta.

Volver