CIG-Ensino exixe a Educación que poña en marcha as recomendacións do Comité de Expertos a prol da supervivencia da lingua galega

Considera que o informe do Consello de Europa “cuestiona definitivamente a política lingüística da consellaría” e é “un novo argumento a prol da derrogación do Decreto 79/2010”
Compostela - 22 Xan 2016
A CIG-Ensino exixe da Consellaría que “deixe de mentir e de atacar o noso idioma”. Entende que o cuarto informe do Comité de Expertos da Carta Europea das linguas pon en evidencia a actitude da Consellaría de Educación e constata a neglixencia e os incumprimentos da Administración, o descenso no uso do noso idioma e a falta de obxectividade da Consellaría na análise da situación, pois, como comprobou o Comité, achegou datos que están en contradición cos fornecidos por entidades non gobernamentais a prol do idioma e non ten en conta estudos independentes.

A CIG-Ensino afirma que este informe sinala claramente a Consellaría de Educación como culpábel da situación do idioma e que fai unha valoración absolutamente negativa da política lingüística da Xunta.

No relativo ao ensino, o informe comeza por sinalar cales foran as recomendacións do informe anterior (“No terceiro informe de avaliación o comité de expertos … reclamaba urxentemente ás autoridades … facilitar o ensino en galego”) e logo de analizar a situación conclúe que “os compromisos relativos á educación preescolar, primaria e secundaria non foron respectados”. Tamén no caso da FP o Comité de expertos conclúe que “este compromiso non foi respectado”.

O informe constata os cambios lexislativos realizados no período analizado, mencionando o Decreto 79/2010 e a sentenza que contra el ditou o TSXG, xustamente un decreto que reduce a presenza do noso idioma, en clara contradición coas recomendacións do Comité de expertos no terceiro informe. A ese respecto asegura que “o Decreto 79/2010 limita o ensino en galego a un máximo do 50%, co obxectivo final de situalo nun terzo. Esta política está claramente en contradición cos compromisos adquiridos polas autoridades no ámbito da Carta, que esixe que a educación sexa proporcionada principalmente en galego.”

A parcialidade da Consellaría de Educación compróbase perfectamente na nota de prensa emitida este xoves, na que oculta intencionadamente a negativísima avaliación realizada por este Comité de Expertos. Unha parcialidade que foi advertida polo propio Comité que pon en cuestión a información achegada pola Consellaría.

De feito avalía, entre outros, o compromiso adquirido pola Administración de crear órganos de control encargados de facer seguimento das medidas adoptadas para a potenciación do noso idioma, e afirma que “segundo a información comunicada polos interlocutores durante a visita no lugar e que contradín a información comunicada polas autoridades para o cuarto informe periódico, o sistema de inspección non cumpre este cometido porque os datos recollidos por medio do programa XADE non son considerados unha avaliación real e fiábel da presenza do galego no ensino. O goberno rexeita proporcionar estudos independentes”.

Xustamente unha das denuncias que reiteradamente veu facendo a CIG-Ensino, que cumpría realizar un seguimento real e obxectivo do cumprimento da lexislación co obxecto de adoptar as medidas correctoras necesarias.

Diante disto, a CIG-Ensino considera que este informe cuestiona definitivamente a política lingüística da Consellaría de Educación que non pode ocultar perante o Comité de Expertos que a súa é unha actuación demoledora contra a nosa lingua. Xunto a isto entende que o propio informe é un argumento máis para reclamar a derrogación do Decreto 79/2010, pois a súa aplicación pon en dúbida a supervivencia do noso idioma porque, alén de impedir o ensino maioritariamente en galego, redúceo á proporción dun terzo, claramente insuficiente para o avance da lingua, como o propio informe constata ao recoller os datos de perda de falantes.

“As políticas educativas do PP á fronte da Consellaría de Educación e da Secretaría Xeral de Política Lingüística baseáronse sempre na falacia do bilingüismo”, lembra, “un fundamento que o Comité de Expertos bota por terra” ao asegurar que “a introdución do bilingüismo supuxo unha diminución das horas de aulas en galego.”

Subliña que hoxe a aposta do PP é o trilingüismo e que sobre esta cuestión o informe afirma que “no ámbito da educación, o comité de expertos está preocupado pola redución progresiva do ensino en galego. Coa introdución do modelo trilingüe, a proporción do galego foi reducida no ensino primario e secundario.”

Por iso pregúntase “como é posíbel que a Consellaría teña a desvergoña de emitir un comunicado como se nada pasase e o informe non puxese en cuestión toda a súa política lingüística”.

Para a CIG-Ensino este informe “demostra as denuncias que viñemos realizando por mor da consellaría lexislar contra o noso idioma e atacar a súa supervivencia”. Por iso exixe a Educación que abandone as políticas de “demolición” do galego e tome en serio as recomendacións do comité de expertos, comezando por asumir responsabilidades e derrogar o Decreto 79/2010.