CIG-Ensino denuncia a amortización de prazas nos centros escolares aproveitando o concurso xeral de traslados

“Isto supón continuar a restrinxir os xa cativos cadros de persoal dos centros, tras a redución de 3.000 docentes desde o ano 2010”, afirma

Compostela -

Desde o último concurso xeral de traslados, producíronse en Galiza, segundo datos da propia Consellaría, 1948 xubilacións, mais só se ofertaron 1372 vacantes para cubrir mediante o concurso convocado este curso, no cal participaron preto de 9.000 docentes. A CIG-Ensino denuncia que deste xeito Educación aproveita para seguir amortizando prazas escolares.

Unha vez publicada a adxudicación provisional do dito concurso, constátase como a Consellaría aproveita de novo para continuar amortizando prazas, ao deixar sen adxudicación moitas das resultas (vacantes producidas como consecuencia de que ao seu titular se lle adxudique outro destino). Na resolución provisional, entre as resultas non adxudicadas e as amortizacións, as vacantes que desaparecen suman un total de 462, das cales 194 son de primaria, 236 do corpo de secundaria e 33 do profesorado técnico de formación profesional (Ver cadro anexado)

A CIG-Ensino denuncia que a intención da Consellaría con esta política de persoal de non cubrir todas as vacantes no CXT non é outra que “amortizar parte delas no futuro e ter un colectivo importante de profesorado provisional que lle sirva de comodín e que cada curso coloca ao seu antollo, asignándolle moitas veces prazas con máis materias afíns”.

Para a CIG-Ensino, isto supón continuar a restrinxir os xa cativos cadros de persoal dos centros, despois da redución de 3.000 docentes desde o ano 2010, “acrecentando a provisionalidade e a inestabilidade do profesorado dos centros, cando hoxe xa o 20% do profesorado dos centros non ten destino definitivo e non se satisfán as necesidades dos centros”.

Xunto a isto denuncia a ausencia de negociación real, habitual nas xefaturas territoriais da Coruña e Pontevedra, xa que “só se limitaron a facilitar a listaxe das vacantes provisionais que teñen previsto sacar a concurso, das cales desapareceron centos de vacantes actuais, sen facilitar xustificación razoada do porqué de non ofertar a maioría delas”, afirma.

 

Amortizacións-resultas non adxudicadas

 

 

Primaria

PES

Prof. técnico FP

 

A Coruña

62

88

9

 

Lugo

21

94

2

 

Ourense

10

36

8

 

Pontevedra

101

18

13

 

TOTAL

194

236

32

462 prazas

A CIG-Ensino asegura que continuará exixindo que saian a concurso todas as vacantes que neste momento está creadas, funcionando e non cubertas por profesorado definitivo, nomeadamente na provincia da Coruña e Pontevedra, única maneira de estabilizar os cadros de persoal dos centros, de facilitar o desenvolvemento de diferentes programas, de mellorar a calidade do ensino e de satisfacer as necesidades dos centros.

Volver