CIG-Ensino rexeita a proposta de Educación que “pecha en falso as negociacións” e “despreza e divide o profesorado”

Tardarase unha década en reducir as ratios en Infantil e Primaria e non se negociarán as de ESO e Bacharelato até o curso 2027-2028
Nacional - 06 Out 2023

A negociación do “Acordo sobre mellora das condicións laborais e do funcionamento do sistema educativo” tivo na reunión da mesa sectorial desta mañá “a única sesión que mereza o nome de negociación”. Así o valora a CIG-Ensino, que considera que a proposta inicial da Consellaría foi “absolutamente inasumíbel”, aínda introducindo algunhas melloras, especialmente no cómputo das ratios na aula se existe alumnado con discapacidade,  dependencia ou trastornos graves de conduta. No resto, entende que “seguía sendo un insulto para o profesorado”. Por iso, fixo un chamamento ao resto de sindicatos para “non ceder á chantaxe da Consellaría e convocar unha folga unitaria na que se lle dea voz ao profesorado para mobilizarse contra unha proposta que non recupera o horario recortado e inclúe unha redución de ratios cun calendario moi extenso”. Chamamento ao que non recibiu resposta.

Ante a proposta “totalmente inaceptábel” da consellaría de Educación, a CIG-Ensino fixo unha intervención crítica pero propositiva, lembrando que o que demanda é “nin máis nin menos que recuperar os dereitos que xa tivo o profesorado galego e que levan máis de unha década recortados: volver ás 21 horas semanais en infantil e primaria e ás 18 no resto de etapas con vontade de negociar a súa aplicación nos dous próximos cursos”.

Alén disto, o secretario nacional da central maioritaria, Suso Bermello, lamentou que con esta proposta, e coa intención da Consellaría de que non haxa máis reunións, “aquí comeza e acaba a negociación” e afeoulle aos responsábeis da administración que “se escuden nunha cuestión orzamentaria para non mellorar as súas propostas”.

Entre outras razóns apuntou que en plena precampaña electoral Rueda xa está anunciando novas rebaixas fiscais nos orzamentos da Xunta para quen máis ten; que o profesorado e a sociedade galega ve todos os días como se seguen dilapidando cartos públicos tanto por parte da Xunta como da Consellaría e que a proposta de redución de ratios se fará claramente a custe cero porque, tal e como se pode ver no calendario de aplicación proposto pola Consellaría, en infantil e primaria non estará executada até o curso 2032/33.

Unha década para reducir as ratios

Ademais, a CIG-Ensino foi moi crítica con que non se teña intención de iniciar a negociación do calendario de aplicación de redución de ratios na ESO e no Bacharelato até que remate a implantación en infantil, é dicir, non negociar nada até o curso 2027-2028, polo que “estariamos ante un escenario no que o profesorado de secundaria non vería rematada esta medida até o 2038/39, de agardarse a que remate a aplicación en primaria”.

Diante disto, Suso Bermello denuncia que “o que está facendo a Xunta é unha proxección demográfica e botar contas para que ningunha destas medidas lle teña un sobrecuste económico”, alén de que introduce un apartado na súa proposta, o 2.3, que é unha blindaxe para que esa redución de ratios, na práctica, non se teña que cumprir porque sempre que non haxa espazo dispoñíbel nun centro se mantería a ratio por riba de 20 incorporando unha mestra de primaria máis como máximo no centro.

Por iso pregúntase que ocorrería se esa excepcionalidade se produce en 3 ou 4 aulas, ou na etapa de infantil, e conclúe que “nada, autorizaríase manter a ratio por riba de 20 en todas elas coa incorporación dunha única mestra no centro”.

 

Para Bermello, o que persegue a Consellaría con esta proposta é “que o seu efecto teña o menor impacto posíbel a nivel orzamentario e a menor incidencia na mellora das condicións laborais porque baixarlle ao profesorado de educación infantil e primaria unha hora lectiva é realmente un insulto”.

Peche en falso das negociacións

Logo da defensa das diferentes posicións sindicais, a Consellaría confirmou que esta sería a última reunión e que se limitaría a incorporar algunha novidade no documento. Así, as únicas melloras que anunciou para incorporar nun texto final que enviará o luns presentáronse como un punto final, non aberto a posíbeis modificacións, e no que “só lles queren dar ás organizacións sindicais o papel de decidir se se entregan ou non á chantaxe de que non se aplicaría ningunha medida se non asinaba algunha organización sindical”.

As novidades anunciadas foron:

  • O alumnado repetidor computaría na ratio.
  • Elevar o complemento de sexenios ao 20%, cun prazo do 10% en xaneiro de 2024 e o outro 10% en xaneiro de 2025.
  • Adiantar un ano a suba no complemento de titoría, que sería efectivo cun 10% no 2024 e outro 10% no 2025. A suba total sería de 10,64€ co valor de hoxe.
  • Reducir a 23 sesións lectivas en Infantil e Primaria e incorporar unha referencia a que o horario do profesorado das demais etapas educativas se abordaría nunha “futura negociación” do horario xeral no caso de que se reduza o horario de todo o funcionariado desde as 37´5 ás 35 horas.

A CIG-Ensino ten presente que a redución do horario do profesorado de Infantil e Primaria a 23 horas está no camiño correcto e que situaría a negociación onde o sindicato considera que debe estar: na recuperación do horario previo aos recortes, cun período de aplicación en dous cursos até chegar ás 21 horas.

Non prestar apoio ao acordo

Porén, o sindicato incidiu en que non pode prestar o seu apoio a un acordo que divide o profesorado e deixa fóra a todos os demais corpos docentes que levan desde 2012 cunha ampliación desde as 18 ás 20 horas. Se os recortes foron para todo o profesorado, a recuperación de dereitos ten que ser xeral e nos mesmo prazos.

Considera, ademais, que a Xunta de Galiza minte cando afirma que non aplicaría ningunha mellora se non conta con algún sindicato que acepte asinar, porque “hai alguén que pense que, no momento preelectoral no que estamos, podería presentarse Rueda afirmando que retira a redución das ratios?”.

Porén, a CIG-Ensino non obtivo resposta por parte das demais organizacións sindicais á iniciativa do sindicato maioritario de facer unha fronte común, superando as enormes diferenzas que se evidenciaron na maneira de afrontar esta negociación, e convocar mobilizacións e unha folga unitaria para forzar á Xunta a incorporar no texto, cando menos:

  • Unha redución do horario lectivo para todo o profesorado, recuperando as 18 e 21 sesións lectivas nos diferentes corpos nun máximo de dous cursos.
  • A redución do calendario de aplicación das ratios en todas as etapas, incorporando xa no texto o calendario de todas elas, recoñecendo o seu carácter legal e de máximos e eliminando, por tanto, a excepcionalidade máis alá do período de implantación dos cambios.
  • A aplicación no curso 2024/25 de medidas concretas para a redución da burocracia que se incorporen xa no acordo, incluíndo o incremento de liberación horaria para cargos directivos, coordinación e acción titorial.

A CIG-Ensino reitera agora publicamente o que dixo na Mesa: “a representación do profesorado non pode deixalo tirado, non pode ceder a chantaxes nin aceptar que sexa a Consellaría a que decida cando, como e que se negocia, conformándose cunha recuperación incompleta do horario para unha parte do profesorado ou dando po bo que se nos pode mercar cunha esmola retributiva que nin sequera se aplica a todo o profesorado por igual”.