CIG-Ensino desmonta as cifras da “grande” oferta de emprego no ensino público

Denuncia que están feitas a medida da propaganda do Partido Popular
Nacional - 16 Feb 2018

A CIG-Ensino vén de denunciar que as cifras presentadas pola consellaría de Educación na Mesa Sectorial “están feitas a medida da propaganda do PP” e alerta de que poñen en risco centos de postos de traballo de persoal interino.

A CIG-Ensino asegura que Educación demostrou, unha vez máis, “como impón unilateralmente os criterios e as condicións das especialidades e das prazas que se ofertan para os procesos selectivos do ensino público galego” e amósase crítica cunha OPE que “dá por bos os recortes destes últimos anos e limita calquera oferta de prazas aos actuais cadros de persoal, negando a posibilidade de irmos máis aló e recuperar o profesorado co que contabamos no comezo da crise”.

Neste sentido, salienta datos que son tremendamente relevantes á hora de valorar as cifras das próximas oposicións docentes.

Oferta descompensada no cambio de corpo e afastada da realidade

As cifras da oferta de emprego docente de 2018 inclúen 262 prazas de acceso do grupo A2 ao A1. Estas prazas, no caso de non se cubrir nesta quenda, non se acumulan ao acceso xeral, polo que desaparecen. Unha simple revisión da traxectoria tan só das dúas últimas convocatorias ofrece datos que “poñen absolutamente en cuestión” a estratexia da Consellaría para poder ofrecer unha cifra elevada de prazas nas oposicións e “deixan moi mal parada a propia administración”.

Así, obsérvase como nas últimas oposicións de acceso de A2-A1 na especialidade de Matemáticas tan só se matriculou unha persoa en cada convocatoria e que o ano pasado non se chegou a presentar ninguén. Aínda así, a Consellaría ofrece 52 prazas para este acceso en 2018, o que implica un incremento de case o 50% no número de prazas dos dous anos anteriores conxuntamente.

Outro tanto acontece en especialidades como Física e Química (29 prazas ofertadas cando se presentaron 3 e 1 persoas respectivamente nos últimos anos), Bioloxía e Xeoloxía (21 prazas cando se presentaron 2 e 3 persoas no 2017 e no 2016) ou Lingua e Literatura Galega con 23 prazas e 1 única persoa presentada no pasado ano.

A cuestión non é que non se oferten prazas de promoción interna, sistema de acceso defendido desde sempre pola CIG-Ensino como un dos escasos mecanismos de promoción ao longo da vida profesional dos e das docentes. A polémica estriba nas cifras ofertadas que parecen responder máis a necesidades propagandísticas da Consellaría que á propia realidade da demanda a día de hoxe.

Unhas oposicións sen estabilidade nin rede para o persoal interino

Outros datos determinantes na valoración desta oferta de emprego son, por un lado, o efecto que pode causar no persoal interino galego e, por outro, como se fixaron os criterios para decidir cantas prazas se debían ofertar.

Na Mesa Sectorial evidenciouse, segundoa CIG-Ensino, que a Consellaría non está disposta a pór sobre a mesa unha información seria e veraz sobre cales son as expectativas para os próximos anos. Así, contestou con evasivas á solicitude da CIG-Ensino de que se ofreceran datos de posíbeis xubilacións para vindeiros exercicios, partindo das idades do profesorado en activo por especialidades. “Ese dato é fundamental á hora de facer unha valoración das prazas a ofertar non só no presente ano senón nos próximos”, aseguran. Porén, o único dato que se ofreceu na Mesa é que, aproximadamente, perto do 90% do profesorado que se xubila faino de maneira anticipada, mais a Consellaría “negouse a ser transparente nesta cuestión”.

As cifras das prazas ofertadas, sumando todas as quendas (como se pode ver nas táboas anexas), dá en moitos casos un número idéntico ou moi próximo ao total de persoas que agora mesmo están con contrato de interinidade por curso completo. Isto implica que non se tivo en conta a posíbel incidencia das oposicións no persoal interino.

Auténtico ERE nalgunhas especialidades

Se ben é certo que hai especialidades con moito profesorado cunha idade próxima á xubilación, non o é menos que os efectos, independentemente desta situación, poden ser dun “auténtico ERE” nalgunhas especialidades e que un número importante do persoal interino pode pasar a facer substitucións e outro directamente ao desemprego.

O sistema de listas de interinos, carente de estabilidade, implica que se mantén o posto na lista, unha vez que se traballa nunha determinada especialidade. Mais en ningún caso se garante esa estabilidade, nin sequera tendo en conta a idade ou os anos traballados. Así aconteceu en determinadas listas de secundaria logo das ofertas de emprego de hai unha década, nas que moitas compañeiras e compañeiros tardaron anos en volver conseguir un contrato de interinidade e outros moitos mesmo en volver traballar

Nun momento no que a principal preocupación dos diferentes gobernos semella ser quitarse de enriba un problema que eles mesmo causaron, o incremento de persoal interino por mor das taxas de reposición e da conxelación de oposicións en moitas especialidades, a CIG-Ensino considera que hai que ver máis alá das cifras e reparar nas persoas. “Moitas delas ademais colaboraron en precario a soster o sistema educativo nos últimos anos” afirma, “mais a raíz da incerteza causada polas últimas sentenzas europeas, co recoñecemento do dereito a indemnización de 20 días por ano tras o cese aínda sen aclarar, todo indica que os gobernos, tanto en Madrid como no país, decidiron que a mellor vía é quitarse de en medio o persoal interino que agora lles molesta”.

É o momento do acceso diferenciado

A CIG-Ensino considera que a situación actual se resolvería cun proceso de acceso diferenciado á función pública docente. “Por un lado, temos as prazas que nestes momentos están ocupadas por persoal interino e, por outro, as xubilacións que cada ano se producen. A maiores, habería que sumar as 3.000 prazas que se perderon nos últimos oito anos debido á conxelación da taxa de reposición e á amortización de xubilacións. En calquera caso, a posibilidade de recuperación destas prazas non existe porque o Acordo de mantemento do emprego asinado pola Xunta e polas organización sindicais Comisións Obreiras, UXT, CSIF e ANPE impide o aumento do cadro de persoal docente actual dando por bo este recorte”.