CIG-Ensino pide flexibilizar o permiso por nacemento da outra persoa proxenitora no caso de hospitalización

Entenden que a Consellaría non pode obstaculizar o exercicio dos dereitos
Nacional - 14 Dec 2017

A CIG-Ensino vén de presentarlle un escrito á Consellaría de Cultura e Educación para que facilite a interpretación da Orde do 29 de xaneiro que regula os permisos, licenzas e vacacións do persoal docente co fin de resolver unha situación que padecen algúns pais e nais cando as súas crianzas requiren hospitalización tras o nacemento.

En concreto, esta Orde recolle no artigo 17 o dereito da nai a sumar até 13 semanas máis ao que lle corresponde por  permiso por parto (20 semanas a partir de 2018) no caso de que os/as fillos/as sexan prematuros ou requiran hospitalización por calquera outra causa; ou ben no artigo 8 o dereito do persoal funcionario docente a reducir a xornada ou a ausentarse durante dúas horas diarias mentres dure o período de internamento clínico.

Porén, ningún destes dereitos lle corresponden á outra persoa proxenitora que ve como no artigo 18 da citada norma se pecha calquera posibilidade de flexibilidade. En concreto, a Orde recolle que “o persoal funcionario que non estea a gozar do permiso por parto previsto nesta lei ten dereito a un permiso retribuído de 29 días de duración (5 semanas a partir de 2018), do cal se fará uso a partir da data de nacemento”.

Conculcar un dereito

A Consellaría acóllese a este punto para indicar que o/a outro/a proxenitor/a só pode gozar deste permiso inmediatamente a partir do nacemento, deixando en clara situación de indefensión a este persoal docente. “É evidente que mentres permanecen hospitalizadas as crianzas están atendidas polo persoal sanitario e a redución de xornada das persoas proxenitoras pode ser suficiente para afrontar esta situación. Namentres que unha vez no domicilio, e mais tratándose de nenos/as que veñen de sufrir algunha complicación ou de ser prematuros, requiren de máis coidados e atención”, sinalan.  

Desde a CIG-Ensino entenden que os proxenitores que se ven nesta situación, que xa de por si é complexa, non poden ver conculcado o seu dereito a estar de permiso en igualdade de condicións con respecto a calquera outro pai ou nai (dado que a maioría o gozan no seu domicilio).

Flexibilizar a interpretación da norma

Así pois, a central solicítalle á administración que flexibilice a interpretación da norma ou en último caso que modifique a súa redacción para, ou ben ampliarlle ao profesorado afectado o dereito de redución horaria ou a ausencia parcial ao traballo mentres dure a hospitalización, ou ben se sumen os días de internamento como no caso do permiso que lle corresponde ás nais.

En calquera caso, a administración debería cando menos facilitarlle a outra persoa proxenitora que decida o momento no que quere comezar a gozar do seu permiso para evitar que, por exemplo, cando os fillos ou fillas sexan dados de alta xa o teña esgotado e estea incorporado ao seu posto de traballo.