CIG-Ensino e a Mesa conseguen reunirse co Secretario Xeral de Política Lingüística

Acadaron o obxectivo de fixar unha reunión co conselleiro de Educación para os primeiros días da segunda quincena de febreiro
Nacional - 01 Feb 2017

Arredor de 50 persoas, convocadas pola CIG-Ensino e a Mesa pola Normalización Lingüística, pecháronse esta mañá en Política Lingüística, co obxectivo de conseguir unha xuntanza co Secretario Xeral, Valentín García, e acadar o compromiso de ser recibidos polo conselleiro de Educación para demandarlle que se abra un debate para a elaboración dun novo marco xurídico que garanta realmente a normalización lingüística no ensino e remate a actual situación de exclusión do galego. O peche rematou logo de ser recibidos polo primeiro e obter o compromiso dunha xuntanza co segundo nos primeiros días da segunda quincena de febreiro.

Segundo explicou o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, “recoñeceu implicitamente que a situación do galego é, efectivamente, unha situación ilegal e irregular, na medida en que, neste intre, a exclusión e marxinación do galego é total, como consecuencia da aplicación da LOMCE”.

Nese sentido Louzao sinalou que o Secretario Xeral manifestou que se estaba preparando unha Circular para adaptar o Decreto de Plurilingüísmo a LOMCE. “Desde a Mesa e máis da CIG-Ensino deixamos claro que isto é totalmente insuficiente e que a única saída é derrogar o Decreto de Plurilingüismo e abrir un debate dirixido a elaborar outra norma coa que se camiñe cara a plena normalización lingüística, co obxectivo de que o noso idioma teña a vixencia, vigor e sexa posíbel o seu futuro”.

Xunto a isto demandaron unha xuntanza co conselleiro de Educación para trasladarlle as súas propostas e ter o compromiso de que se vai derrogar o Decreto e iniciar un proceso para deseñar ese novo marco lexislativo que garanta outra política lingüística no ensino. A este respecto conseguiron o compromiso de ser citados co conselleiro o 15, 16 ou 17 de febreiro.

 

Con todo, Louzao lamentou ter que seguir facendo este tipo de actos por mor da “actitude persecutoria” que ten a consellaría de Educación a respecto do noso idioma porque “nin sequera cumpre a cativa normativa que hai neste momento”.

Ademais anunciou que tanto a CIG-Ensino como a Mesa continuarán coas mobilizacións e accións até conseguir unha norma que realmente “permita a normalización do uso do noso idioma para que sexa a lingua vehicular no ensino en todas as materias e en todos os niveis educativos, xa que agora está excluído e marxinado na maioría deles”.

LOMCE e Decreto

Para contextualizar esta acción de protesta Louzao lembrou que a situación da nosa lingua agravouse coa aplicación da LOMCE xa que o alumnado de ESO ten 31 horas en español fronte a 18 en galego se cursa ensinanzas aplicadas e  21 se cursa ensinanzas académicas. Isto implica que o alumnado recibe, no seu conxunto, 13 horas menos de docencia en galego que en español na modalidade de ensinanzas aplicadas e 10 menos nas académicas.

O secretario nacional da CIG-Ensino asegura que isto constata que estamos diante dunha “agresión brutal e inasumíbel” cara o noso idioma por parte do Goberno galego que “non imos consentir e que son a evidencia máis probada de que o Decreto do Plurilingüísmo naceu para perseguir e erradicar a nosa lingua”.

Pola súa banda o presidente da Mesa , Marcos Maceira, alertou de que a Xunta pretende converter o galego nun “elemento accesorio”, “decorativo”, “prescindíbel” e “anecdótico” e denunciou que o goberno do PP ten o obxectivo de que o alumnado non teña competencia suficiente en galego cando remate o ensino obrigatorio.

De feito, segundo os datos que manexan CIG-Ensino e Mesa, o uso do galego no ensino non chega neste intre ao 15%.