CIG-Ferrol denuncia o despedimento dun traballador de Refesa, candidato da central ás próximas eleccións sindicais

Considera que se trata dun caso de represión sindical e advirte que tomará as medidas necesarias para acadar a súa readmisión
A Coruña - 18 Feb 2016
A Unión Comarcal da CIG de Ferrol vén de denunciar o despedimento dun traballador de Remolcadores Ferrolanos S.A. (Refesa). Unha medida que entende se trata dunha acción de represión sindical, por canto o compañeiro despedido é o candidato da central sindical no proceso de eleccións que se vai celebrar no centro de traballo o vindeiro luns 7 de marzo.

Dende a Unión Comarcal fan un chamamento ás traballadoras e traballadores da empresa e doutros remolcadores da ría de Ferrol “para que mostren a súa solidariedade e apoio ao compañeiro despedido por dar o paso de defender as condicións laborais a través do noso sindicato”.

Así mesmo, a CIG esixe á empresa a readmisión inmediata do traballador despedido e, en caso contrario, “farémola responsábel de todos os conflitos que se produzan nos remolcadores da ría de Ferrol. “Non irnos consentir que a dirección de Refesa utilice o despedimento para someter aos seus traballadores e traballadoras”.