CIG-Ensino exixe o desenvolvemento da Lei pola igualdade de persoas LGBTI no ensino público

Denuncia que o goberno non fixo nada por loitar contra a discriminación por orientación sexual
Nacional - 26 Xun 2017

A CIG-Ensino vén de facer entrega dun escrito no rexistro da Xunta en demanda do desenvolvemento da Lei pola igualdade e non discriminación de persoas LGTBI no ensino público galego. O sindicato constata que, tres anos despois de aprobada a Lei, o goberno non fixo nada por divulgar a realidade LGTBI e loitar contra a discriminación por razón de orientación sexual ou identidade de xénero.

A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación non ten desenvolvido nin o máis mínimo do que a propia Lei 2/2014 pola igualdade e non discriminación de persoas LGTBI en Galiza recolle no capítulo referido ao ámbito educativo.

Segundo explica o seu secretario nacional, Suso Bermello, “non promoveu a inclusión da realidade LGTBI nos plans de estudos, tampouco fixo nada no referido á formación do persoal docente, ben sexa co xa existente nin no estabelecemento de pautas para incorporar a realidade LGBTI aos plans de estudos de estudos de Grao ou Mestrados de titulacións conducentes á docencia en calquera etapa educativa”.

A consellaría limítase a recoller na orde do calendario escolar unha simple declaración

 Afirma que a CIG-Ensino descoñece se existen traballos de divulgación da realidade LGBTI entre as ANPAS, “mais non nos constan” e asegura que o único ao que se limita a Consellaría é “a recoller na orde do calendario escolar unha simple declaración instando aos centros a que actividades específicas próximas a datas de celebracións internacionais relacionadas co recoñecemento efectivo de dereitos a persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais. Nada máis”.

Plans de igualdade e respecto á diversidade afectivo-sexual

Bermello salienta que, como en tantas ocasións, o traballo de moitos e moitas profesoras vai moi por diante do que cualifica como “desidia” que amosa decotío a Administración Educativa. “É así como xa hai centros que teñen aprobado e desenvolvido plans de igualdade ou realizan actividades de visibilidade e respecto da diversidade afectivo-sexual”.

 

Temos que conseguir centros coeducativos, respectuosos coa diversidade afectivo-sexual, de xénero e familiar

 Con todo, especifica que isto non pode facer que se esqueza que é obriga da Consellaría desenvolver a propia Lei, co obxectivo de loitar contra o acoso escolar por razón de orientación sexual ou identidade de xénero e de promover, dunha maneira efectiva, unha formación docente que garanta que o profesorado conta con todas as ferramentas precisas para apoiar a igualdade de xénero e conseguir así que os centros sexan realmente coeducativos e respectuosos coa diversidade afectivo-sexual, de xénero e familiar; libres por tanto de prexuízos, sexismos ou homofobias.

Para a CIG-Ensino, todo isto implica que exista unha dotación orzamentaria que permita desenvolver á Lei pola igualdade e non discriminación de persoas LGTBI en Galiza,  así como para poñer en marcha un Protocolo educativo para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero, xunto con fondos precisos para un plan de formación para o persoal docente.

Bermello sinala que desde a CIG-Ensino “apostamos por promover un ensino laico e de calidade que integre a dignificación e o recoñecemento das diferentes opcións sexuais e a diversidade familiar, educando na liberdade para enfocar a vida persoal e sexual de cada quen, a través da visibilidade desta realidade diversa nas materias educativas, impulsando e apoiando aquelas producións culturais e didácticas que inclúan a realidade LGTBI para potenciar referentes positivos da homosexualidade, bisexualidade, transexualidade e intersexualidade, poñendo especial fincapé na súa divulgación nos centros de ensino infantil, medio e superior”.

O secretario nacional da CIG-Ensino advirte que “vivimos nunha sociedade heteropatriarcal” que nos asigna roles por cuestión de sexo, “na que a liberdade na identidade de xénero non está garantida e na que os estereotipos fomentados pola televisión, publicacións e as redes sociais que as difunden non fan nada doado o labor de erradicar dos nosos centros comportamentos discriminatorios contra os colectivos LGBTI”.

Hai que promover entre o noso alumnado o respecto á libre orientación afectivo-sexual e a identidade de xénero

 A isto engade que, como docentes “temos un papel importante para favorecer e promover entre o noso alumnado o respecto á libre orientación afectivo-sexual e a identidade de xénero. Sabemos que só desde o rexeitamento a todo tipo de acoso sexista e homofóbico, de non participación en situacións de acoso, de apoio e defensa das persoas violentadas, seremos quen de construírmos unha sociedade  máis libre e mellor”.

Por iso, desde a CIG-Ensino animan a todo o profesorado a traballar neste camiño e a esixir da Consellaría que asuma a súa responsabilidade neste terreo.