CIG-Ensino denuncia que o Concello de Santiago segue sen convocar o Consello Escolar Municipal

Dende a central exixen unha solución inmediata para esta situación

Compostela -

A CIG-Ensino denuncia que o Goberno municipal de Santiago segue sen convocar o Consello Escolar Municipal. Lembra que no mes de febreiro o Goberno municipal informou positivamente a modificación das zonas de escolarización de Compostela, sen levalo a este organismo. A CIG-Ensino esíxelle ao Concello de Santiago que resolva esta situación e que convoque o Consello Escolar Municipal que leva máis de seis anos sen reunirse.

A CIG-Ensino, con representación no Consello Escolar Municipal de Santiago, tivo que informarse pola prensa o curso pasado de que o goberno municipal dera a súa conformidade a nova proposta de zonificación feita pola Consellaría de Educación, sen que fose oído o Consello Escolar Municipal, tal e como se recolle na Orde do 12 de marzo de 2013, que regula a admisión do alumnado en centros docentes.

A CIG-Ensino esixiu daquela, sen éxito, a convocatoria do organismo para que se revogara  o acordo da comisión de goberno no que se informa favorablemente a nova proposta de zonificación prevista pola Xefatura Territorial da Consellaría de Educación da provincia da Coruña. A CIG-Ensino lembra que coa nova  zonificación os centros de ensino concertados  “pasan a ter unhas zonas de influencia moito maiores que lles permiten seleccionar, na práctica, o alumnado que matriculan”.

Despois de ano e medio desde que tomou posesión o Goberno municipal segue sen convocar o Consello escolar municipal, tal e como lle demandou a CIG-Ensino. Posto que a situación non variou a CIG-Ensino vólvelle a exixir ao Goberno municipal que convoque o Consello Escolar Municipal.

Volver